Fundación USC Deportiva USC
Inicio > Actividades > Actividades > Cartafol de actividade

Cartafol de actividade

   

Senderismo Especial de Verán 2020. Benasque. Pireneo de Huesca

25-31 de xullo
O lugar elixido para levar a cabo a actividade especial de verán este curso é Benasque, no Pireneo de Huesca. As datas de celebración son do 25 ao 31 de xullo. A saída será ás 06:00, diante da piscina universitaria e a hora e lugar de regreso será o 31 de xullo ás 22:30, diante da piscina universitaria. O aloxamento será no hotel Sommos Benasque Spa.

Actividades

1. Ruta de Benasque a Cerler e ruta das Tres Cascadas

  • Lonxitude: 15 km
  • Desnivel: medio    
  • Dificultade: media

Seguramente faremos este percorrido como primeira toma de contacto coa zona na que estaremos. Saímos xa camiñando do hotel e faremos un itinerario pola vila de Benasque para irmos situando. Logo colleremos o antigo camiño que une a vila coa de Cerler. Este treito, que é de subida, vai principalmente entre bosques por zonas de sombra ata chegar a Cerler. Dende aquí faremos outra ruta, a das Tres Cascadas. É unha ruta sinxela, circular, que nos leva polo val de Ardonés ata un punto onde poderemos observar tres saltos de auga moi fermosos. Ao regresar a Cerler teremos ocasión de visitar a parte antiga do pobo, onde destacan varias construcións de arquitectura típica así como a igrexa de San Lorenzo, de orixe románica e que xa aparece referida nalgúns documentos do século XI. Logo faremos o descenso ata Benasque por un camiño distinto ao de subida, que nos permitirá ter unhas panorámicas moi amplas de todo o val. A ruta é sinxela en xeral, sen grandes complicacións. Ten algún punto de forte desnivel. No tramo da ruta que une dúas das tres fervenzas que veremos, hai un punto do sendeiro moi estreito que pode dar vertixe, de feito ata hai un cable instalado a modo de varanda. En caso de ser este punto excesivamente problemático habería opción de evitalo. Tamén cabe destacar que durante un tramo desta ruta é probable que coincidamos con máis sendeiristas e visitantes. Isto, xunto co estreito que é o sendeiro e as poucas opcións que temos de gardar as distancias, fai que probablemente sexa necesario o uso da máscara.

  • Horario:5,15 h
  • Severidade do Medio Natural:3
  • Desnivel de subida:700m
  • Orientación no Itinerario:2
  • Desnivel de baixada:700 m
  • Dificultade do desprazamento:2
  • Distancia horizontal:15 km
  • Cantidade de esforzo necesario:3
  • Tipo de percorrido: Circular

2. Val de Estós.

  • Lonxitude: 18 km
  • Desnivel: medio-alto
  • Dificultade: media

O val de Estós é un dos máis fermosos de toda esta comarca de Benasque e tamén dos máis impresionantes. Está situado entre o macizo do Posets e o do Perdiguero, xa moi preto da fronteira con Francia. A ruta é case circular e gran parte do percorrido coincide co GR 11. Comezamos a camiñar na estrada de Benasque a carón do río Ésera. O camiño é moi cómodo aínda que vai pouco a pouco en subida case constante. Cando levamos cerca de tres quilómetros e medio collemos un desvío á nosa esquerda, en dirección ao Ibonet de Batisielles. A partir de aquí a pendente aumenta e o sendeiro faise un pouco máis incómodo. Logo de subir 400m de desnivel chegamos ao Ibonet, emprazado nun lugar case máxico pola súa fermosura e a súa situación entre bosques e cumios moi escarpados. Dende aquí a pendente diminúe e o sendeiro faise máis estreito aínda que relativamente cómodo. Dende esta zona do val, as vistas do macizo do Perdiguero (3219m) son abraiantes. Máis adiante un curto pero intenso descenso nos leva a cruzar o río Estós, xusto antes de chegar ao refuxio de Estós a case 1900m de altitude. Aquí aproveitaremos para gozar das vistas e descansar contemplando a paisaxe. Logo comezaremos o descenso e faremos o regreso polo camiño inicial, evitando o tramo do ibonet de Batisielles, deste xeito faise máis doado e cómodo.

  • Horario: 6,20 h    
  • Severidade do Medio Natural: 3
  • Desnivel de subida: 881 m
  • Orientación no Itinerario:2
  • Desnivel de baixada: 881 m
  • Dificultade do desprazamento:2
  • Distancia horizontal: 18 km
  • Cantidade de esforzo necesario: 4
  • Tipo de percorrido: Circular

