Fundación USC Deportiva USC
Inicio > Actividades > Actividades > Cartafol de actividade

Cartafol de actividade

   

Rutas de sendeirismo de decembro

14 e 31 de decembro
Dúas rutas para ir despedindo o ano. Unha camiñada á fervenza de Painceiras (As Pontes) e a tradicional saída de fin de ano, desta volta, para subir ao monte Pedroso.

Sábado 14. Ruta de sendeirismo. Fervenza de Painceiras. As Pontes.

  • Lonxitude: 14 km, aproximadamente.
  • Dificultade: media.
  • Desnivel: baixo-medio.
  • Hora de saída: ás 09:00 h., diante da piscina universitaria
  • Hora de regreso ás 19:30 h., aproximadamente.

Viaxamos ata o concello de As Pontes para facer unha fermosa ruta polas parroquias de Ribadeume e Bermui.

Un pouco antes de chegar faremos unha parada no concello de A Capela para tomar o café e visitar o seu museo etnográfico: A Casa do Pazo. A visita, que é guiada, ten un custe de 2 euros por persoa e non está incluído no prezo da actividade, polo que teremos que aboalo alí mesmo.

Logo da vista continuamos uns minutos no autobús ata chegar ao lugariño de A Vila, xa no concello de As Pontes. Aquí comeza a ruta que sen dúbida nos vai sorprender pola calidade da súa marabillosa paisaxe.

Ten zonas de bosque, alternando con outras de pastos, praderías e plantacións forestais. O camiño nos leva ata o rego das Foxas, na zona de As Painceiras, na parroquia de Bermui. Neste rego poderemos ver a súa fervenza, cos seus muíños. É unha auténtica fermosura. Logo o camiño continúa baixando ata a beira do río Eume. Neste punto comeza o regreso, xa entre bosque de ribeira, pegados ao río e observando as súas fragas.

Resulta rechamante que este tramo do río Eume, co estado de conservación tan bo que ten, a súa marabillosa paisaxe e a calidade dos seus bosques, non estea incluído no Parque Natural.

A ruta en principio non debería ser complicada, pero en caso de que chovese moito os días previos a auga pode complicar a actividade. Hai que cruzar algúns pequenos regatos sen ponte, ben facendo uso de pedras ou algún tronco, que, levando pouco caudal non terían maior problema. Incluso algún tramo do camiño no río podería estar anegado, o que nos obrigaría a dar algún rodeo. Tamén é probable atopar lama nos camiños.

 

Martes 31. Actividade Especial Fin de Ano. Monte Pedroso

  • Lonxitude: 7 km, aproximadamente
  • Desnivel: baixo-medio
  • Dificultade: baixa
  • Hora de saída: ás 10:00 h., diante da piscina universitaria
  • Hora de regreso: ás 14:00 h., aproximadamente

Un ano máis nos xuntaremos para facer a xa tradicional ruta de Fin de Ano. Nesta ocasión saímos camiñando dende Santiago, xa que o noso obxectivo é o cumio do Pedroso.

A actividade comeza cruzando a carballeira de San Lourenzo ata o río Sarela. Faremos un treito do río para logo subir a Bar de Abaixo. Unha vez aquí entraremos na Selva Negra para, pouco a pouco, subir ata o cumio do monte e deste xeito poder ver as vistas da cidade.

O regreso o faremos pola Granxa do Xesto e as Casas Novas ata o Sarela novamente.

Dende ahi regresaremos ao campus pola capela do Carme. As 12:00 da mañá celebraremos as badaladas, polo que, se queredes, podedes levar algo de turrón ou algunha vianda que se vos ocorra.

Estas andainas son unha actividade organizada polo Servizo de Deportes da USC.