Fundación USC Deportiva USC
Inicio > Actualidade > Axenda > Evento

Evento

Sábado 22 de xuño. Ruta de sendeirismo. Os Peares. A Peroxa.

Camiñada por terras do concello ourensán d'A Peroxa para percorrer o sendeiro homologado PR-G 179, Ruta do río Miño.

Comezaremos na aldea de Vispín e en pouco tempo chegaremos á carballeira do Amparo, na parroquia de Carracedo, onde hai unha ermida. Continuaremos subindo suavemente por cómodos camiños ata chegar a A Peroxa. Unha vez aquí, o percorrido será fundamentalmente en descenso.

Pouco despois de abandonar o pobo acadaremos os restos do castelo medieval d'A Peroxa, construído sobre un antigo castro. Dende aquí teremos unhas moi boas e fermosas vistas. O descenso dende o castelo ata a aldea de Pousada será o tramo máis complicado da xornada, porque a pendente é forte e o camiño algo incómodo, xa que é pedregoso e coa vexetación algo pechada. En calquera caso, nada fóra do normal dentro dunha ruta de sendeirismo. En Pousada continuaremos camiñando cara o Miño, xa por camiños moito máis cómodos.

Os últimos 6 km, xa pegados ao Miño, son completamente chans. A ruta rematará na praia fluvial de Os Peares.

Cabe destacar, especialmente tendo en conta a época do ano, que a maior parte do percorrido transcorre por zonas arboradas con bastante sombra.

É posible que o día da ruta a praia fluvial dos Peares xa estea acondicionada para o baño. De ser así, uns días antes enviarase un correo electrónico ás persoas inscritas na actividade para avisar de que poden levar bañador e toalla xa que habería un tempo para darse un baño.

  • Lonxitude: 16 km aproximadamente
  • Desnivel: medio (fundamentalmente de baixada)
  • Dificultade: media
  • Hora de saída: ás 09:00 h, diante da piscina universitaria
  • Hora de regreso: ás 19:30 h, aproximadamente
« Maio - 2019 »
L Ma M X V SD
  01 02 03
04
05
06 07
08
09 10 11 12
13 14 15 16 17 18 19
20 21 22 23 24
25
26
27 28 29 30 31  

Sábado 4 de maio. Ruta de Montaña. Pico Formigueiros. O Courel

Nesta xornada de montaña imos intentar acadar o cumio máis alto da serra do Courel, o pico Formigueiros, a 1.640 metros de altitude.

Mércores 8. de maio Roteiro. Ruta da Auga. Caldas de Reis

Esta ruta comeza no centro de Caldas, xunto ao seu pequeno xardín botánico e a marabillosa carballeira, e continúa polo paseo fluvial do Umia.

Sábado 25 de maio. Ruta de Lecer. Ecopista de Valença a Monção.

Comezaremos a camiñada Ecopista do Minho na fortaleza de Valença do Minho.