3. Tuc de Mulleres. (3008 m). Ruta de montaña

  • Lonxitude: 18 km
  • Desnivel: forte
  • Dificultade: alta

Esta será a primeira vez que intentamos acadar o cumio dun pico de mais de 3000 m. Para iso teremos que coller o bus público que dende Benasque nos leva ao parking de La Besurta, a case 1900m de altitude. Aquí comeza a aventura deste día. Collendo o camiño que vai cara o refuxio de La Renclusa, ao pouco nos desviamos cara o Forau de Aiguallut. Este é un impresionante fenómeno xeolóxico onde poderemos ver como as augas dos torrentes provenientes dos restos glaciares da cara norte do macizo do Aneto e a Maladeta desaparecen como por arte de maxia. Está situado nun entorno fermosísimo. Ao pouco atravesamos o Plan de Aigualluts, unha enorme chaira de extraordinaria beleza situada entre enormes montañas. Chegamos ao barranco de L´Escaleta onde a pendente aumenta pouco a pouco. A ruta continúa cara os ibones de L´Escaleta, pero antes de chegar o camiño vaise complicando xa que hai que superar un zócalo rochoso, onde probablemente teñamos que axudarnos coas mans. Logo a pendente e o camiño volven a ser máis levadíos ata chegar novamente a outra zona onde o camiño case desaparece. Temos ante nós outra enorme zona rochosa de forte pendente, que, a simple vista semella un muro imposible de superar, pero pouco a pouco vanse enlazando os tramos máis sinxelos e se conseguen acadar os ibones superiores. Este último tramo require de certa destreza xa que o camiño, ás veces, é moi incómodo e moi montañoso. Acadamos a cota 2500m e dende este punto as dificultades diminúen levemente ata chegar ao cumio. O regreso é polo mesmo camiño e teremos que prestar atención nos puntos máis complexos. Os que non queiran intentar o cumio, poden quedarse na zona do barranco de L´Escaleta e achegarse ao Coll de Toro, onde gozarán de moi boas vistas.

  • Horario: 7,25 h    
  • Severidade do Medio Natural: 3
  • Desnivel de subida: 1200 m
  • Orientación no Itinerario:3
  • Desnivel de baixada: 1200 m
  • Dificultade do desprazamento:3
  • Distancia horizontal: 18 km
  • Cantidade de esforzo necesario: 4
  • Tipo de percorrido: Ida e volta.

 

4. Refuxio Angel Orús. Ibón de Llardaneta

  • Lonxitude: 13 km
  • Desnivel: forte
  • Dificultade: media-alta.


Para facer esta ruta temos que desprazarnos á localidade de Eriste no noso autobús, e unha vez alí coller o autobús público que nos leva ao parking de Espigantosa. Este traxecto é moi espectacular e impresionante xa que o bus salva un fortísimo desnivel subindo por unha estreita, e nalgúns puntos aérea pista de terra, ata chegar ao parking de Espigantosa. A ruta comeza ao pé da fervenza do mesmo nome, e nos leva en forte pendente por un terreo pedregoso con zonas de bosque ata o refuxio de Angel Orús. Este é un dos refuxios máis coñecidos e visitados desta zona do Pirineo xa que desde aquí se suben todos os cumios do macizo do Posets. Logo, o camiño continúa ata durante varios quilómetros ata o ibón con tramos rochosos e incómodos ao comezo. A última parte da ascensión é considerablemente máis levadía, o desnivel é menor e o terreo vólvese máis cómodo. O Ibón de Llardaneta, a case 2700m, está situado nun circo de orixe glaciar, nun ambiente de alta montaña e rodeado de cumios de máis de 3000m. A ruta, aínda que transcorre integramente por sendeiros sinalizados, pódese considerar tamén como ruta de montaña. O regreso hai que facelo polo mesmo camiño e teremos que estar ben atentos nas zonas rochosas.

A xente que non queira ir ata o Ibón, terá opción de quedarse no refuxio.

*Para poder facer esta ruta teñen que confirmarnos dende a empresa de transporte público que ese día poden reforzar o servizo, xa que se fai normalmente cun microbús de 18 prazas, polo que sería preciso que houbese dous. Dixéronnos que non habería problema en facelo, pero aínda non temos a confirmación oficial e definitiva. En caso de que finalmente non fose posible cambiaremos a ruta.

  • Horario: 6,30 h    
  • Severidade do Medio Natural: 3
  • Desnivel de subida: 1160 m
  • Orientación no Itinerario: 2
  • Desnivel de baixada: 1160 m
  • Dificultade do desprazamento: 3
  • Distancia horizontal: 13 km
  • Cantidade de esforzo necesario: 4
  • Tipo de percorrido: Ida e volta.

5. Val de Barbarisa. Cascada de Foradet.

  • Lonxitude: 13 km
  • Desnivel: medio
  • Dificultade: media.

A ruta deste día transcorre case toda ela por zonas de bosque. Comeza na vila de Sahún (1050 m), e atravesando a mesma collemos un camiño bastante bo que nos leva monte arriba entre carballos, buxos, bidueiros e abeleiras. Teremos ocasión de ver no camiño diferentes ermidas, como a de San Martí e santa Chulia. O camiño cruza diferentes barrancos e ten unhas vistas impresionantes do val e da serra de Chía. Chegado un punto acadamos a fervenza de Foradet (1700 m), situada nun entorno fermosísimo esta fervenza aliméntase das augas dos ibones de Barbarisa (2400), situados no circo de orixe glaciar formado polos cumios de Sen, Bagüeña e Eriste (3000 m). O regreso o faremos polo mesmo camiño ata Sahún.

  • Horario: 5,15 h
  • Severidade do Medio Natural: 3
  • Desnivel de subida: 850m
  • Orientación no Itinerario: 2
  • Desnivel de baixada: 850m
  • Dificultade do desprazamento: 2
  • Distancia horizontal: 13 km
  • Cantidade de esforzo necesario: 3
  • Tipo de percorrido: Ida e volta.