Fundación USC Deportiva USC
Inicio > Deporte e... > Fichas > Ficha

Ficha

Cine

Million Dollar Baby

Unha película sobre o boxeo feminino, pero tamén sobre o dereito a unha morte digna, a partir dun relato apaixonante de F.X. Toole, guionizado por Paul Haggis, dirixida por Clint Eastwood, que tamén a protagoniza a carón de Morgan Freeman e Hilary Swank. Unha visión en 10 rounds.

Round 1. O boxeo feminino

A historia do boxeo feminino describe un longo combate contra a discriminación. Xa desde o século XVIII  hai constancia de combates deportivos entre mulleres e crónicas que certifican o triunfo da londiniense Elizabeth Wilkinson sobre Martha Jones en 1722.

A partir dun primeirizo combate entre Nell Saunders e Rose Harland en 1876, o boxeo feminino arraigará fortemente nos Estados Unidos. Desde aquela, á carón do intercambio de golpes nos rings, líbrase un combate polo seu recoñecemento diante das autoridades deportivas e un vivo debate na opinión pública moitas veces enchoupado de discriminación e paternalismo.

Nas Olimpiadas de Saint Louis de 1904 faráselle un oco como demostración, pero imporanse o prexuízos de xénero duante máis dun século antes de ser recoñecido como deporte olímpicos.

A retransmisión televisiva dun combate de Barbara Bruttick e Joann Hagen en 1954 contribuíu decisivamente a visualizar o labor das púxiles femininas nos Estados Unidos.

A partir de mediados dos anos setenta vanse multiplicar as licenzas federativas malia as pexas da lexislación deportiva norteamericana. Nos anos oitenta, moi de  vagar os tribunais irán fallando a favor das vindicación das boxeadoras. As sentenzas favorables ás as boxeadoras Cathy "Cat" Davis, Jackie Tonawanda y Marian "Lady Tyger" Trimiar ou a folga de fame desta última en 1989 axudaron decisivamente a remover obstáculos.

En 1992 Gail Grandchamp conseguiu que a Corte Suprema de Massachusetts recoñecera o seu dereito a boxear tras oito anos de xuízo. Ao ano seguinte, USA Boxing, a entidade reguladora do boxeo afeccionado en Estados Unidos, aprobou a primeira normativa fixando as normas dos combates femininos e, en 1996, os seus rounds disputados por Christy Martin e Deirdre Gogarty, nos prolegómenos dun combate entre Mike Tyson e Frank Bruno, é sinalado como o fito fundacional do boxeo feminino profesional, a grande audiencia do evento contribuíu decisivamente á popularizar este deportes na sociedade norteamericana.

Con todo, o primeiro campionato de boxeo feminino nos EEUU tería que agardar a 1997 e non foi até as Olimpiadas de Londres de 2012 cando se recoñeza como deporte olímpico. Nicola Adams, do Reino Unido; Katie Taylor, de Irlanda; e Claressa Shields fixéronse coas ouros nas categorías mosca, wélter lixeiro e semipesado, respectivamente.

Round 2. Normas de combate

A Asociación Mundial de Boxeo estableceu unha serie de normas específicas do boxeo feminino. A duración dos combates é menor, 2 minutos fronte aos 3 das rounds masculinos, ademais as pelexas polos títulos oficiais constan de 10 rounds e non de 12 como nos caso dos homes. As luvas son de 8 onzas nas categorías até peso wélter (peso mediano até 67 quilos) e de 10 onzas en pesos superiores. As boxeadoras deben acreditar que non están embarazadas. Non se pode usar produtos cosméticos e o pelo ten que estar cinxido cunha banda elástica, moño ou coleta.

Round 3. Os contos de F.X. Toole

Million Dollar Baby é un conto recollido no libro de relatos breves Rope Burns. Stories from the Corner, escritos por Francis Xavier Toole, pseudónimo de Jerry Boyd (1930-2002), adestrador de boxeo, fillo de inmigrantes irlandeses, que recalou no mundo do boxeo como loitador amador, cut man e adestrador.

