Fundación USC Deportiva USC
Inicio > Deporte e... > Fichas > Ficha

Ficha

Libros

Elogio de la bicicleta

Publicado en 2008, Eloxio da bicicleta é definido por Marc Auge como «unha reflexión sobre á lembranza, ao mito e á utopía» como distintas caras da realidade que se constrúe ao redor da bicicleta, o cicloturismo e o ciclismo desde a posguerra europea ao mundo actual.

O libro de Auge é tamén unha reivindicación da bicicleta como un instrumento para o descubrimento dun mesmo e ampliar a autonomía persoal: «o primeiro pedaleo constitúe a adquisición dunha nova autonomía, é a escapada, a liberdade palpable», unha sorte de «coñecemento progresivo dun mesmo» e a aprendizaxe primeira da «administración do tempo, tanto do tempo curto do día ou da etapa, como do tempo longo dos anos que se acumulan». Descubrimento dos límites propios e tamén descuberta dos outros a través do cicloturismo que nos ofrece «a ocasión de practicar unha solidariedade activa e cultivar o contacto entre xeracións» ao abeiro «dunha solidariedade elemental, da consciencia do esforzo e momento compartidos» na ruta. Por iso, en opinión de Marc Auge, «hai que dar á bicicleta o crédito da reinserción do ciclista na súa individualidade, pero tamén na reinvención de vencellos amigables, liviáns, eventualmente efémeros, pero sempre portadores de certa felicidade de vivi

Auge, antropoloxía desde a memoria e o cotiá

A obra antropolóxica de Marc Auge (Poitiers, 1936) está asociada aos conceptos dos non-lugares e a sobremodernidade mais tamén dirixiu a súa atención cara aos procesos de construción de comunidades imaxinarias, á exploración dos mecanismos da memoria e o esquecemento colectivo, á relixiosidade e o poder da deidade, dos mitos e dos símbolos ou ao impacto da guerra na conformación das visións do mundo actual tras o 11-S. A obra de Auge abrangue igualmente unha vizosa produción sobre a antropoloxía da mobilidade e interpretacións etnográficas sobre o metro e os ferrocarrís soterrados. En Eloxio da bicicleta, Auge empata tres dos seus centros de interese investigador: os recursos da memoria colectiva e as lembranzas individuais, a forza narrativa dos mitos e das epopeas, e unha aproximación antropolóxica e cultural á bicicleta como expresión dunha nova e vella forma de mobilidade e relación (transformadora) co espazo urbano.

A memoria e os mitos do ciclismo

A materia prima do achegamento de Auge ao ciclismo e os seus mitos son as súas propias lembranzas porque, como apunta, «ninguén pode facer un eloxio da bicicleta sen falar de si mesmo. A bici forma parte da historia de cada un de nós». A reserva principal dos recordos de Auge son a súa infancia e mocidade e a súa ollada analítica estéase, primeiro de nada, en «lembranzas que non son só persoais; [xa que] están enraizadas nunha época e nun medio, nunha historia compartida con millóns de outras persoas».

O mito do ciclismo, vivido por Auge, remite ás décadas posteriores á Segunda Guerra Mundial e constrúese coa referencia dos fotogramas do Ladrón de bicicletas (1948), de Vittorio de Sica, ou de Día de festa (1949), de Jacques Tati, películas onde, no primeiro caso, a bicicleta é protagonista dun drama social no que se presenta como instrumento de traballo e sustento de vida, e, no segundo, unha comedia na que se converte nun medio das fantasías dun torpe carteiro rural. Tamén toma asento en melodías musicais famosas como En bicicleta, a canción escrita e composta por Pierre Barouh e Francis Lai en 1949, interpretada nos anos sesenta con grande éxito por Yves Montand, e sobre todo na lectura de semanarios e as revistas deportivas como But et Club, Miroir Sprint ou Le Miroir des Sports que foron decisivos para a popularización dos ciclistas até que, a finais dos anos sesenta, como di Auge, «no terreo das imaxes, se fixo moi difícil competir coas televisión».

Para compoñer o tempo mítico do ciclismo, Marc Auge bota tamén man das experiencias vividas nas súas vacacións estivais , «En Bretaña, os poucos quilómetros gañados grazas á miña bicicleta abríanme novos mundos: dunha banda, o mar [...], doutra, o campo e os bosques»; a puntual información da pizarra do bar da praza da igrexa cos primeiros clasificados nas etapas do Tour, ou a lectura detida de Télegramme ou Ouest-France, modestos xornais rurais, que pormenorizaban as fazañas sobre a bicicleta do heroes que se gañarían o favor de Auge: Fausto Coppi, Louison Bobet ou Fiorenzo Magni no Tour de France ou en épicas carreiras como a Petite reine dos Seis Días, a Burdeos-París ou a Volta do Oeste e outras clásicas como a Lieja-Bastogne-Lieja ou o Giro de Lombardía.

A través dos seus recordos Auge reconstrúe un tempo no que «a bicicleta, instrumento indispensable [para o transporte] das persoas máis modestas, era tamén un símbolo dos soños e a evasión» e «o núcleo de relatos que suscitan simultaneamente a historia persoal individual e os mitos compartidos por moitos»; unhas décadas de esplendor deportivo no que «os campións ciclistas eran obxecto dunha sorte de culto popular», heroes de lenda que engrosaban unha mitoloxía deportiva transmitida de xeración a xeración facendo das grandes carreiras como o Tour, o Giro e La Vuelta auténticos «lugares da memoria».

