Fundación USC Deportiva USC
Inicio > Actividades > Actividades > Cartafol de actividade

Cartafol de actividade

   

Rutas de sendeirismo de novembro

16 de novembro
A terras de Baños de Molgas acollen a ruta de sendeirismo do mes de novembro.

Sábado 16. Ruta de sendeirismo de Baños de Molgas-Santa Eufemia

  • Lonxitude: 16 km aproximadamente
  • Dificultade: media
  • Desnivel: medio
  • Hora de saída: 9:00, diante da piscina universitaria
  • Hora de regreso: 19:30  aproximadamente.

Baños de Molgas, situado no interior da provincia de Ourense, é un concello pequeno con pouco máis de 1.600 habitantes. Aínda así, ten moitos elementos de interese relacionados co termalismo, a etnografía, a arquitectura, a natureza… e algúns deles os imos coñecer durante o percorrido.

A ruta comeza na mesma vila, á beira do río Arnoia, en dirección á estación do tren. Nos seguintes quilómetros pasaremos por diferentes aldeas como Bouzas, Nocelo e Santa Eufemia, onde pararemos un rato a ver a súa igrexa, de estilo prerrománico do século IX e con influencia mozárabe. Foi declarada Ben de Interese Cultural e Monumento Histórico Artístico.

Un pouco máis adiante poderemos ver os petroglifos do monte Lampaza e ao pouco chegamos a A Acea, por onde pasamos o curso pasado nunha ruta que fixéramos por Xunqueira de Ambía. Logo temos que cruzar o Arnoia para chegar a Ponte de Ambía onde tomaremos xa o camiño de regreso a Baños de Molgas pasando antes por San Pedro.

A meirande parte da ruta vai por fermosas corredoiras entre zonas de bosques moi ben conservados. Tamén hai algún tramo á beira do Arnoia. A ruta ten un alto interese cultural, natural e paisaxístico. Pode haber lama nos camiños.

 

Esta andaina é unha actividade organizada polo Servizo de Deportes da USC.