Fundación USC Deportiva USC
Inicio > Deporte e... > Fichas > Ficha

Ficha

Cine

Moneyball

Todos os críticos de cine concordan en salientar que Moneyball é unha película sobre béisbol, pero tamén sobre moito máis que béisbol.

Hai un certo consenso en salientar a orixe mestiza do béisbol na que se fusionarían elementos procedentes de diferentes xogos europeos trasladados aos Estados Unidos por emigrantes procedentes do Vello Continente. Entre eses xogos sinálanse o rounders e críquet ingleses, o schlagball alemán e o lapta ruso.

Son moitos os estudosos que apuntan o rounders como o principal xogo inspirador debido ás súas semellanzas co béisbol: xogábase con pitchers, bateadores, innings e catro postes no campo que facían as veces de bases.

Como fose, des que en 1845 Alexander Cartwright (1820–1892), un bombeiro de Manhattan, fixou as 20 regras orixinais do xogo, o béisbol tornouse nun dos deportes máis populares de Estados Unidos e, como se adoita a subliñar, no principal «pasatempo nacional» dos estadounidenses.

Todos os críticos de cine concordan en salientar que Moneyball é unha película sobre béisbol, pero tamén sobre moito máis que béisbol.

A industria da fantasía de Hollywood ten deitado os seus ollos en numerosas ocasións neste xogo en películas como O orgullo dos Ianquis (1942), con Gary Cooper, ou O novato (2002) e Amor en xogo (2005), sendo referencias obrigadas Elas dan o golpe (1992), Os búfalos de Durham (1988) ou O mellor (1984). Moneyball,  estreada en  2011, xunto con Máis alá do ceo (2010), son as dúas últimas fitas cinematográficas que se achegan ao mundo do béisbol para mostrar como é a vida.

Javier Ocaña, crítico cinematográfico de El País, a propósito de Moneyball pregúntase: «Unha película sobre deporte?» Aquí a súa resposta: «Non só iso: unha película sobre os pioneiros, sobre os que máis sangran porque son os primeiros que se dan contra o muro; sobre o modo de experimentar o alento do triunfo e do fracaso; sobre a constancia, a nobreza e a profesionalidade; sobre a vida, porque todo é extrapolable a ela. Unha obra extraordinaria que sen ser só unha película deportiva é unha das mellores películas sobre deporte da historia. E, atención, sen secuencias de partidos; apenas un, e entrecortado.»

Billy Beane: o home que reinventou o béisbol

Moneyball está basada en feitos reais e achégase á figura de Billy Beane, o xerente dos Oakland Athletics que revolucionou o béisbol co cambio do século. Tras a derrota ante os Ianquis de Nova York, en 2001, Beane [Bradd Pitt] tivo que conformarse cun equipo decimado pola marcha dos seus xogadores estrela (Johnny Damon, Jason Giambi, Jason Isringhausen). Con pouquidade de medios, Beane trata de deseñar unha estratexia para compor cun equipo competitivo para a tempada de 2002.

Daquela coñece a Peter Brand [Jonah Hill], un economista graduado en Yale con ideas rompedoras sobre o xeito de avaliar o valor dos xogadores. Beane engaiólase dos métodos estatísticos de Brand e enfróntase cos cazatalentos dos Oakland Athletics. A pesar das súas obxeccións, remata por contratar os xogadores que seleccionou Brand. O modelo de recrutamento levará a Beane a enfrontarse mesmo co principal directivo do club, Art Howe [Philip Seymour Hoffman].

Nos inicios da tempada aos Oakland Athletics vailles de pena e multiplícanse as críticas dentro e fóra do campo polo novo método de elección de xogadores. Malia todo, Beane logra convencer ao propietario e, co tempo, os resultados comezan a mellorar; así, os Oakland Athletics gañan 20 partidos consecutivos e establecen  o récord da Liga Americana. Con todo, terán que enfrontarse cos Kansas City Royals para lograr a súa vitoria definiriva.

Beane é supersticioso e evita asistir aos partidos. A súa filla pídelle, no entanto, que vaia á tirada final contra os Royals. No partido Oakland vai por diante cun 11-0 despois da terceira entrada e o triunfo parece certo. Cando Beane chega ao estadio xa están na cuarta entrada. O xogo dos Oakland Athletics afúndese e os Royals empatan 11-11. Finalmente, os Oakland Athletics gañan o partido grazas a un jonrón debido a un dos xogadores elixidos por Brand. Ao final da tempada os Oakland Athletics remataron primeiros no Oeste da Liga Americana, o que lle abriu a porta para disputar o campionato da postemporada cos Minnesota Twins.

Beane, cun orzamento de 41 millóns de dólares, foi quen de levar ao seu equipo á postempada e gañou a mesma cantidade de partidos que os Ianquis de Nova York, pero a un custo menor de 260 mil dólares, mentres os Ianquis investiran por xogo gañado 1.4 millóns de dólares. Cómpre sinalar que os Boston Red Sox, aplicando os métodos de Beane e Brand en Oakland,  lograrían a súa primeira serie mundial en 2004, un triunfo que non conseguirán desde 1918.

Un éxito no campo de béisbol e nas salas de cine

A película dirixida por Bennett Miller (director de Truman Capote, 2005) tivo unha calorosa acollida nas salas de cine. Ao engado das interpretacións de Brad Pitt e Jonah Hill, hai que engadir o labor de dous excepcionais guionista que adaptaron a novela Moneyball: the art of winning an unfair game (2003) escrita por Michael Lewis. Son Steven Zaillian, que nos anos noventa foi o máis prestixio  dos arranxa-guións de Hollywood e que asinou traballos daquela con Spielberg, Scorsese, De Palma, Ridley Scott, Pollack e David Fincher; e Aaron Sorkin, creador da serie televisiva A Ala Oeste da Casa Branca e responsable do guión de A Rede Social (2010) que dirixiu D. Fincher.

Non era a primeira vez que ambos escritores se achegan ao mundo do deporte como metáfora das fatigas e logros da vida. Steven Zaillian é o autor do guión dunha das mellores películas sobre o xadrez (En busca de Bobby Fischer, 1993) e Aaron Sorkin comezou a súa carreira en televisión cunha exitosa serie sobre periodismo deportivo (Sports night).

  • Ficha técnica
Título: Moneyball. Dirección: Bennett Miller. Xénero: Drama Guión: Steven Zaillian e Aaron Sorkin. Música: Mychael Danna. Actores: Brad Pitt, Jonah Hill. Philip Seymour Hoffman. Ano: 2011. Duración: 133 minutos.

Cartel promocional de Moneyball

Requírese Flash!

Tráiler de Moneyball [Subtitulado en castelán].