Fundación USC Deportiva USC
Inicio > Deporte e... > Fichas > Ficha

Ficha

Libros

El Alpe d'Huez

Alpe-d'Huez convoca as emocións dos afeccionados ao ciclismo e chamou tamén polas letras de Javier García Suárez que ficciona a historia dun corredor veterano que se enfronta ao desafío da escalada máis dura do Tour cando xa se anuncia o crepúsculo da súa carreira deportiva.

Alpe-d'Huez: o cumio da gloria

En 2013 o Tour de Francia sumará 100 edicións e vaino celebrar cunha dobre subida ao Alpe-d'Huez, o lendario cumio dos Alpes, escenario de épicas etapas de montaña. Este ano, outra proba clásica do ciclismo, o Critérium de Dauphiné, antesala do Tour, incluirá no seu trazado o ascenso a estación alpina. Os afeccionados ao ciclismo de alta montaña están de noraboa.

O Tour descubriu o Alpe-d'Huez en 1952, Fausto Coppi fíxose coa vitoria na súa primeira ascensión. A escalada máis rápida, en tan só 36' 50'', foi a do malogrado Marco Pantani en 1995. Seis corredores gañaron en dúas ocasións as etapas coroadas polo Alpe-d'Huez: Joop Zoetemelk, Hennie Kuiper, Peter Winnen, Gianni Bugno, Marco Pantani e Lance Armstrong. Estas son cifras titánicas desta epopea ciclista: en 13,1 quilómetros, con 21 curvas de ferradura, sálvase un desnivel de 1.073 metros, cunha pendente media do 8,2% e unha máxima de 11,5%.  

O autor

Javier García Sánchez (Barcelona, 1955) é autor dunha trintena de obras de ficción en prosa. La dama del Viento Sur (1985), pola que recibiu o premio de novela Pío Baroja, converteuno nun escritor de referencia, fama ratificada polos éxitos de El mecanógrafo (1989, Premio El Ojo Crítico de RNE), La historia más triste (1992, Premio Herralde de Novela) e Dios se ha ido (2003, Premio Azorín de Novela). En 1994 deu ao prelo El Alpe d'Huez, unha obra de ficción sobre o ciclismo, ao que seguirán outros títulos nos que o deporte é materia para a imaxinación literaria como K2 (2006), onde debulla os desafíos das escaladas no Himalaia. A súa escrita retornará ao ciclismo cunha biografía sobre Miguel Indurain (Indurain, una pasión templada, 1997).

O libro

Alguén escribiu que o amor polo ciclismo se profesa subindo á bicicleta pero tamén escribindo. Javier García Sánchez dá fe do seu amor ao ciclismo na bicicleta e na escrita. Comparte rutas cos membros do Club Ciclista de Sant Boi e o Club Ciclista Castedefells e, nas entrevistas literarias cando lle dan ocasión, fachendea con retranca das súas fazañas sobre dúas rodas: «Practico o ciclismo o que podo. A última estupidez, da que estou moi orgulloso, foi subir a Peña Cabarga, cun quilómetro e medio ao 18% sostido, utilizando 39x26.»

E tamén escribe. El Alpe d'Huez é un libro de homenaxe ao ciclismo e aos ciclistas. Comezouno a escribir nos Lagos de Enol, en Covadonga, en 1992, e rematouno en Bourg-d'Oisans, ao pé do Alpe-d'Huez en 1993, dous lugares míticos do ciclismo; iniciar e acabar a escrita do libro neles é, de por si, toda unha declaración de intencións. Os anos nos que foi escrito tampouco son casuais, sinalan no calendario o inicio do dominio ciclista de Miguel Indurain e a explosión de audiencia deste deporte en España.

Entre nós, o ciclismo popularizouse como un relato televisivo máis que literario a diferenza, por exemplo, dos Países Baixos que contan cunha delongada tradición de xornalismo literario dedicado ao ciclismo que ten na revista De muur [O muro] un dos seus mellores expoñentes. Esta tradición literaria arrincou, en 1928, con Te midden der kampioonen [Entre campións] de Joris van der Bergh (1882-1953), un dos pais da prensa deportiva nederlandesa, até facerse un lugar nas letras maiores de Holanda con Die reunner [O corredor] (1978) de Tim Krabbé, un libro co que empata por paixón e temática El Alpe d'Huez de Javier García Sánchez.

Pódese dicir que a literatura sobre ciclismo se reduce, basicamente, a dous macrorrelatos: a bicicleta como como iniciación á liberdade e a bicicleta como sufrimento e superación. A materia da bicicleta como liberdade pode atoparse, por exemplo, en «Mi querida bicicleta», unha narración de Miguel Delibes incluída en Mi vida al aire libre. Memorias deportivas de un hombre sedentario (1988).

