Fundación USC Deportiva USC
Inicio > Deporte e... > Fichas > Ficha

Ficha

Libros

Directrices de actividade física da UE

En setembro de 2008, o Grupo de Traballo da Unión Europea “Deporte e Saúde” aprobou un documento que titulou Directrices de actividade física da UE. Actuacións recomendadas para apoiar a actividade física que promove a saúde. Esta achega foi ratificada polos ministros dos Estados membros nunha xuntanza celebrada en Biarritz o 27 e 28 de novembro de 2008.

O grupo de Saúde e Deporte daba conta, así, ao chamamento realizado polo Consello de Ministros da Unión celebrado en Finlandia en 2006 solicitando a elaboración dun conxunto de directrices e recomendacións co obxectivo de lograr un incremento significativo da actividade física.

Un comité de 22 expertos iniciou os seus traballos para definir mancomunadamente políticas de integración dos esforzos que actores públicos e privados estaban a realizar en materias como deporte, saúde, educación, transporte, planificación urbana, deseño de contornas laborais, servizos para persoas maiores ou promoción do lecer co obxectivo compartido de favorecer estilos de vida saudables.

O documento ofrece un marco de aplicabilidade máis preciso para as directrices da Organización Mundial da Saúde (OMS) e a propia Unión Europea, enfatiza medidas orientadas á acción e enfócase singularmente na acción física -e non en materias relacionadas como nutrición e salubridade- que, desde 2008, informan guías de actuación de diferentes administracións. Para o que se avalían as achegas realizadas pola OMS e toma en consideración as achegas realizadas por expertos europeos en O Libro Branco. Estratexia Europea sobre problemas de saúde relacionados coa alimentación, o sobrepeso e a obesidade e no Libro Branco sobre o Deporte.

Directrices de actividade física da UE debulla, en primeiro termo, os efectos beneficiosos da actividade física sobre a saúde con impactos significativos na redución da mortalidade das doenzas cardiovasculares, na redución de problemas de sobrepeso e obesidade, e na melloría de forza e capacidade de resistencia muscular, ademais de ser un axuda relevante para a relaxación de tensión e a mingua do estrés, a moderación de síntomas de ansiedade e depresión, e un reforzo considerable da autoestima e positivización da nosa imaxe persoal.

As 41 directrices

O comité de expertos salientan 41 directrices:

