Fundación USC Deportiva USC
Inicio > Deporte e... > Fichas > Ficha

Ficha

Cine

En busca de Bobby Fisher

Película que recrea os inicios da carreira xadrecística de Joshua Waitzkin.

O xadrez é protagonista en numerosas cintas cinematográficas. Unha das primeiras é a soviética Shakhmatnaya goryachka [A febre do xadrez] dirixida, en 1925, por Vsevolod Pudovkin e Nikolai Shpikovsky.

Entre as máis exitosas, cóntase En busca de Bobby Fisher de Steven Zallian. Rodada en 1993, reuniu un cadro de grandes actores como Joe Mantegna, Laurence Fishburne ou Ben Kingsley. A película está inspirada na vida do xadrecista estadounidense Joshua Waitzkin, un dos máis prometedores campións infantís.

Argumento

Joshua Waitzkin é un cativo bulideiro que posúe un extraordinario don para xogar ao xadrez. Axiña salienta vitorioso nas partidas de xadrez rápido de Washington Square. Fred, o seu pai, comentarista deportivo, quere que se prepare para ser xogador profesional e contrata como o seu mestre ao ex campión Bruce Pandolfini. Pai e adestrador aspiran a que Joshua ocupe o oco deixado por Bobby Fischer no cumio do xogo dos 64 cadros.

Rapidamente, Waitzkin suma importantes éxitos en campionatos infantís ao tempo que comeza sentir a presión da súa contorna familiar e do seu mestre para colleitar novos éxitos. Pandolfini someterao a un rigoroso programa de adestramento para que adquira unha maior agresividade no seu xogo imitando as formas e carácter de Bobby Fisher que lle é presentado como o ideal a seguir pola súa vontade de vitoria e determinación a gañar a calquera prezo.

A xove promesa arrepoñerase e intentará seguir o seu propio estilo de xogo.

Joshua Waitzkin

Joshua Waitzkin (Nova York, 1976) gañou os Campionatos de Xadrez Junior de Estados Unidos en 1993 e 1994. O primeiro mestre a quen gañou foi a Edward Fumkin nunha apaixonante partida.

Con 18 anos perdeu o Campionato Mundial Xuvenil de Xadrez porque rexeitou ás táboas do seu rival, que lle darían matematicamente o triunfo, proseguido o xogo sería derrotado.

Daquela comeza a paracticar artes marciais para gañar en autocontrol e relaxación e adéstrase en Tai Chi Cuan co mestre William C.C. Chen. Empata con ese deporte e abandona o xadrez.

En menos de cinco anos gañou o campionato de Tai Chi Chuan dos EEUU en tres categorías. Na actualidade, acumula 13 campionatos nacionais e dous mundiais.

 

 

  • Ficha técnica
Título orixinal. Searching for Bobby Fischer. Ano:1993. Duración: 107 minutos. Director: Steven Zaillian. Guión: Steven Zaillian, basado na novela de Fred Waitzkin, En busca de Bobby Fisher. Música: James Horner. Fotografía: Conrad L. Hall. Reparto: Max Pomeranc, Joe Mantegna, Joan Allen, Ben Kingsley, Laurence Fishburne, Michael Nirenberg, David Paymer. Premios: Nominada ao Oscar, Mellor fotografía en 1993.

Cartel orixinal da película.

Requírese Flash!

Tráiler de En busca de Bobby Fisher.