En Eloxio da bicicleta (2009), o antropólogo francés Marc Auge, tamén un grande amador do ciclismo, púxolle palabras ao espíriyo liberador da bicicleta: «O primeiro pedaleo constitúe a adquisición dunha nova autonomía, é a escapada, a liberdade palpable, o movemento na punta dos dedos do pé, cando a máquina responde ao desexo do corpo e mesmo case se lle adianta. Nuns poucos segundos o horizonte limitado libérase, a paisaxe móvese.»

A segunda materia literaria do ciclismo é o desafío agónico, a entrega alén das forzas propias. Ese é o territorio narrativo de El Alpe-d'Huez de Javier García Sánchez e para que non haxa ningunha dúbida o escritor barcelonés cerra o libro cunhas declaración de Fernando Quevedo Sálazar, ciclista profesional entre 1987 e 1993, a quen nunha ocasión preguntaron pola grandeza de Miguel Indurain: «Heroe Induraín? O heroe son eu, que sendo infinitamente peor ca el teño que aguantar este calvario. Cámbiolle a Cristo a cruz pola bici, e El devólveme a bici e, por riba, dáme dúas cruces. Isto non hai quen o aguante.»

Do peso da bicicleta e desas dos cruces sabe o protagonista de El Alpe-d'Huez, un corredor cántabro, veterano, case que fóra de tempo con 36 anos (unha idade case imposible para o ciclismo), a quen todos coñecen polo seu alcume, Jabato, e co que case que ninguén conta para subir ao podio. Jabato enfróntase á etapa máis dura do Tour, o ascenso ao Alpe-d'Huez cando xa se albisca a fin da súa vida deportiva. O seu desafío e a ruta cara á gloria pasan por tres portos de montaña: La Croix de Fer, o Galibier e Alpe-d'Huez, cumios que dan título a cada un dos capítulos do libro de Javier García.

Este cumes son fitos dunha cartografía imposible que puntean a traxectoria dos ciclistas máis heroicos, os escaladores. Esa é a raza de Jabato. Sobre ela, Miguel Delibes deixou unha aguda constatación sociolóxico-deportiva: «En España había máis escaladores que en ningures porque estabamos afeitos a mortificarnos disimulando. Subir costas en bicicleta é tarefa de pobres. Esta teoría creo que se confirmou  despois: hoxe os mellores trepadores do mundo son de Colombia. O escalador vai desaparecendo de Europa co aumento do nivel de vida. Está fóra de toda dúbida que subir unha costa en bicicleta, aínda que sexa de aluminio e dispoña de trinta desenvolvementos, é un tormento para todo fillo de veciño.» Contradicindo a tese do xenial escritor, os gañadores nas etapas de Alpe-d'Huez son esmagadoramente europeos e o único colombiano en subir ao podio alí foi Lucho Herrera en 1984.

Jabato sabe, perfectamente, da magnitude do tormento que representa o tríptico de cumes: «La Croix de Fer desgástache os pulmóns. O Galibier róeche a moral. O Alpe-d'Huez faiche anacos.» Para o vedraño ciclista, superar o triplo reto é acadar a maior gloria xa que «é a proba definitiva para os corredores. Uns, no camiño, quedarán ao nivel dos grandes ciclistas. Outros serán os titáns. Logo estarán os heroes. Hai uns poucos deuses. E tamén anxos caídos que ansiaban a chegar a deuses e quedaron no intento. Patéticos querubíns coas alas rotas, aprendices marrados de Ícaro.»

A obra de García Sánchez desnobélase nunha narración na que a ficción vai dacabalo da reportaxe deportiva e a memoria histórica do Tour. É unha ollada introspectiva na que o desafío de Jabato é vivido na tensión e tribulacións do seu médico e psicólogo deportivo. O fío condutor da historia resúmese nunha das moitas sentenzas que nos herdou La Grande Boucle: «Le geste le plus fou est le geste le plus beau», porque nas grandes escaladas, efectivamente, o xesto máis fermoso é, sen dúbida, o xesto máis tolo e imprevisible.

O xesto, e a xesta, de Jabato é unha aposta entolemiada na que a fronteira entre a gloria final ou o fracaso terminal está unicamente debuxada pola súa vontade e determinación e o alcance das súas forzas. E o lector e a lectora chegará aguantando a respiración até as últimas páxinas para saber se Jabato é un gran ciclista, un titán, un heroe, un semideus ou anxo de alas e pernas rotas.

  • Ficha técnica
Javier García Sánchez, El Alpe d'Huez, Planeta: Barcelona, 2004 [primeira edición: 1994], 528 páxs.

Requírese Flash!

Fausto Coppi, gañador na etapa de Alpe-d'Huez en 1952


Requírese Flash!

Marco Pantani: o ascenso máis rápido ao Alpe-d'Huez no Tour de 1997



  • Ligazóns