Fundación USC Deportiva USC
Inicio > Actividades > Actividades > Cartafol de actividade

Cartafol de actividade

   

Rutas de sendeirismo do mes de outubro

12 e 26 de outubro
Outubro ofrécenos a posibilidade de facer unha andaina pola vertente norte da península do Morrazo, de Bueu a Marín, e unha segunda por terras do concello de Baleira na contorna da fraga de Marronda seguindo o PR-G145.

Sábado 12. Ruta de sendeirismo. De Bueu a Marín.

  • Lonxitude: 15 km aproximadamente
  • Dificultade: media
  • Desnivel: medio
  • Hora de saída: ás 09:00, diante da piscina universitaria
  • Hora de regreso: ás 19:30  aproximadamente

Imos a facer nesta ocasión un percorrido costeiro pola ría de Pontevedra unindo as localidades de Bueu e Marín, na zona norte da península do Morrazo. A pesar de que en xeral podemos dicir que esta zona da costa galega está urbanizada en exceso, esta ruta aínda conserva puntos ben interesantes a nivel paisaxístico principalmente.

O itinerario comeza na mesma vila de Bueu e vai case todo o rato pegado ao mar, atravesando innumerables praias como Agrelo, Lapamán, Loira, Aguete, Mogor… e lugariños e  zonas rurais como Castrelo, Casás, Moledo, Loira…

A ruta ten moi boas vistas sobre gran parte da ría: as Ons, Portonovo, Sanxenxo, a illa de Tambo, etc… Non ten moitas dificultades, salvo os tramos que teñamos que facer por area nas praias e algunha senda estreita.

Antes de comezar a camiñar visitaremos o moi interesante Museo Massó, en Bueu. O museo é froito das inquietudes culturais dos industriais Gaspar, José Mª e Antonio Massó. O seu interese pola historia da navegación lles leva a crear unha colección de libros imprimidos entre os séculos XV e XIX, instrumentos náuticos, cartografía, documentos e maquetas de embarcacións históricas que constitúen a alma desta colección.

Pouco antes de entrar en Marín aproveitaremos para visitar os petroglifos de Mogor que conforman unha das estacións rupestres máis senlleiras de Galicia.

Sábado 26. Ruta de sendeirismo. Fraga da Marronda PR-G145.

  • Lonxitude: 22 km aproximadamente.
  • Dificultade: media-alta.
  • Desnivel: medio-alto.
  • Hora de saída: ás 08:00, diante da piscina universitaria.
  • Hora de regreso: ás 21:00  aproximadamente.

A ruta prevista nesta xornada é o PR-G145, unha andaina pertencente a rede galega de sendeiros homologados. Comeza nas proximidades do lugar de San Paio, no concello de Baleira e ten dúas partes ben diferenciadas. A primeira vai por zonas altas, onde predominan os camiños amplos entre plantacións forestais, principalmente de piñeiro, e de cando en vez hai algún miradoiro natural que permite gozar dunhas estupendas vistas. Máis adiante comeza un forte e prolongado descenso que nos leva ata o área recreativa de A Cortevella. Neste punto atopámonos o río Eo no seu curso máis alto, e aquí comeza a segunda parte da ruta: un fermosísimo sendeiro que vai case todo o rato pegado ao río, entre zonas de bosque de ribeira moi ben conservados, que destacan pola súa biodiversidade. Masas arbóreas con multitude de fentos á beira do río fan deste tramo un auténtico agasallo para o camiñante. Gran parte do itinerario vai por zonas de Rede Natura, e aínda que a ruta non pasa polo corazón da fraga da Marronda, esta pódese ver na primeira parta da ruta.

A dificultade da ruta ven dada principalmente pola lonxitude e polo desnivel, que son salientables.

 

Estas andainas son unha actividade organizada polo Servizo de Deportes da USC.