Fundación USC Deportiva USC
Inicio > Actividades > Actividades > Cartafol de actividade

Cartafol de actividade

   

Rutas de senderismo do mes de febreiro

8 e 22 de febreiro
Dúas engaiolantes rutas pola Galicia interior, por terras de Samos, cunha camiñada pola serra de Édramo, e polo concello de Boborás, na comarca do Carballiño.

Sábado 8. Ruta de sendeirismo. Samos. Serra do Édramo

  • Lonxitude: 18 km, aproximadamente
  • Dificultade: media
  • Desnivel: medio
  • Hora de saída: ás 08:00 h., diante da piscina universitaria
  • Hora de regreso: ás 20:30h., aproximadamente.

Ao chegar ao concello de Samos hai varias cousas que chaman a atención. A máis importante, indubidablemente, é o mosteiro. Outra delas e unha serra de ladeiras boscosas que está xusto ao carón do mesmo, ao outro lado do río: a serra do Édramo.

O percorrido comeza mesmo en Samos e nos primeiros quilómetros vai pouco a pouco en constante subida ata chegar ao alto da serra, na súa parte situada máis ao sur. Aquí poderemos ver o castro de Formigueiros situado estratexicamente nun outeiro a case 800 metros de altitude. Neste punto colleremos unha cómoda pista que atravesa a serra ata o norte pasando por numerosos túmulos megalíticos. Nesta zona tamén gozaremos dunha ampla paisaxe en diferentes miradoiros sobre o val de Samos e o val do Mao, no Incio.

Logo de cruzar a serra collemos un camiño que en descenso nos leva a Vilar do Real, pero antes de chegar veremos unha impresionante alvariza á beira do camiño. Máis adiante, tras cruzar a estrada chegamos a San Martiño do Real, onde seguiremos durante dous quilómetros o camiño de Santiago, ata chegar novamente a Samos. O percorrido vai por camiños cómodos en xeral, salvo algún curto tramo de sendeiro.

Sábado 22. Ruta de sendeirismo. Boborás. Brués

  • Lonxitude: 13 km, aproximadamente
  • Desnivel: baixo-medio
  • Dificultade: media
  • Hora de saída: as 09:00 h., diante da piscina universitaria
  • Hora de regreso: ás 19:00 h., aproximadamente.

Boborás é un concello da provincia de Ourense situado na comarca de O Carballiño. A ruta que imos facer comeza e remata en Almuzara. Trátase dun fermoso percorrido con varios puntos de interese como as minas de ouro e arsénico de Brués, a vella ponte sobre o río Viñao e o manancial de augas termais. Son destacables tamén pola súa beleza os camiños entre carballeiras e sendeiros na beira do río Viñao, que cobra un especial protagonismo. Tamén discorre por aldeíñas case baleiras, como Xurenzás, Xuvencos e Conchouso.

A ruta non ten dificultades, aínda que pode haber tramos complexos en caso de haber lama.

As minas que veremos comezaron a súa actividade xa no século XIX, e aínda se sacaba mineral despois da Guerra Civil. Tendo en conta que se atopan nunha zona de minería da época romana e que hai un castro preto das mesmas, suponse que xa eran coñecidas e exploradas desde a Idade Antiga.

 

 

Estas andainas son unha actividade organizada polo Servizo de Deportes da USC.

Castro de Formigueiros na serra de Edramo [Foto: MEGALITICIA]