Fundación USC Deportiva USC
Inicio > Actividades > Actividades > Cartafol de actividade

Cartafol de actividade

   

Rutas de sendeirismo de xaneiro

18 e 25 de xaneiro
Comezamos o ano con dúas camiñadas por terras do interior. Unha con centro na serra do Faro por terras de Rodeiro e Chantada. A segunda no concello ourensán de Esgos pola bacía do río Grañal.

Sábado 18. Ruta de sendeirismo. Rodeiro. O Faro.

  • Lonxitude: 18 km aproximadamente
  • Dificultade: media
  • Desnivel: medio
  • Hora de saída: ás 09:00 h. diante da piscina universitaria
  • Hora de regreso: ás 19:00 h. aproximadamente.

O concello de Rodeiro está no interior da provincia de Pontevedra. Entre Rodeiro e Chantada atópase unha das serras máis senlleiras de Galicia: a serra do Faro. Esta serra ten unha altitude máxima de 1.182 m. Isto, xunto coa súa proximidade ao centro xeográfico de Galicia, fai que sexa considerado un dos mellores miradoiros. Ademais do seu interese paisaxístico destaca tamén polo seu interese natural e por iso a serra está incluída na Rede Natura 2000.

A ruta comeza mesmo en Rodeiro e vai por camiños amplos pouco a pouco subindo cara á serra. Na subida pasa polos lugariños de Romaces e as Pobanzas. O ascenso é levadeiro ata chegar ao último quilómetro onde a pendente aumenta considerablemente. Dende o cumio podemos observar gran parte do noso territorio.

Seguimos a ruta coincidindo durante dous quilómetros co Camiño de Inverno que acada o alto da serra desde Chantada. Ao chegar á Fonte dos Meniños cruzamos novamente cara a vertente de Rodeiro e comezamos o descenso pasando, mais adiante, preto de Fafián e Trasulfe, lugar moi coñecido polo seu impoñente pazo. Xusto antes de entrar na vila de Rodeiro veremos uns fermosos muíños.

Agás a pendente do último quilómetro da subida, a ruta non ten dificultades. Nalgúns puntos dos camiños podería haber lama.

Sábado 25. Ruta de sendeirismo. Esgos. Río Grañal

  • Lonxitude: 13 km aproximadamente
  • Desnivel: baixo-medio
  • Dificultade: baixa-media
  • Hora de saída: as 09:00 h., diante da piscina universitaria
  • Hora de regreso: ás 19:00 h. aproximadamente.

A ruta lévanos a Esgos, na provincia de Ourense. Xa estivéramos camiñando por este concello hai moitos anos facendo parte do Camiño Real. Ao chegar a Esgos teremos un rato para tomar o café. Logo regresaremos ao bus para achegarnos a San Pedro de Rocas e visitar o mosteiro e o centro de interpretación (visita gratuíta). Ao rematar, o bus achegaranos a Tarreirigo onde comeza a ruta do río Grañal.

A ruta está sinalizada polo concello. É unha ruta lineal, pero nós faremos algunhas variantes para regresar de volta ao mesmo sitio e facela circular. Destaca pola fermosura dos bosques e os camiños entre muros de pedra cubertos de musgo. Tamén son salientables os exemplos de arquitectura típica que veremos nalgúns dos lugariños polos que pasaremos como Lampazas, Folgoso, A Granxa ou Rebordiños.

A ruta transita por algunha corredoira onde poderemos atopar lama. Tamén hai algúns tramos de asfalto entre as aldeas polas que pasaremos.

 

Estas andainas son unha actividade organizada polo Servizo de Deportes da USC.

Pontela sobre o río Grañal [Fotografía de Eri & Edu tirada de Wikiloc].