Fundación USC Deportiva USC
Inicio > Deporte e... > Fichas > Ficha

Ficha

Libros

Paixón polo perigo

'Paixón polo perigo', o libro que converteu nunha celebridade ao escritor estadounidense Norman Ollestad, narra a historia dunha relación paterno-filial e un episodio de supervivencia en condicións extremas.

Pai, fillo, vivencias e supervivencia

Norman Ollestad (1967) estudou creación literaria na Universidade de California-Los Ángeles (UCLA), e foi alumno da Escola de Cine nesa mesma universidade. Medrou en Topanga Beach (Os Ánxeles) e, na actualidade, reside en Venice (California). Ademais de Paixón polo perigro (2009), é autor da novela Driftwood (2006).

Norman Ollestad tiña unha relación complexa co seu pai: a súa paixón por convertelo nun gran deportista transformábao ás veces nun pai terrible. Norman Ollestad Senior era un home carismático e singular: axente do FBI, que abandonou por discrepancias co seu director, E. Hoover, a quen dedicaría un libro ferozmente crítico (Inside the FBI); traballou despois no Departamento de Xustiza con Robert Kennedy. Músico, de gustos bohemios e figura excéntrica, mesmo nos ambientes hippies da costa oeste, era un amador dos deportes extremos, do esquí e do surf. A fotografía que ilustra a portada da edición de Salamandra é dabondo expresiva: Norman Ollestad fai surf co seu fillo ao lombo, cando este tiña tan só dous anos.

En Paixón polo perigo, un grande éxito editorial nos EE UU, o escritor conta dous relatos en paralelo: a secuencia do accidente no que se mataron o seu pai, a noiva deste e o piloto da avioneta na que viaxaban, e a súa vida antes e despois da traxedia aérea. Pero é algo máis que unha memoria de supervivencia ou un documental biográfico, Paixón polo perigo é unha obra na que se debullan as complexas relacións sentimentais e afectivas co seu pai. Como Ollestad confesou a Jacinto Antón nunha entrevista en El País: «Aínda que, por suposto, o accidente é central. Quería mostrar o que o meu pai influíu en min.»

Paixón polo perigo ábrese o 19 de febreiro de 1979 co despegue do aeroporto de Santa Mónica da avioneta Cessna 172, alugada por Norman Ollestad Senior para viaxar ás montañas Big Bear para que seu fillo recollese un trofeo de esquí e adestrase. O piloto cometeu a imprudencia de meterse nunha forte tormenta, perdeu o control do voo e rematou espetándose contra a aba do pico Ontario a 2.650 metros de altitude. A avioneta esnaquizouse.

Cando Norman recuperou o sentido, a noiva do seu pai estaba aínda viva, pero faleceu pouco despois. Norman Ollestad ten fracturada unha man rota e os primeiros síntomas de hipotermia, pero afouto decide iniciar o descenso para atopar un lugar habitado onde o poidan auxiliar. Con tan só 11 anos, sería quen de logralo grazas á preparación física a que lle someteu durante anos seu pai e o espírito de superación e sacrificio que lle inculcou. Como lle deixou dito a Jacinto Antón: «Todo o que me fixo pasar me salvou a vida.»

No seu libro, Ollestad rememora tamén a súa infancia e revive unha época dourada das praias californianas, do surf e os modos de vida alternativos da cultura hippy.  Agora traballa na escritura dun novo libro de non ficción no que reconstrúe a súa vida e as súas viaxes por medio mundo na procura das mellores ondas para o surf. Sean Penn comprou os dereitos para levar ao cine Paixón polo perigo que comezará a gravarse en 2013.

  • Ficha técnica
Norman Ollestad: Pasión por el peligro [Título orixinal: Crazy For The Storm: A Memoir Of Survival], Editorial Salamandra, Barcelona, 2011, 288 páxinas.

Cartel orixinal da película

Portada da edición española de Paixón polo perigo

Requírese Flash!

Vídeo sobre a historia de Crazy For The Storm [en inglés]



  • Ligazóns