Comezamos este novo curso cunha ruta de Lecer pola costa coruñesa. A ruta comeza na praia de Barrañán no concello de Arteixo e vai todo o rato preto da costa atravesando diferentes puntos de interese, como o portiño de Sorrizo, o lugariño de Cima da Vila, o santuario dos Milagres, a vila de Caión (concello de Laracha) e o complexo dunar de Baldaio (concello de Carballo), onde remata. O itinerario ten un alto interese paisaxístico e natural e gran parte del transcorre dentro de zonas da Rede Natura.
Aínda que a ruta está englobada dentro da programación de rutas de Lecer, non está exenta de desnivel como noutras ocasións e hai algunha que outra costa. O terreo polo que transcorre o percorrido é, en xeral, bo.
O santuario dos Milagres é unha obra do século XIX de estilo barroco compostelano. A súa construción levou 34 anos e suponse que, previamente, no lugar había unha igrexa románica. O 8 de setembro celébrase no santuario a Romaría dos Milagres de Caión, unha das máis importantes de toda a comarca de Bergantiños.