Os mitos en ruínas

A época heroica e mítica do ciclismo deixará paso a tempo de devalo e ruína. «A bicicleta, símbolo dunha clase obreira xa desaparecida, de desafíos deportivos que hoxe non teñen equivalentes e unha vida urbana soñada» que bate coa cartografía deshumanizada das cidades de hogano.

A profesionalización, a mercadotecnia e a dopaxe mataron, en opinión de Auge, aos heroes do ciclismo doutrora. «A revelación da dopaxe matou aos heroes; impide crer neles, mata o mito». A xeralización da sospeita debido a medicalización do deporte da bicicleta desafiuzou á épica. O heroísmo deportivo foi, así mesmo, erosionado pola «aparición dos equipos de marcas, que transformaban aos corredores en homes sándwich, en meros soportes publicitarios, [...] en meros instrumentos pasivos de estratexias comerciais».

As mercadotecnia e fraudulenta farmacopea deportiva, a mercantilización e a dopaxe, foron, para Auge, causantes da fin do mito, da morte da epopea ciclista. Unha morte, en todo caso, non definitiva xa que, na súa idea, aínda nos quedan lembranzas dos mitos e un desexo do mito e da epopea que, esperanzadamente, poden permitir o seu renacemento porque a clara conciencia do pasado nutre sempre a imaxinación de novos tempos e, xa nos nosos días,«a bicicleta chega a ser o símbolo dun futuro ecolóxico para a cidade do mañá e dunha utopía urbana».

Novos ensaios de mobilidade urbana e a revolución da bicicleta

O uso da bicicleta convértese aos ollos de Marc Auge nun poderoso instrumento para transformar as nosas cidades. Na súa idea, proxectos de alugueiro urbano de bicicletas, como Vélib' en París ou BiCing en Barcelona, están favorecendo un xeito diferente de apropiarse do espazo urbano e están forzando aos urbatectas a definir estratexias para «romper as barreiras físicas, sociais e mentais que entalan a cidade e desenvolver o sentido da bela palabra “mobilidade”».

Estas experiencias e outras, como a extensión dos trazados de rutas e carrís-bici, permiten que, vagarosamente, a bicicleta se convertese  nun modo máis de transporte cotiá con beneficios sociais, ecolóxicos e económicos evidentes para moitos cidadáns e cidadás que son cada vez máis conscientes de como a bicicleta esta contribuíndo a humanizar as grandes urbes e conexións interurbanas.

Constátase a emerxencia e potencia transformadora destas novas iniciativas de mobilidade e, aínda que «a revolución ciclistas aínda non se produciu», para Auge «a idea dunha cidade onde reine a circulación da bicicleta non é unha completa fantasía».

Biciliberdade, unha utopía?

Eloxio da bicicleta péchase cunha fermosa e humorística peza de literatura utópica.

O mundo mudou radicalmente como consecuencia dun «efecto pedalada», é máis que posible que esta basta transformación teña a súa orixe nunha modesta iniciativa municipal nun estado de Europa do Norte, o uso da biciclceta estendeuse despois coma un regueiro de pólvora, primeiro por vilas cativas, despois por grandes urbes.

Así, París, en 2038, está sometida ao imperio móbil da bicicleta. É unha cidade onde o problema da circulación se solucionou de vez. O medios de transporte masivo circulan soterrados e os viais de superficie están reservados para vehículos que cumpren funcións prioritarias (ambulancias, bombeiros, policía...). En todas as estacións hai servizos de alugueiro de bicicletas e os carrís-bici trazan unha nova cartografía na cidade do Sena. Nos límites do Gran París construíronse torres de estacionamento até onde se desprazan, en bicicleta ou moto, as persoas para recuperar os seus vehículos e realizar viaxes interurbanas. Prohibida toda circulación automobilística no interior da cidade, a calzada pertence aos ciclistas, como as beirarrúas pertencen aos peóns.

Auge fantasea sobre o «politeísmo ciclista» que subverteu o «monoteísmo petrolífero», e sobre o como xorden novas manifestacións culturais e artísticas ao redor do tuneado e a personalización das bicicletas e sobre como o lema «Ciclistas do mundo, unídevos!» se torno nun chamado que suma adeptos xa que o cambio na calidade de vida e a mellora da situación ecolóxica do planeta teñen consecuencias positivas máis que evidentes para a inmensa maioría dos habitantes da Terra. Na súa fantástica utopia, a transformación é de tal calado que, no reino da biciliberdade,  «un remata por preguntarse se a práctica da bicicleta non será o que permitiu inventar a terceira vía que, entre o liberalismo e o socialismo, se preocupa ante todo pola felicidade dos individuos».

Despois da recreación utópica, as últimas páxinas de Eloxio da bicicleta procuran ser outra volta unha toma a terra na que Auge recapitula sobre os seus efectos beneficiosos do uso da bicicleta que nos ofrece a posibilidade de realizar «o ideal da mobilidade natural» e nos «nos permite ter unha conciencia máis aguda do espazo e do tempo» que determinan a nosa existencia e a nosa autonomía. O éxito actual da bicicleta faille a Auge pechar o seu eloxio cun chamamento: «Arriba as bicicletas, para cambiar a vida!» e a afirmación de que «o ciclismo é un humanismo».

  • Ficha técnica
Auge, Marc: Elogio de la bicicleta, Gedisa, Barcelona, 2009, 110 páxinas.