Fundación USC Deportiva USC
Inicio > Deporte e... > Fichas > Ficha

Ficha

Cine

A lenda de Bagger Vance

A lenda de Bagger Vance é unha película de ficción, dirixida por Robert Reford no ano 2000, na que se narra un trofeo de golf en Savanah (Georgia) no que se enfrontan dous dos mellores xogadores norteamericanos de todos os tempos – Bobby Jones e Walter Hagen– cun prometedor xogador local –Rannulph Junuh– a quen os horrores da Grande Guerra arredaron do green. O seu enigmático caddy, Bagger Vance, e Hardy, un neno amador do golf, axudaranlle a superar os seus medos para disputar o trofeo e enfocar doutro xeito a súa vida

As orixes do golf sinálanse no século XV en Escocia, aínda que hai xogos con semellanzas nos Países Baixos documentados xa a comezos do século XIII. Con todo, o golf formalizarase como deporte en Escocia, onde xurdirán os primeiros clubs, se fixará o primeiro regulamento e se deseñará o campo de xogo con 18 buracos.

Xogo de pastores para distraer as horas, o golf converteuse co paso dos anos nun deporte sinalado pola distinción aristocrática e a súa aceptación entre a burguesía dos negocios. A película amósanos o seu arraigo entre as clases podentes dos estados sudistas de EEUU, pero tamén o entusiasmo que xera entre a xente común.

O libro de Steven Pressfield

A lenda de Bagger Vance baséase nunha obra de Steven Pressfield (Trinidad, 1943), un escritor especializado en novelas históricas ámbientadas na antigüidade clásica como Gates of Fire (1998), sobre a batalla das Termopilas; Tides of War (2000), sobre Alcibíades e a Guerra do Peloponeso; ou The Virtues of War (2004) ou The Afghan Campaign (2006), sobre Alexandro Magno. Antes, en 1995, deu ao prelo The Legend of Bagger Vance. Pressfield é ademais autor de guións de películas de aventuras e acción como King Kong 2 (1986), Por enriba da lei (1988), Freejack (1991) ou Joshua Tree (1993).

A lenda de Bagger Vance
mergúllanos no mundo de golf, pero non se esgota no golf como deporte e ábrelle campo como unha derivación da vida e mesmo coma unha filosofía para a vida. Tanto é así que son explícitos os paralelismos entre a novela de Pressfield e a Bhagavad-Gita como se desvela no libro Gita on the Green: The Mystical Tradition Behind Bagger Vance (2000) escrito polo estudoso do hinduísmo Steven J. Rosen.

A película

Rannulph Junuh [Matt Damon] é un dos xogadores de golf con máis futuro de Estados Unidos e un heroe deportivo en Savanah (Georgia). Prometido con Adele Invergordon [Charlize Theron], a finais de 1917 ingresa no corpo expedicionario estadounidense que participará na I Guerra Mundial. Afectado polos horrores da guerra, unha vez que é licenciado, Junuh rompe o seu compromiso con Adele, co golf e todo vencello coa súa vida anterior «para esquecer e ser esquecido».

Finalmente, Junuh retorna a Savanah tras o crash de 1929, cando a Gran Depresión asola a economía norteamericana. Un dos moitos arruinados é o pai de Adele que investiu todos os seus recursos na creación dun gran campo de golf na illa Krewe. A situación de penuria económica amenaza a iniciativa.

Para evitar a creba do proxecto, Adele Invergordon matina celebrar «o mellor torneo de exhibición de golf no mellor campo de golf do mundo» e convence a dous lendarios xogadores –Bobby Jones e Walter Hagen– para que participen na competición. Para completar o elenco búscase un xogador local, ante a carencia de candidatos, Hardy Greaves [J. Michael Moncrief], un cativo entusiasta do golf, propón a Rannulph Junuh.

Junuh rexeita o ofrecemento. Atormentado polas lembranzas da guerra, di ter perdido o swing e hai tempo que non pisa un green. A aparición de Bagger Vance [Willy Smith] que se lle ofrece como caddy vencerá a negativa de Junuh. Vance tornarase no guía espiritual de Junuh. Os consellos e sentenzas de Vance irán dirixindo a recuperación da autoestima do golfista. «Hai un verdadeiro e auténtico swing, o mundo pode roubarnos ese swing, hai mesmo quen chega esquecer ese swing». «O truco é atopar o swing na lembranza de todo o que foi, o que é e o que será». «Ás veces para aprender basta con lembrar». «O ritmo do xogo é o ritmo da vida».

O torneo dispútase en dúas xornadas, cada unha con 36 buracos, e na primeira tirada Junuh fica 12 golpes por detrás de Hagen e Jones. Desolado, pensa no abandono, a sabedoría de Vance e a fe de Hardy Greaves conducirano de volta ao green para pelexar, en desvantaxe, pola vitoria e para darlle a razón ao golfista Ben Hogan que resumiu así a esencia do golf: «Este é un xogo de fallos. O xogador que mellor falle, gaña».

  • Ficha técnica
Título:A lenda de Bagger Vance [Título orixinal:The leyend of Bagger Vance]. Ano: 2000. Xénero: Drama. Nacionalidade: Estados Unidos. Director:: Robert Redford. Reparto: Will Smith, Matt Damon, Charlize Theron, Bruce McGill, Joel Gretsch, Lane Smith, Dermot Crowley, Peter Gerety, Thomas Jay Ryan, J. Michael Moncrief, Michael O´Neill, Trip Hamilton, Harve Presnell, Danny Nelson, Jack Lemmon. Guión: Jeremy Leven e Steven Pressfield. Fotografía: Michael Ballhaus. Duración: 127 minutos.

Requírese Flash!

A lenda de Bagger Vance. Atopar o swing.