Fundación USC Deportiva USC
Inicio > Deporte e... > Fichas > Ficha

Ficha

Libros

Zen en dez sinxelas leccións

O zen naceu do budismo, tamén dun diálogo co taoísmo, como unha relixión; medrou como filosofía; e configúrase, no noso tempo, como un influente e ricaz modo de vida.

Desde o século VI a.C. a cartografía do zen non deixou de ampliarse: desde a India orixinaria a China e sueste asiático, a Xapón no século VIII, onde se consolida no século XII, e desde o País do Sol Nacente cara a Occidente cando demediaba o século XIX, mais será na década dos sesenta do pasado século cando o zen afiance a súa presenza nas sociedades industrialmente desenvolvidas de Europa e Norteamérica. A mediados dos noventa en Occidente contábanse xa cinco millóns de budistas. O zen, a día de hoxe, é unha referencia vital para milleiros de persoas como relixión ou filosofía, como medio para lograr unha maior conexión espiritual, como un vieiro para serenar as emocións ou como unha técnica de relaxación.

O zen en dez sinxelas leccións

Malia a riqueza e diversidade das súas expresións, Antony Man-Tu Lee e David Weiss, conseguiron, felizmente, acoutar os aspectos esenciais do zen nunha decena de precisas exposicións, construíndo unha guía de iniciación suxestiva e de gran fondura pedagóxica. Zen en 10 sencillas lecciones transmite con liviandade e rigor coñecementos complexos, despexa dúbidas e equívocos,  deconstrúe estereotipos e estimula, ao mesmo tempo, a reflexión e unha aprehensión persoal da sabedoría do zen. E faino cunha sistemática, case que enciclopédica, xa que poucas expresión ou manifestacións do zen fican fóra da atención dos seus autores, Antony Man-Tu Lee e David Weiss, dous canadenses, profesores e expertos en filosofía, arte e cultura asiática. Alén de todo isto, o libro ofrécese como un útil guieiro para diferenciar o que é un auténtico estilo de vida zen do que é unha temporeira moda ou unha intelixente mercadotecnia.

Eis os dez chanzos que nos propoñen Antony Man-Tu Lee e David Weiss

  • 1. As orixes do zen. Un repaso pola xenealoxía histórica e a difusión planetaria do zen, desde Buda ao seu enraizamento nas sociedades actuais.
  • 2. Principios fundamentais do zen. Unha visión –nin dogmática, nin doutrinaria– dos alicerces do zen como escola budista, cunha achega compresiva aos seus principios (Todas as cousas da vida son efémeras, toda vida é inherentemente dolorosa, e detrás de toda realidade hai unha ilusión fundamental, todo xorde dun Gran Baleiro Común e retorna ao mesmo nun ciclo interminable). Repárase ademais nas catro promesas (Liberar a todos os seres; vencer todas as paixóns, estudar as innumerables ensinanzas, acadar a vía do Buda) e nas dez abstencións que se deben evitar (Matar, roubar, levar unha vida sexual desordenada, mentir, vender ou mercar bebidas alcohólicas, falar mal dos outros, loarse a un mesmo, axudar de mala gana, ter ira, desdeñar a doutrina budista). E os autores fan, por cabo, unha aproximación sintética ás principais escolas zen (Rinzai e Soto).
  • 3. O elemento básico do zen: o zanzen. Zazen significa «zen sentado». Non é exactamente unha forma de meditación, a idea básica é que un simplemente se senta e observa como os seus pensamentos veñen e van sen aferrarse a ningún deles, transformándonos en observadores pasivos dos nosos propios procesos mentais. Un capítulo dedicado á postura e xeitos de sentarse, á duración da práctica e aos modos de contar as respiracións.
  • 4. O zen no fogar. Como transformar o fogar nun santuario acaído para a práctica do zen, como ordenar os espazos e crear unha boa ambientación, como levantar barreiras que nos isolen das distraccións e unha serie cumprida de consellos para aplicar os principios do zen ao deseño de interiores cos que potenciar os espazos, eliminar obxectos innecesarios, dispoñer os elementos dun xeito harmonioso e elixir unha decoración adecuada. Tamén un compendio de intelixentes consellos para enfrontarnos á cultura do consumo que devora os nosos tempos.
  • 5. O zen no traballo. Para salvar a fenda no noso mundo de vida e do traballo, os autores reflexionan sobre como integrar os principios zen nas nosas actividades profesionais e, tamén, en como adaptar e redeseñar os nosos espazos de traballo desde a home-oficce ás instalacións empresariais. Unha medida guía para centrarse no traballo e lograr o desapego respecto as súas consecuencias negativas.
  • 6. Os xardíns zen. Aínda que o xardín zen é unha etiquetaxe occidental máis que un concepto oriental, Man-Tu Lee e Weiss achéganos unha útil bricolaxe para construírmonos un espazo de reencontro e contemplación da natureza e ofrecen unha completa panorámica de referencias desde a illa de roca de Ryonanji, ao bosque de brión de Saihoji, os pavillón solitarios ou o Monte Fuji.
  • 7. O zen, o Eu e os demais. Hai unha psicoloxía zen, mesmo unha psicoterapia que nos axuda a enfrontarnos a dor e as adversidades, tamén a construír mellores relacións interpersonais e nos nosos grupos de socialización. A maiores os autores ofrecen un cadro dos diálogos do zen con outras filosofías e relixións.
  • 8. Actividades zen. Como estar ausente dunha maneira controlada, como liberar a mente a través do exercicio de prácticas tan distantes como a caligrafía, a pintura, a esgrima, as artes marciais, o tiro con arco e a cerimonia do té ou tamén da redacción dun diario ou do exercicio do humor.
  • 9. O deseño zen. Hai iconografía e estilo zen alén do que nos ofrece da mercadotecnia oportunista? Para convencernos Man-Tu Lee e Weiss fan un repaso das súas formas e estilos na pintura, na poesía, no deseño gráfico e na cerámica e realizan unha apoloxía amable do wabi –o gusto estético polo sinxelo e práctico– e o sabi –o recollemento melancólico–.
  • 10. Continuar o camiño. Un convite para iniciarnos na práctica do zen en comunidade e a visita aos seus tempos, centros e lugares de retiro.

Pero hai máis, un vocabulario orientador, unha bibliografía introdutoria ao mundo zen e un directorio de ligazóns para moverse na Rede na procura de novos recursos e saber máis. Todo encadernado nun libro de coidada edición cun exquisito deseño e unha magnífica composición visual e tipográfica.



  • Ficha técnica
Anthony Man-Tu Lee & David Weiss: Zen en 10 sencillas lecciones, Vergara: Bos Aires, 2005, 144 páxinas.