Fundación USC Deportiva USC
Inicio > Actividades > Actividades > Cartafol de actividade

Cartafol de actividade

   

III Curso de Fotografía da Natureza

Lugo, 9, 11 e 16 de maio
A natureza foi, dende o comezo, un dos obxectivos principais da fotografía. As paisaxes de lugares remotos e as novas especies de animais que se ían descubrindo encheron as páxinas das primeiras publicacións fotográficas. Dende aquelas imaxes en branco e negro ata as actuais fotografías que se poden ver en revistas especializadas existe un abismo técnico, pero ambas manteñen a mesma filosofía: gozar da natureza.

Actualmente, a democratización da fotografía, xunto coa facilidade de experimentación que permite a fotografía dixital, fai que a afección por fotografar a natureza chegue a máis xente. De feito, son poucas as persoas con afección a gozar da natureza que non leven na súa mochila unha cámara de fotos e se deteñan en cada xiro do camiño a fotografar unha vista, unha flor ou un paxaro.

Formulación

Neste curso búscase que o alumno, afeccionado a saír ao monte coa súa cámara, coñeza as pautas básicas da fotografía de natureza, dende a fotografía de paisaxe á de plantas e animais. Sempre a través de imaxes, ensinaranse as técnicas máis utilizadas polos fotógrafos de natureza, das cales algunhas se poderán aplicar na próxima saída que fagan ao monte e outras, as máis complicadas de aplicar por cuestión de equipo ou dificultade, que se ben non se utilizarán nun primeiro momento, serviranlle para entender como se fan as imaxes que se ven a diario en revistas ou Internet.

Estrutura

O curso constará de tres sesións organizadas da seguinte maneira:

  1. Teoría: Unha primeira sesión de teoría, na que na aula se revisarán as principais técnicas e métodos dos diferentes tipos de fotografía de natureza. Visualizaranse imaxes e falarase do equipo fotográfico. Prepararase tamén a excursión do próximo día.
  2. Saída de campo: Seguindo unha ruta acompañados por un monitor da Fundación USC Deportiva, aplicaranse todas as técnicas posibles das vistas na clase de teoría. Neste caso, a prioridade é enfrontarse a todos os problemas e dúbidas posibles no momento para poder resolvelos co profesor e afondar na aprendizaxe. Fixaranse puntos específicos nos que realizar algunhas prácticas, aínda que en todo momento se promoverá a libre realización de fotografías polos alumnos para que experimenten co medio.
  3. Visualización de imaxes: Logo de ter realizado a actividade de campo, e despois de que cada un dos alumnos revise as súas imaxes na súa casa, visualizarase unha selección de imaxes de cada un e comentaranse en conxunto. Desta maneira, os alumnos reforzan o aprendido grazas á crítica do profesor e dos seus compañeiros.

Temario

Introdución:

  • Características xerais e introdución ao concepto de fotografía de natureza
  • Valoración das experiencias e coñecemento dos alumnos

Paisaxe:

  • Definición e características de composición
  • Puntos de vista, liñas e resultado plástico
  • Importancia do detalle, profundidade
  • Control da exposición e profundidade de campo
  • Climatoloxía, estacións e horarios
  • Calidade e acabado
  • Equipo

Fauna. Fotografía de espera:

  • Definición e características
  • O “hide”: tipos e localizacións
  • Uso do teleobxectivo
  • Uso de “trampas”

Fauna: Caza fotográfica

  • Definición e características
  • Tipoloxía de animais
  • Técnicas de achega
  • Vestiario e equipo

Macro

  • Definición e características
  • Tipoloxía de animais e plantas
  • Características ópticas
  • Equipo e accesorios

Vexetación:

  • Planta herbácea
  • Árbores
  • Perfil da especie
  • Entorno e ecosistema

Docente

O curso será impartido polo fotógrafo Andrés Fraga.

