Fundación USC Deportiva USC
Inicio > Actualidade > Axenda > Evento

Evento

24 outubro. Ruta da Torre de Doncos. As Nogais

A ruta da Torre de Doncos, no concello de As Nogais, é unha ruta curta pero moi intensa en canto á beleza das súas paisaxes.

É un percorrido circular que comeza e remata en As Nogais. Os primeiros quilómetros, que nos levan ata a parroquia de Doncos son coñecidos para nós, que xa os fixemos na úlitma ocasión que visitamos este concello facendo a ruta da Serra Longa. Son pouco máis de 3 quilómetros por un camiño (pista) moi amplo entre bosques que une a capital do concello con Doncos. Unha vez aquí temos que dirixirnos ao val de río Navia o cal temos que cruzar por unha ponte ao carón do Muíño da Veiga.

Seguimos por fermosos camiños por zonas boscosas ata chegar á Torre de Doncos, situada nunha atalaia de enorme beleza, onde o río xa lle serve como foxo. O camiño segue entre bosques, subindo pouco a pouco ata o lugar de Chan de Vilar situado nun alto entre os vales dos ríos Navia e o Boullón. Aquí comeza o descenso ata As Nogais, pasando polo lugar de Robledo. O percorrido non ten dificultades salientables, salvo a lama que atopemos e os desniveis.

A Torre de Doncos

Os primeiros restos de asentamentos nas Nogais pertencen á cultura castrexa, destacando os castros de  Vilabol,  Vilaesteva e  Quintá. Así mesmo, algúns historiadores sitúan aquí a mansión romana de "Ponte  Naviae", situada na calzada romana de Braga a Astorga e boa mostra do asentamento romano nestas terras; pero, na antigüidade, As Nogais foi lugar notable do camiño real de Castela -último treito da subida a  Piedrafita-, sendo a torre de  Doncos e os castelos de  Doiras e  Valcarce quen defendían esta entrada en Galicia.

Recoñecido é, tamén, que o adiantado maior de Galicia, García Rodríguez de  Valcarce era o dono de  Doncos alá polo século  XIV, mentres que no século  XV pertencía ao conde de Ayala e á condesa de Monterrey. No século  XVII, Doncos é xa unha torre abandonada, propiedade de Fernando de Toledo. Polo que se refire ao beneficio eclesiástico correspondía á casa e señorío de  Torés, tenencia do  marquesado de  Camarasa.

No século XIX, en plena Guerra da Independencia, os habitantes das Nogais resistíronse ao avance das tropas francesas, que devastaron a torre de  Doncos, ademais doutros lugares do termo municipal. Posteriormente, en 1835, os veciños formaron unha partida de voluntarios para perseguir aos carlistas (Fonte: terrasdelugo.info)

  • Lonxitude: 13 km aproximadamente
  • Dificultade: media
  • Desnivel: medio
  • Hora de saída: ás 09:00, diante da piscina universitaria
  • Hora de regreso: ás 19:30 h. aproximadamente.
« Novembro - 2020 »
L Ma M X V SD
  01
02 03 04 05 06 07 08
09 10 11 12 13 14 15
16 17 18 19 20 21 22
23 24 25 26 27 28 29
30