  1. Recomendar un mínimo de 60 minutos diarios de actividade física moderada para nenos e mozos, e un mínimo de 30 minutos de actividade física moderada para adultos e persoas maiores.
  2. Tomar como referencias complementarias as indicacións da OMS sobre obesidade e actividade física.
  3. Favorecer a cooperacións transversal entre diferentes administracións públicas para facer máis doado e atractivo o aumento de actividade física.
  4. Favorecer acordos marcos entre gobernos centrais, rexionais e locais para promover o deporte a actividade física.
  5. Impulso de iniciativas para coordinar e promover o financiamento público e privado da actividade física e facilitar o seu acceso para toda a poboación.
  6. Priorizar na subvención pública de actividades aqueles proxectos de “deporte para todos” e organizacións que permiten involucrarse ao máximo número de persoas, independentemente do seu nivel de execución.
  7. Establecer instrumentos para xestionar, facer seguimento e avaliar os proxectos de “deporte para todos” subvencionados.
  8. O financiamento debe estar dirixido, principalmente, ás actividades de “deporte para todos”, tendo en conta que as organizacións de deporte de elite deben comprometerse neste tipo de actividades.
  9. Debe promoverse a investigación para achegar novos coñecementos no campo das actividades físicas e os seus beneficios.
  10. As organizacións deportivas deben promocionar actividades e eventos atractivos que permitan o contacto entre diferentes grupos sociais e capacidades físicas diversas, independentemente da raza, grupo étnico, relixión, idade, xénero, nacionalidade e estado de saúde física ou mental.
  11. As organizacións deportivas deben cooperar coas universidades e as escolas obradoiro para desenvolver programas de formación para adestradores, instrutores e outros profesionais deportivos co obxectivo de aconsellar e prescribir actividade física a individuos sedentarios e aqueles outros con discapacidades motrices e psíquicas que desexen practicar un deporte.
  12. As organizacións deportivas deben incluír na súa oferta programas de exercicios relacionados coa saúde dirixidos para todos os grupos de idade (atletismo, natación, deportes de pelota ou balón...).
  13. Hai que pular o potencial das organizacións deportivas para ofrecer programas rendibles e de calidade probada para a promoción da saúde e a prevención.
  14. Debe procederse á creación de bases de datos para o seguimento estatístico da actividade física na escala nacional.
  15. As autoridades deben identificar que profesións teñen as competencias necesarias para promover a actividade física e estimular as súas intervencións e o seu recoñecemento.
  16. Os médicos e outros profesionais da saúde deberían facilitar a conexión con axentes de seguros, asociacións e particulares para acrecentar o acceso aos programas de actividade física.
  17. Débese recoñecer o traballo dos profesionais da saúde nos labores de sensibilización e promoción respecto das actividade física.
  18. As autoridades públicas deben promover sistemas de seguros de saúde que se convertan en actores principais na promoción da actividade física.
  19. Debe poder prescribirse desde o sistema de saúde e os seguros a realización de actividade física.
  20. Nos servizos sanitarios gratuítos, os Estados membros, deben intentar promover a actividade física en todos os grupos de idade, incluíndo estratexias de incentivos (bonus de boa forma física) dentro das súas estratexias preventivas.
  21. Debe favorecerse o compendio e accesibilidade das directrices nacionais para a educación física dirixidas a profesores de educación física para promover a saúde en escolas infantís, colexios e centros de educación primaria e secundaria.
  22. Deben deseñarse módulos de educación física para promover a saúde e para a formación de profesores en escolas infantís e centros de educación primaria e secundaria.
  23. Debe favorecerse a información sobre a necesidade de actividade física, a mellor forma de introducila na vida cotiá e os cambios no estilo de vida, e o seu acceso e difusión entre os profesionais da saúde, adestradores, xestores de centros deportivos e de lecer, xornalistas, moi especialmente durante os seus estudos e formación profesional.
  24. Deben incluírse os temas relacionados coa actividade física, a promoción da saúde e a medicina deportiva nos currículos das profesións sanitarias na UE.
  25. En todos os lugares do territorio axeitados para o transporte en bicicleta, as autoridades nacionais, rexionais e locais deben planificar e crear infraestruturas apropiadas para permitir que os cidadáns vaian ao colexio e ao traballo en bicicleta.
  26. Débense ter en conta sistematicamente outros tipos de transporte activos na planificación nacional, rexional e local, sendo o obxectivo asegurar as condicións de seguridade, comodidade e viabilidade.
  27. Os investimentos en infraestruturas para o transporte a pé e en bicicleta deberían acompañarse de campañas informativas dirixidas a explicar os beneficios para a saúde do transporte activo.