Rope Burns. Stories from the Corner acolle cindo relatos: "Cara de mono"; "O xudeu negro", "Million Dollar Baby", "Combate en Filadelfia" e "Auga xeada", ademais dunha novela curta ("Queimaduras da corda"), historias protagonizadas por adestradores de púxiles, cut man (curadores de feridas e cortes) e axudantes de ring. Unha boa parte deles, como Toole, descendentes de irlandeses afincados en Estados Unidos, en non poucos casos cargados de anos, fondamente espirituais ou relixiosos, pexados pola señerdade e ateigados de sabedoría destilada nos ring entre golpes.

Do libro de Toole hai unha versión en castelán co título Million Dollar Baby, feita por Edicións B, recensionada magnificamente por Juan Pablo Serra.

Round 4. O guión de Paul Haggis

The New York Times, San Fransco Chronicle, The Guardian ou Library Journal fixéronse eco con gabanciosas recensións críticas do libro de Toole, que cobrará un novo pulo de vendas e crítica cando Million Dollar Baby foi guionizado por Paul Edwards Haggis como columna vertebral da película dirixida por Clint Eastwood.

Haggis sería nominado en 2004 ao Óscar ao mellor guión adaptado por Million Dollar Baby pero non logrou a estatuíña, que si recibiría ao ano seguinte pola súa guionización de Crash, film dirixido por el mesmo que recibiu tamén o Oscar á mellor película.

Round 5. A película de Clint Eastwood

Clint Eastwood roda Million Dollar Baby en  2003 e a cinta chega ás salas de cine en 2004. Ademais de ser o director e participar como actor, faise cargo da produción da película e comporá a banda sonora.

Para acompañalo na interpretación ficha a Morgan Freeman, que a través do personaxe de Eddie "Scrap-Iron" Dupris será a voz narradora da historia, e a Hilary Swank no papel protagonista de Maggie Fitzgerald.

Eastwood levaba asinadas 26 películas como director cando se decidiu levar ao celuloide a historia de F.X. Toole. O seu labor fora avalado pola Academía dun xeito esmagador cos óscares recibidos como mellor director e mellor película por Sen Perdón en 1992, galardóns que volverá recibir en 2004 por Million Dollar Baby.

Películas dirixidas por Clint Eastwood

  1. 1971. Calafrío na noite. Terror / Suspense.
  2. 1973. Primavera en outono. Drama / Romántica
  3. 1973. Inferno de covardes. Western
  4. 1975. The Eiger Sanction. Acción / Suspense
  5. 1976. O fóra da lei. Western.
  6. 1977. Ruta suicida. Acción.
  7. 1980. Bronco Billy. Western.
  8. 1982. Firefox. Acción
  9. 1982. O aventureiro de medianoite. Drama
  10. 1983. Impacto súbito. Acción / Policial
  11. 1984. Na corda frouxa. Suspense.
  12. 1985. O xinete pálido. Western
  13. 1986. O sarxento de ferro. Bélica
  14. 1988. Bird. Músical
  15. 1990. The Rookie. Policial.
  16. 1990. Cazador branco, corazón negro. Drama / Aventuras
  17. 1992. Sen perdón. Western.
  18. 1993. Un mundo perfecto. Drama
  19. 1995. As pontes de Madison / Drama
  20. 1997. Poder Absoluto. Policial
  21. 1997. Medianoite no xardín do ben e do mal. Suspense
  22. 1999. Execución inminente. Drama / Suspense
  23. 2000. Space cowboys. Ciencia ficción.
  24. 2002. Débeda de sangue. Suspense/Misterio
  25. 2003. Mystic River. Drama Suspense
  26. 2003. Piano Blues. Documental / Música
  27. 2004, Million Dollar Baby. Drama
  28. 2006. Bandeiras dos nosos pais. Drama Bélico.
  29. 2006. Cartas desde Iwo Jima. Drama bélico
  30. 2008. O intercambio. Drama /
  31. 2008. Gran Torino. Drama
  32. 2009. Invictus. Drama
  33. 2010. Hereafter. Drama / Sobrenatural
  34. 2011. J. Edgar. Drama / Biografía
  35. 2014. Jersey boys. Drama / Musical
  36. 2014. American Sniper. Acción / Biográfica

Round 6. O argumento

Maggie Fitzgerald, unha moza de 31 anos que traballa como camareira nun cativo pobo de Missouri, quere converterse en boxeadora profesional. Pídelle axuda a un vedraño adestrador Franlie Dunn (Clint Eastwood) que, inicialmente, a rexeita.