Andrés Fraga leva máis de 10 anos traballando como fotógrafo profesional. Ten traballado para El País e varias revistas estranxeiras, e realizou reportaxes ao longo de Europa,  América, China ou o Sáhara. Afeito a resolver en situacións complicadas, ten traballado en condicións tan diversas (e adversas) como unha selva tropical, a -25Cº en plena ventisca de neve, ou baixo o sol implacable do deserto. Compaxina o seu traballo como fotógrafo coa docencia, impartindo cursos e conferencias, ademais de ser profesor de Fotografía Contemporánea na Facultade de Xornalismo da USC. Foi un dos membros do proxecto 6MPasos, que no 2010 levouno a percorrer a pé os 6.000 km que separan Nordkapp (Noruega) e Santiago de Compostela.

Duración do curso

14 horas

Datas de realización

  • Primeira sesión: venres 9 de maio de 2014
  • Segunda sesión (ruta): domingo 11 de maio de 2014
  • Terceira sesión: venres 16 de maio de 2014

Horario

Venres: De 18:00 a 21:00 horas
Ruta: De 10:00 a 18:00 horas

Lugar

Venres: Facultade de Formación do Profesorado. Aula 21
Avda. de Ramón Ferreiro, s/n Lugo
Ruta: Polos ríos Rato e Miño.

Prezo

100 €

Número de prazas

O curso contará cun máximo de 15 prazas e un mínimo de 9. En caso de non acadarse o mínimo establecido, procederase á anulación do curso e á devolución das tasas aboadas.

Inscrición

Pode inscribirse calquera persoa maior de idade que o desexe. As prazas iranse cubrindo por rigorosa orde de inscrición.

O prazo de inscrición comezará no momento da publicación do curso na páxina web da Fundación USC Deportiva. No caso de que o día 5 de maio non se teña chegado ao mínimo de participantes procederase á anulación do curso. De ter chegado ao mínimo de inscritos nese momento pero haber aínda prazas libres, continuará aberto o prazo de inscrición.

A inscrición realizarase cubrindo o seguinte formulario on line.

A inscrición considerarase feita unha vez cuberto o formulario e unha vez que se teña  recibido na Fundación o xustificante do pagamento do curso (no caso de optar polo pagamento on line non é preciso enviar este xustificante).

Forma de pagamento

Existen dúas formas de facer o pagamento:

  1. On line.
  2. Facendo un ingreso ou transferencia nalgún dos seguintes números de conta e facéndonos chegar o xustificante escaneado, por correo postal ou traéndoo presencialmente á sede da Fundación.
  • Caixa Rural Galega: ES82 3070 0035 2660 6938 4920
  • Novagalicia Banco: ES07 2080 0388 2730 4000 0932
  • Correo electrónico: contacto@fundacionuscdeportiva.org
  • Enderezo: Edificio FEUGA (despacho 3). Rúa Lope Gómez de Marzoa s/n (Campus Vida). 15705 Santiago de Compostela

Material necesario

Cada participante no curso deberá traer a súa cámara. Recoméndase que teña posibilidades de uso manual, pero non é imprescindible.

Para a ruta, cada inscrito deberá levar auga e comida para o día e roupa e calzado axeitados para o sendeirismo.

Renuncia á praza e devolución de ingresos

As cantidades pagadas só serán devolvidas cando non se poida utilizar o servizo por causa de forza maior non imputable ao interesado. Estas causas deberán ser debidamente xustificadas na solicitude de devolución que se formule, debendo achegar a esta os documentos xustificativos que en cada caso correspondan. Fóra destes casos, non se efectuarán devolucións das cantidades pagadas.

Protección e seguridade dos datos

Informamos que os datos persoais que se faciliten serán incorporados a un ficheiro titularidade da Fundación USC Deportiva, ao abeiro do disposto na Lei Orgánica 15/1999 de Protección de Datos de Carácter Persoal, e co fin de xestionar as actividades e difusión dos eventos organizados pola Fundación, sabendo que se poderán exercer os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición, mediante unha petición escrita dirixida á Fundación USC Deportiva, Edificio FEUGA (despachos 2 e 3), rúa Lope Gómez de Marzoa s/n – Campus Vida, 15705, de Santiago de Compostela.

A inscrición na actividade supón a aceptación e o compromiso destas normas.