Fundación USC Deportiva USC
Inicio > Actividades > Actividades > Cartafol de actividade

Cartafol de actividade

   

Rutas de sendeirismo de xuño

8,19 e 22 de xuño
O Val Miñor, a aldea de Olveiroa e as terras da Peroxa e Os Peares son destinos das rutas de sendeirismo do mes de xuño.

Sábado 8. Ruta de Lecer. Monteferro. Nigrán

  • Lonxitude: 12 km aproximadamente
  • Dificultade: baixa
  • Desnivel: baixo
  • Hora de saída ás 09:00, diante da piscina universitaria
  • Hora de regreso: ás 19:30  aproximadamente

Imos realizar a nosa derradeira Ruta de Lecer deste curso e para iso desprazámonos ao concello de Nigrán. Antes de comezar a nosa ruta teremos oportunidade de asistir a unha charla organizada pola CEMMA para nós, que se titula O regreso das fillas de Ith: os lobos mariños de Galicia.

Esta actividade é gratuíta, pero se aceptan doazóns. Grazas ás mesmas se axuda aos diferentes estudos da ONG, á conservación da natureza e á divulgación do patrimonio natural.A CEMMA é a Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños. É unha ONG galega fundada en 1992, adicada ao estudo e divulgación dos mamíferos e tartarugas mariñas de Galicia, a través da investigación, promovendo e participando en proxectos con institucións estatais e internacionais e potenciando aspectos divulgativos mediante exposicións, conferencias e cursos. 

Dende 1999 CEMMA é, grazas a convenios coa Dirección Xeral de Patrimonio Natural da Xunta de Galicia, a institución responsable da asistencia aos varamentos na costa galega, da xestión do banco de mostras destas especies, da recuperación de animais feridos e do estudo poboacional. Tamén participa na redacción dos plans de conservación das especies máis ameazadas para a administración autonómica e estatal.

Unha vez rematada a charla comezaremos a camiñar na ponte da Ramallosa, xusto na desembocadura do río Miñor. Este espazo é de interese ambiental xa que é un estupendo refuxio de fauna, sobre todo para determinadas aves. Polo paseo marítimo, e rodeando o monte Lourido, chegamos a praia América, a cal percorreremos ata chegar ao porto de Panxón. Seguramente a marea nos permitirá camiñar pola area, que estando baixa soe estar ben compactada. Nesta praia deberemos cruzar un pequeno río, para o cal deberemos descalzarnos e polo que é recomendable levar unha pequena toalla para secar os pés. Ao chegar ao porto de Panxón seguimos pola praia da Madorra, tamén por paseo, e ao pouco xa entramos no espazo natural de Monteferro.

Neste tramo iremos vendo diferentes e fermosos miradoiros cara o mar, cunhas vistas moi boas de Baiona e as illas Estelas. Acadaremos o cumio de Monteferro, a 143 m sobre o nivel do mar. A subida ata aquí, é optativa. Logo volvemos ao porto de Panxón, onde nos recolle o bus.

Mércores 19. Roteiro. Olveiroa

  • Lonxitude: 10 km aproximadamente
  • Desnivel: baixo
  • Dificultade: baixa-media
  • Hora de saída: ás 16:00 h, diante da piscina universitaria
  • Hora de regreso: ás 21.30 h aproximadamente

Olveiroa é unha parroquia do concello de Dumbría, de paso obrigado para os peregrinos que se dirixen a Fisterra ou Muxía. O estado de conservación da aldea é bastante bo e pódense observar na mesma bos exemplos de arquitectura típica tradicional, como as casas de pedra, hórreos, etc. Pero, quizais o elemento máis rechamante e pouco coñecido, aínda que moi importante, son as lacenas. As lacenas son ocos nas paredes interiores das casas onde as abellas facían o mel como se fosen colmeas. Estes ocos teñen un acceso pola parte exterior da casa que se identifica grazas a un buratiño, normalmente situado enriba do “pousadoiro”, elemento característico onde as abellas se pousan antes de entrar na lacena.

A ruta parte de Olveiroa e nos leva ata a Pedra de Brazal (ou Pedra Cabalgada), unha pedra colosal, granítica, de enormes dimensións en equilibrio enriba de outra. Ata este punto o camiño goza de moi boas vistas sobre o río Xallas e os montes da Ruña. Ao regreso pasaremos pola aldeíña de Logoso situada no val do río de Hospital. O camiño non é complicado, pero pode haber algo de lama se chovese en días anteriores.

Sábado 22. Ruta de sendeirismo. Os Peares. A Peroxa.

  • Lonxitude: 16 km aproximadamente
  • Desnivel: medio (fundamentalmente de baixada)
  • Dificultade: media
  • Hora de saída: ás 09:00 h, diante da piscina universitaria
  • Hora de regreso: ás 19:30 h, aproximadamente

Desprazámonos nesta ocasión ata o concello ourensán de A Peroxa para percorrer o sendeiro homologado PR-G 179, Ruta do río Miño. Comezaremos na aldea de Vispín e en pouco tempo chegaremos á carballeira do Amparo, na parroquia de Carracedo, onde hai unha ermida. Continuaremos subindo suavemente por cómodos camiños ata chegar a A Peroxa. Unha vez aquí, o percorrido será fundamentalmente en descenso.

Pouco despois de abandonar o pobo acadaremos os restos do castelo medieval de A Peroxa, construído sobre un antigo castro. Dende aquí teremos unhas moi boas e fermosas vistas. O descenso dende o castelo ata a aldea de Pousada será o tramo máis complicado da xornada, porque a pendente é forte e o camiño algo incómodo, xa que é pedregoso e coa vexetación algo pechada. En calquera caso, nada fóra do normal dentro dunha ruta de sendeirismo. En Pousada continuaremos camiñando cara o Miño, xa por camiños moito máis cómodos.

Os últimos 6 km, xa pegados ao Miño, son completamente chans. A ruta rematará na praia fluvial de Os Peares.

Cabe destacar, especialmente tendo en conta a época do ano, que a maior parte do percorrido transcorre por zonas arboradas con bastante sombra.

É posible que o día da ruta a praia fluvial dos Peares xa estea acondicionada para o baño. De ser así, uns días antes enviarase un correo electrónico ás persoas inscritas na actividade para avisar de que poden levar bañador e toalla xa que habería un tempo para darse un baño.

 

Estas andainas son unha actividade organizada polo Servizo de Deportes da USC.

PR-G 179, Ruta do río Miño. [Fotografía: Pangea Ingeniería del Territorio]