Coa súa insistencia e a complicidade de Eddie Dupris, Maggie consigue que Dunn acepte adestrala temporeiramente nun abaixado ximnasio de Los Ángeles. Maggie traballa duramente e vai gañando combates que lle abren a posibilidade de participar nun tour de boxeo en Europa, onde gaña popularidade e sona sendo alcumada Mo Cuishle (Meu amor / Meu sangue en gaélico).

O seu brillante palmarés vaille permitir pelexar polo título feminino do peso wélter contra a campioa Billie “A Osa Azul” (interpretada por Lucia Rijker, boxeadora na vida real). No combate en Las Vegas, Billie “A Osa Azul” pelexa suciamente e fóra de tempo golpea a Maggie Fiztgerald que bate cun tallo e creba a columna, quedando tetrapléxica, inmobil da pescozo para abaixo.
Tras o accidente, Frank Dunnie acompaña permanentemente a Maggie no hospital. Tras varios intentos fallidos de suicidio, Maggie pídelle a Dunnie que lle axude a morrer.

Round 7. Deporte e cine en Eastwood

Até Million Dollar Baby, Clint Eastwood nunca se achegara cinematograficamente ao mundo do deporte como director, malia ter abordado diferentes xéneros e temática desde os westerns e o cine policiaco e de suspense, até filmes bélicos (O sarxento de ferro), de ciencia ficción (Space cowboys) e mesmo biopics musicais (Bird ou Jersey boys) ou o documental (Piano Blues).

Eastwood non volverá retomar a temática deportiva até que se decidiu a facer a adaptación do libro O factor humano do xornalista John Carlin en Invictus, onde narra o papel de Nelson Mandela durante a Copa Mundial de Rugby, que foi aproveitada polo presidente sudafricano para asentar un marco de convivencia e reconciliación tras a fin do apartheid.

Round 8. Educación e filosofía do boxeo

Os contos de F.X. Toole están inzados de consellos e ensinanzas tirados da súa experiencia nos rings. De como esquivar golpes e protexerse en todo momento, tamén de como facerse respectar sobre a lona e fóra dela e dunha actitude que se resume en que máis que golpear hai que saber pelexar. Unha mostra: “Moito corazón e pouca pegada levan á derrota, moita pegada sen corazón á soidade”.

A filosofía puxilística de Toole maniféstase en Million Dollar Baby en boca de Frank Dunnie que nos deixa unha manchea de sabios consellos, válidos tanto para o boxeo como para a vida: “Para gañar no boxeo, hai que moverse cara atrás. Mais se recúas demasiado, ao cabo xa non estás loitando”. “Ser duro non é suficiente”. “Os gañadores son simplemente aqueles que están dispostos a facer cousas que non farán os perdedores”. “A un boxeador que só teña corazón, só lle agarda unha malleira”. “O boxeo é cuestión de respecto, de gañar o teu e de quitarllo ao contrario”. “Hai maxia cando segues loitando máis alá da túa resistencia. A maxia de dalo todo por un soño que ninguén máis ve á parte de ti”.

Round 9. O boxeo no cinema

O boxeo asomouse ás pantallas co primeiro cinema mudo, en 1908, con There’s life in the Old Dog Yet dirixida por Kenny Wormald, e pouco despois con The knockout (1914) e coa interpretación de Chaplin en The Champion (1915). O derradeiro round (1926) será interpretado e dirixida por Buster Keaton e Hitchock asinará The ring en 1927, King Vidor The Champ en 1931, e Rouben Mamoulian Golden Boy (1939).

