Fundación USC Deportiva USC
Inicio > Deporte e... > Fichas > Ficha

Ficha

Libros

Monterapia. Cuesta arriba se piensa mejor

Monterapia é moito máis que libro de montaña. É un exemplo magnífico de reflexión sobre un deporte como fonte de coñecemento ou instrución para a vida.

Esta orientación literaria que ten inspirado numerosas obras; unha das máis celebradas é Como a vida imita ao xadrez do xadrecista Garry Kasparov, onde debulla as súas experiencias (e as doutros mestres) no taboleiro dos 64 escaques para compoñer unha guía de saberes e estratexias coas que enfrontarnos a situacións comúns na nosa vida cotiá.

Monterapia. Cuesta arriba se piensa mejor (Editorial Diëresis, Barcelona, 2012)  aspira a transmitirnos os coñecementos e as ensinanzas que a montaña lle aprendeu a Juanjo Garbizu. A este montañeiro guipuscoano a inspiración asaltouno nunha subida ao cumio do Ganboa no parque natural de Aralar: “A miña reflexión foi que existen moitos paralelismo entre a vida cotiá e a montaña. Pensei que podía contar as miñas experiencias na montaña e facer unha reflexión sobre o tipo de vida que levamos, como estamos levando a actual crise, a dependencia das novas tecnoloxías, o medo á soidade...”

Unha narración apaixonante que, tras oito meses de traballo, deu cabo nun libro cumprido de 200 páxinas que non é exclusivamente un libro de montaña, é tamén un ensaio sobre o coñecemento persoal.

Monterapia. Cuesta arriba se piensa mejor é un libro recoñecido co agarimo dos lectores. Un dos máis exitosos do catálogo da Editorial Diëresis, vai camiño da súa terceira edición e foi unha das obras de non ficción máis vendida no País Vasco en 2012. Na web de Monterapia podes achegarte a toda a riqueza desta obra.

O autor: Juanjo Garbizu

Juanjo Garbizu Areizaga naceu en Donosti en 1961. É cofundador e director creativo da empresa de comunicación Código. A montaña e a súa paixón, a súa aula de aprendizaxes e o seu laboratorio de experiencias. Desde anos setenta, coroou cumios no País Vasco, Os Pireneos e Os Alpes e ascendeu ao máis alto do Kilimanjaro e case o consegue no Aconcagua.

A razón do libro

Garbizu desde os primeiros parágrafos despexa a orientación de Monterapia: “Este libro non fala de montañismo como deporte e moito menos na súa vertente competitiva, nin tampouco esta dirixido ao mundo da empresa. A súa pretensión é moi distinta: lograr que calquera persoa [...] considere, se non o fixo xa, comezar a gozar dos beneficios de todo tipo que unha excursión ou simple paseo polo monte poden ofrecerlle”. Unha obra que non trata de oitomiles nin de grandes conquistas, mais si de cativas conquistas persoais, fala de como a montaña pode axudarnos a mellorar a nosa calidade de vida.

A estrutura de Monterapia

200 páxinas. Doce capítulos. Un limiar asinado polo veterano montañeiro Julio Villar, unha introdución do autor e un epílogo onde compacta algo máis de medio cento de citas de persoeiros célebres, ditos e proverbios que teñen a montaña e a vida como protagonistas. Juanjo Garbizu achega unha narrativa áxil que convida, no entanto, a unha lectura repousada, reflexiva, acougada.

Cada capítulo repite unha estrutura precisa. Un título que incita á lectura, unha cita dun montañeiro que sinala o ángulo de ataque, un relato próximo e vivencial e, no remate, unha recomendación práctica ou estimulante. Unha combinación de frases lapidarias, literatura, consellos prácticos e incentivos para pensar desde as experiencias propias. E vídeos con información complementarias aos que podemos acceder a través de Códigos QR, porque Monterapia é un libro videoilustrado, letras, voces, son e imaxes para motivar a reflexión e aprender dun mesmo en contacto coa natureza.

Unha cata. Capítulo segundo: “Non cargues demasiado peso”

Unha cita do montañeiro Reinhold Messner: “O valor dun alpinista é inversamente proporcional á cantidade do material que leva consigo.” Unha reflexión sobre a espiral de consumismo que nos asolaga, un relato dun trekking no norte da India na busca do Tibet hindú, no val de Zanskar. A sobriedade da vida dos poboadores de Padum ou Darcha, unha existencia que xira harmoniosamente ao redor dun animal, o yak, e dun cereal, o tsampa. Na mochila unha presada de globos para ser usados como galanos e divertimento. A sorpresa e as alegrías. E a pregunta incómoda que se fai  Garbizu: "Que ocorreu cando a un neno ou a un adulto daquel remoto confín se lle rebentou o globo?" Moi posiblemente, unha desconsolada frustración. Frustración e ansiedade non moi diferentes das que nos xera a sobreabundancia que nos arrodea e a imposibilidade material de conseguir todo o que desexamos.

Tras a reflexión sobre o noso mundo de compras compulsivas, volvemos preguntarnos que levar na mochila. Un consello bibliográfico (Aligera de Don Ladiginm, Ediciones Desnivel, 2006) e un retallo da película Up in the Air no que George Clooney, facendo o papel dun executivo de recursos humanos especializado en despidos, dá unha charla co título Que hai na túa mochila? Unha lección: non sobrecargarse co superfluo. A recomendación: “Obrígate a sintetizar ao máximo e despréndete de todas aquelas cousas que tal vez foron moi necesarias no seu día, pero que agora non o son, Cada gramo que aforres, cada quilo do que te desprendas, vaiche servir para poder chegar moito máis lonxe, investindo o mesmo esforzo.” E un vídeo onde deitar a mirada e saber máis.

Monterapia, slow mountain

O xornalista Lluís Amiguet, en “La Contra” de La Vanguardia bautizou a filosofía montañeira de Garbizu como “slow mountain” ou “lentamonte' que, como o libro, non é doada de resumir. Unha cita de Harold V. Melchert case que o consegue: “Vive a vida como se subises a unha montaña. De cando en vez olla cara ao cumio, pero máis importante é admirar as cousas belas do camiño. Sobe de vagar, firme e goza de cada momento. As vistas desde o cume serán o regalo perfecto tras a viaxe.” Esta é, en gran medida, a esencia da monterapia que nos ofrece Juanjo Garbizu como unha revisión do método peripatético de aprendizaxe e como unha válvula de escape para pensar mellor e máis libremente os nosos problemas e desafíos diarios.

Un libro intenso. Non debería falta en ningunha mochila. É livián. Faite máis libre.








  • Ficha técnica
Juanjo Garbizu: Monterapia. Cuesta arriba se piensa mejor, Editorial Diëresis, Barcelona, 2012, 200 páxinas.

Monterapia foi un dos libros de non ficción máis vendidos no País Vasco en 2012

Requírese Flash!

Vídeo promocional de Monterapia



  • Ligazóns