Fundación USC Deportiva USC
Inicio > Actividades > Actividades > Cartafol de actividade

Cartafol de actividade

   

Camiño ao Gaiás

4, 11 e 18 de xullo; 1, 8, 22 e 29 de agosto; e 5 e 12 de setembro.
Con este programa intentaremos achegar a Cidade da Cultura a toda a sociedade compostelá e a todos aqueles visitantes que durante os meses do verán estean por Santiago. É unha boa ferramenta para fomentar e promocionar o Monte Gaiás e as actividades que alí se realizan -como Atardecer no Gaiás- e tamén un estilo de vida saudable a través da actividade física que se realiza nos roteiros que se ofrecen.

Debido ao éxito que tivo a actividade nas últimas edicións, repetiremos o formato con roteiros diúrnos e nocturnos.

Xa non quedan prazas libres para a andaina do 1 de agosto. Farase unha lista de agarda coas inscricións que se vaian recibindo a partir do 30 de xullo.

Descrición da actividade

Roteiro diúrno

O roteiro comeza diante da Oficina de Turismo de Santiago, na rúa do Vilar. De aí pásase á rúa Nova e ao chegar á altura da igrexa de Santa María de Salomé, o grupo desviarase ata a rúa da Caldereiría para acadar a facultade de Xeografía e Historia. Logo cruzaremos a rúa Virxe da Cerca para chegar ao parque de Belvís baixando pola rúa das Trompas. Tras percorrelo, e logo de coller a rúa do Olvido e a de Sar, chégase á Colexiata de Sar. Dende aquí, remontando o curso do río polo paseo fluvial, acadamos o Multiusos Fontes do Sar. Só nos queda cruzar a rúa Diego Bernal para entrar no Bosque de Galicia, cruzalo e ir ata o parque do Lago. A actividade remata na Cidade da Cultura.

Alí se lles explicarán ás persoas asistentes os puntos máis significativos e de interese e a actuación prevista dentro do programa Atardecer no Gaiás.

  • Lonxitude: 5 km
  • Dificultade: baixa
  • Desnivel: baixo (agás a subida polo Bosque de Galicia)
  • Hora de comezo: 19:00 h.
  • Duración: 90 minutos aproximadamente

Roteiro nocturno

O roteiro comeza no Espazo On da Cidade da Cultura de Galicia e dende aquí baixaremos polo camiño máis cómodo e directo do Bosque de Galicia ata acadar a avenida Diego Bernal para logo, pola rúa da Ponte de Sar abaixo, chegar ata a Colexiata. Unha vez aquí subiremos pola rúa de Sar e enlazaremos co Parque de Belvís, o cal cruzaremos ata chegar á rúa das Trompas. Pasando pola facultade de Historia, chegaremos á praza de Mazarelos, onde remata a actividade.

  • Lonxitude: 4 km
  • Dificultade: baixa
  • Desnivel: baixo-medio
  • Hora de comezo: 22:30 h.
  • Duración: 70 minutos aproximadamente

Datas de realización

A actividade terá lugar os seguintes xoves dos meses de xullo, agosto e setembro.

Roteiros diúrnos 

  • Xullo: 4, 18
  • Agosto: 8, 22, 29
  • Setembro: 5, 12

Roteiros nocturnos

  • Xullo: 11
  • Agosto: 1 [Xa non quedan prazas libres para a andaina do 1 de agosto. Farase unha lista de agarda coas inscricións que se vaian recibindo a partir do 30 de xullo].

Inscrición

Pode inscribirse calquera persoa que o desexe empregando este formulario.

Os menores de idade deberán ir acompañados dun titor/a que igualmente debe inscribirse para a realización da actividade e deberá cubrirse esta autorización e enviala por correo electrónico a a infoping@fundacionuscdeportivapong.org.

É igualmente obrigatorio enviar tamén esta cláusula informativa, cuberta e asinada, a infoping@fundacionuscdeportivapong.org 

A actividade non está recomendada para rapaces menores de 10 anos.

O cota máxima de persoas por itinerario será de 25 persoas. En caso de haber máis inscricións que prazas, crearase unha lista de agarda. Respectarase a orde de inscrición.

A hora límite de inscrición será o mesmo día de realización da ruta ás 14:00 horas.

Material necesario

  • Calzado cómodo e deportivo apropiado para realizar un roteiro tanto por zona urbana como por sendeiros.
  • Auga para hidratarse
  • Gorra
  • Protección solar

Normas de obrigado cumprimento

As persoas participantes seguirán as indicacións do guía dende que comece a actividade ata que remate.

Non pode participar na actividade ningunha persoa que non estea na lista de participantes admitidos.

Os menores de 16 anos deberán ir acompañados dun titor/a e  este será o responsable do menor durante toda a actividade.

Debemos prestar máxima atención  ao  tráfico rodado cando haxa que cruzar rúas ou estradas.