Nos anos corenta salientan Gentleman Jim (1942) de Raul Walsh ou Corpo e alma (1947) de Robert Rossen. As salas de cinema na década dos cincoenta acollen O home tranquilo (1952) de John Ford e a magnífica Marcado polo odio (1956) de Robert Wise, inspirada na vida de Rocky Graziano con interpretación de Paul Newman. Ese mesmo ano ródase Máis dura será a caída.

Entre as cintas máis destacadas dos 60 estará Kid Galahad (1962), de Phil Karlson, e Rocco e os seus irmáns (1960) de Luchino Visconti. Nos 70 salienta A gran esperanza branca (1970) de Martin Ritt, Cidade Dourada (1971) de John Huston e Rocky, dirixida por G. Avildsen , Óscar a mellor película, mellor director e mellor montaxe en 1976. E para fechar a década, Duro de pelar (1979), con Clint Eastwood como actor principal, e Campión (1979) de Franco Zeffirelli.

Robert de Niro, protagonizando Toro Salvaxe (1980) de Martin Scorsese, inaugura explendidamente os anos 80 e síguenlle O loitador de D. Lowell. De 1997 será a fabulosa The Boxer, con Daniel Day-Lewis, dirixido por Jim Sheridan, e Cando eramos reis de Leon Gast. E para despedir o século, Furacán Carter, baseada en feitos reais, dirixida por Norman Jewinson e protagonizada por Denzel Washington como o peso medio Rubin Carter.E para despedir a década, O club da loita (1999), de David Fincher.

Co novo século chegarían Snatch, porcos e diamantes (2000) de Guy Ritchie, Ali (2001) de Michael Mann, protagonizada por Will Smith, Invicto (202) de Ealter Hill, con Wesley Snipes, e en 2005 Million Dollar Baby e Cincerella Man de Ron Howard, con Rusell Crowe no papel de James Braddock.

A serie continúa con O loitador (2008) de Darren Aronofsky, cun recuperado Mickey Rourke. Entre as últimas entregas, A gran revancha (2013) de Peter Segal, na que suben ao ring dous veteráns, Robert de Niro e Silvester Stallone, e Southpaw (2015), baixo a dirección de Antoine Fuqua.

Round 10. Morte no boxeo e eutanasia

O boxeo é sinalado como o deporte que máis mortes provoca. Algunhas estimacións falan de que no século XX morreron 600 boxeadores como consecuencia, directa ou indirecta, dos combates. As tempadas máis tráxicas foron 1949 con 19 mortes, 1953 con 21 e 1962 con 16.  En Death under the spotlight  anotan que nos últimos anos morre unha media de 13 púxiles cada ano.

Este tráxico de pano de fondo vale para enmarcar a eutanasia e a morte asistida que focaliza o drama de Million Dollar Baby. A película de Eastwoord foi centro de crítica, pero a polémica axudou tamén a precisar os termos do dereito a unha morte asistida.

En opinión de Ricardo García Manrique, profesor de filosofía do dereito da Universidade de Barcelona,  "o tratamento da eutanasia en Million Dollar Baby contén polo menos tres ideas interesantes: a primeira, que hai unha diferenza entre a vida boa e a vida mala e que esta diferenza debe ser tida en conta á hora de tomar decisións sobre a morte; a segunda, que a eutanasia é, ante todo, unha cuestión moral e que as decisións acerca da mesma serán consecuentemente decisións persoais; e a terceira, que se queremos entender ben o que está a pasar cando unha persoa desexa morrer, deberemos ter en conta todo o seu periplo vital e non só o que se nos aparece como a súa situación actual. A película contén, en fin, unha mensaxe inequívoca: á hora da morte, tanto ou máis que en ningunha outra, habemos de permanecer fieis aos nosos compromisos, que son os que, seguramente, dan sentido á nosa vida".

  • Ficha técnica
Título:Million Dollar Baby. Ano: 2004. Xénero: Drama. Nacionalidade: Estados Unidos. Director:: Clint Eastwood.

Requírese Flash!

Million Dollar Baby (VOS)