  28. Cando as autoridades responsables da planificación outorguen os permisos de construción de barrios novos, ou cando sexan eles os que os constrúen, deben incluír na autorización ou na súa planificación a necesidade de crear unha contorna segura para a práctica da actividade física por parte da poboación. Ademais, deben ter en conta as distancias e asegurar a posibilidade de camiñar ou ir en bicicleta desde o fogar até as estacións de tren, as paradas de autobús, as tendas e outros servizos, e os lugares de lecer.
  29. As administracións locais debe considerar o ciclismo como parte integral da planificación e a enxeñaría urbana. Os carrís e aparcadoiros para bicicletas débense deseñar, desenvolver e manter, tendo en conta os requirimentos básicos de seguridade. Anímase aos gobernos locais a intercambiar información sobre as mellores actuacións da UE para atopar solucións prácticas e económicas máis axeitadas.
  30. As autoridades públicas responsables da policía de tráfico deben asegurarse de que garanten os niveis axeitados de seguridade para peóns e ciclistas.
  31. As autoridades públicas deben procurar non só a protección do medio ambiente por si mesmo, senón tamén o seu potencial para proporcionar lugares ao ar libre atractivos para a actividade física. Débese establecer un sistema de xestión efectiva de conflitos para equilibrar as necesidades de diferentes usuarios, en especial as dos visitantes monitorizados e non monitorizados.
  32. As autoridades públicas deben buscar a maneira de asegurar que non se marxinan, na planificación e no deseño da comunidade, as necesidades que teñen as crianzas de xogar.
  33. Os empresarios e os sindicatos debe incluír nos seus acordos requirimentos para o lugar de traballo que faciliten un estilo de vida activo desde o punto de vista físico: Poderían ser exemplos de tales requirimentos os seguintes: (1) Acceso a instalacións interiores e exteriores para facer exercicio; (2) Dispoñibilidade dun profesional de actividade física tanto para exercicios conxuntos como para dar consellos personalizados; (3) Apoio a iniciativas de participación deportiva relacionadas co lugar de traballo; (4) Apoio ao transporte en bicicleta e a pé desde e cara o lugar de traballo; (5) Se o traballo é monótono ou pesado até o punto de implicar un maior risco de problemas músculo-esqueléticos, débese proporcionar acceso a exercicios deseñados especificamente para contrarrestar estes problemas; (6) Unha contorna de traballo favorable á actividade física.
  34. Poderanse entregar Certificados Nacionais de Saúde nos lugares de traballo nos que se dea prioridade a un estilo de vida fisicamente activo.
  35. Á vista do incremento da lonxevidade, a UE debe incrementar a investigación das conexións entre a actividade física dos cidadáns maiores e a súa saúde psicolóxica e fisiolóxica, así como a identificación das formas para concienciar sobre a importancia de ser activo desde o punto de vista físico.
  36. As autoridades deben proporcionar instalacións que faga que a actividade física sexa máis accesible e atractiva para a terceira idade, tendo en conta que o gasto nestas instalacións suporá un aforro de diñeiro en tratamento médico.
  37. O persoal encargado do coidado de maiores en casa ou en institucións debe prestar especial atención para asegurar que se sigue realizando un volume apropiado de exercicio compatible coas condicións de saúde.
  38. A implementación de actuacións políticas para a promoción da actividade física débese monitorizar repetidamente, utilizando indicadores predefinidos que permitan a valoración e revisión.
  39. Para que teñan impacto, as campañas de concienciación debe ser combinadas con outras formas de intervención unha estratexia coherente.
  40. A difusión e a implementación destas directrices de actividade física na UE debería apoiarse mediante unha rede EU HEPA baseada na rede europea existente par a promoción da actividade física para a mellora da saúde (HEPA Europe).
  41. Pídese a Comisión Europea que considere como dar apoio financeiro á rede EU HEPA da mellor forma posible para este propósito e como involucrar á rede na implementación e valoración de proxectos relacionados coa promoción da actividade física para a mellora da saúde, e a difusión dos resultados.


As directrices exemplifican estas directivas ofrecendo un catálogo que inclúen 15 experiencias de boas prácticas desenvolvidas en Reino Unido, Luxemburgo, Países Baixos, Hungría, Francia, Austria, Alemaña e Eslovenia.

Tomando como referencia estas directrices, en 2013, o Consello da Unión Europea fixo pública unha Recomendación sobre a promoción da actividade física beneficiosa para a saúde en distintos sectores co obxecto de fomentar unhas actuacións máis eficaces e contribuír ao seguimiento da evolución das políticas de actividade física.

A UE tamén promove a actividade física a través das políticas de saúde que se deseñan na Plataforma Europea de Acción sobre Alimentación, Actividade Física e Saúde.




  • Ficha técnica
Dirección Xeral de Educación e Cultura da Unión Europea: Directrices de actividade física da UE. Actuacións recomendadas para apoiar a actividade física que promove a saúde, 2008, 46 páxinas.