Fundación USC Deportiva USC
Inicio > Actividades > Actividades > Cartafol de actividade

Cartafol de actividade

   

Planta unha árbore no Bosque de Galicia

14, 21 e 28 de febreiro; 7, 14, 21 e 28 de marzo; e 11, 18, 25 de abril
O Bosque de Galicia, proxecto da Fundación Cidade da Cultura de Galicia no que colaboran tres Consellerías da Xunta de Galicia e apoiado pola Escola Galega da Paisaxe da Fundación Juana de Vega, quere contar coa colaboración cidadá para a súa fase de plantación.

A Fundación USC Deportiva colabora con este proxecto dando a coñecer á sociedade galega este novo espazo verde de Compostela a través dun pequeno paseo polo terreo onde se explicarán as accións que se están a desenvolver e que culminará coa plantación dunha árbore.

Consulta o calendario de xornadas con prazas libres

Todas as xornadas teñen cubertas ás prazas.

Día

10 horas

11.30 horas

14 de marzo

Sen prazas

Sen prazas

21 de marzo

Sen prazas

Sen prazas

28 de marzo

Sen prazas

Sen prazas

11 de abril

Sen prazas

Sen prazas

18 de abril

Sen prazas

Sen prazas

25 de abril

Sen prazas

Sen prazas

Descrición da actividade

A actividade dará comezo saudando aos participantes na entrada do Museo Centro Gaiás e explicándolles como se desenvolverá a actividade.

Continuarase cun pequeno paseo onde se percorrerán os puntos máis significativos do futuro Bosque de Galicia á vez que se irán explicando as accións levadas a cabo ata o momento e as previstas para o futuro máis inmediato. A distancia aproximada dende o punto de saída ata a zona de plantación é de uns 2 km.

Ao chegar á zona de plantación, asignaráselle a cada participante/grupo de participantes unha árbore e un burato onde plantala.

Os participantes plantarán a súa árbore co material facilitado pola organización e seguindo as indicacións do guía da actividade.

A plantación finalizará facéndolle a cada participante unha fotografía coa súa árbore, que se lles enviará posteriormente por correo electrónico como lembranza da actividade xunto cun certificado de participación.

Por último, volverase ao lugar de saída onde remata a actividade. Facilitaráselle a cada participante un bono para que poidan acudir á Cantina a tomar unha bebida quente.

O Bosque de Galicia e a actividade física saudable

O Bosque de Galicia pretende ser un novo pulmón verde da cidade, ao tempo de querer converterse nun lugar de encontro dos composteláns e compostelás onde poder camiñar ou correr afastados do tráfico.

O obxectivo da Fundación USC Deportiva coa súa participación neste proxecto é contribuír á sensibilización da sociedade con respecto á importancia de manter uns hábitos de vida saudables e promover actividades que incidan neste aspecto.

O Bosque de Galicia, cos seus camiños e escaleiras de acceso á Cidade da Cultura, será un escenario idóneo para a práctica de actividade física, xa sexa camiñar, correr ou outro tipo de exercicios coma o tai chi ou a meditación, cuestións que se tratarán durante a presentación do Bosque aos participantes na actividade.

Datas de realización

  • Febreiro: 14, 21 e 28
  • Marzo: 7, 14, 21 e 28
  • Abril: 11, 18, 25

Horario

En cada xornada haberá dúas quenda de plantación coordinados por un monitor-guía: un ás 10:00 e outro ás 11:30 horas. A actividade terá unha duración aproximada de unha hora e media.

  • 1a quenda: 10:00 horas
  • 2a quenda: 11:30 horas

Participantes

Cada grupo estará formado por un máximo de 25 persoas e cada árbore poderá ser plantada por un máximo de 3 persoas.

A persoa que faga a inscrición deberá ser maior de 16 anos e será a responsable das outras dúas persoas que pode engadir como acompañantes.

Os menores de 16 anos deberán achegar sempre unha autorización para a súa participación.

Lugar da saída

Entrada principal do Museo Centro Gaiás.

Recomendacións para os participantes

Parte do camiño terá lugar por sendeiros e o último tramo polo monte, polo que se recomenda levar calzado adecuado para este tipo de terreo. A situación do terreo será irregular e dependendo da climatoloxía poderá estar seco ou enlamado.

Recoméndase levar roupa de abrigo e apta para camiñar polo monte. Hai que ter en conta que é posible mancharse ao plantar a árbore.

En caso de condicións climatolóxicas moi adversas o venres anterior á actividade procederase á súa cancelación. Avisarase aos participantes e serán recolocados nunha nova data.

Inscrición

Pode inscribirse calquera persoa que o desexe cumprimentando este formulario on line.

Nunha mesma inscrición pódense incluír ata 3 persoas onde polo menos unha delas será maior de 16 anos.

As persoas que figuren nunha mesma inscrición plantarán unha única árbore conxuntamente.

A actividade non está recomendada para rapaces menores de 4 anos.

En caso de haber máis inscricións que prazas, crearase unha lista de agarda. Respectarase a orde de inscrición.

A hora límite de inscrición será o venres anterior á actividade ás 13:00 horas.

Como inscribirse

A inscrición na actividade pode realizarse enchendo este formulario on line.



No caso dos menores de idade, ademais da inscrición, deberá cubrirse esta autorización e enviala por correo electrónico a:

  • contacto@fundacionuscdeportiva.org
  • ou traela á sede da Fundación
    (Edificio FEUGA, despacho 3. Rúa Lope Gómez de Marzoa s/n, Campus Vida, Santiago de Compostela).

Normas de obrigado cumprimento

Os participantes seguirán as indicacións dos guías dende que comece a actividade ata que remate.

Non pode participar na actividade ningunha persoa que non estea na lista de participantes admitidos.

Os menores de 16 anos deberán ir acompañados dun titor/a e este será o responsable do menor durante toda a actividade.