Fundación USC Deportiva USC
Inicio > Deporte e... > Fichas > Ficha

Ficha

Libros

Mambrús á guerra

Hai 15 anos Edicións Xerais de Galicia daba ao prelo "Mambrús á guerra. Estudio fotográfico sobre o fútbol", unha pequena xoia bibliográfica que axuntaba fotografías de Lalo R. Villar (Vigo, 1963), textos do escritor e xornalista Álvaro Otero e un coidado deseño a cargo do finado Quin Alborés. "Mambrús á guerra" é un extraordinario storyboard do deporte máis popular do mundo.

Otero imprentaba no limiar a esencia do proxecto visual de Villar: “Mambrús á guerra non é fotografía de autor nin fotoperiodismo, senón ámbalas dúas cousas á vez.  Na fotografía de autor as imaxes son froito dun concepto previamente madurado e o fotoperiodismo é a captación do instante irreflexivo, mentres que o camiño híbrido de Mambrús á guerra consistíu en traballar na selección de imaxes dadas, tras anos de fotos a pé de céspede, e concederlle a coherencia suficiente como para amosar o mundo do fútbol dende unha perspectiva totalizadora”.

Villar condensa en 47 fotografías –en branco e negro– o fútbol como relato cotiá; desde a abandonada soidade das gradas á tensión no céspede; o merchandise de bufandas e gorras de lá xunto á paixón seareira; o bulideiro transporte ao campo e o estadio como festexo e como espazo reivindicativo; a liturxia dos autógrafos e a malleira verbal ao arbitro, os seus asistentes e familias; a súa inóptica retrasmisión televisiva no bar ou no salón da casa; as celebracións acendidas, a dor e a ledicia da vitoria e o supremo antagonismo dos Celta-Deportivo. Mambrús á guerra é un extraordinario storyboard do deporte máis popular do mundo.

Os textos de Otero levánnos até onde non chega o ollo de Villar. Un excelente exemplo da súa mellor prosa:

“O céspede dun estadio é a finca máis produtiva de tódalas modalidades agricultoras. É unha finca ben curra, beautiful people da terra que mira, fachendosa, os campos enlamados do rural. O céspede do golf contempla o do fútbol cun ricto de desprezo aristocrático ante o novo rico, porque a herba do estadio, aínda que pareza verde e vizosa, non é herba senón unha oficina. Fichan nela, unhas horas á semana, altos executivos da pelota que cobran soldos millonarios. O seu traballo consiste en fabricar ilusión e a materia prima é un deporte chamado fútbol. O capataz diríxeos a pé de obra, pero a estratexia argállase e madúrase no Consello de Administración. A diferencia con respecto a calquera outro negocio reside en que, se vai ó garete, o empresario termina tamén cun anaco de historia. E iso é moito máis serio có de Maastrich”.

Mambrús á guerra é máis que un libro de imaxes (tivo como desenvolvemento paralelo unha exposición fotográfica), a carón de Todo ben de Manuel Rivas, referencia un dos primeiros títulos en situar o fútbol como tema do sistema literario galego. Actualmente é unha peza bibliográfica fóra de catálogo que aínda é posíbel atopar nos andeis dalgunhas librarias ou en bibliotecas ben mantidas. Non perdan a ocasión de deitar os seus ollos nel, lembrarán gozosamente moitos domingos de fútbol de onte, de hoxe e de mañá.

  • Ficha técnica
Lalo R. Villar: Mambrús á guerra. Estudo fotográfico sobre fútbol. Xerais: Vigo, 1996. 128 páxinas

[Fotos de Lalo R. Villar]


  • Ligazóns