Fundación USC Deportiva USC
Inicio > Actividades > Actividades > Cartafol de actividade

Cartafol de actividade

   

Rutas de sendeirismo do mes de maio

4, 8 e 25 de maio
As camiñadas do mes de maio traen unha oferta como moito engado: unha andaina de montaña ao Pico Formigueiros n'O Courel, a Ruta da Auga en Caldas de Reis e a Ecopista de Valença a Monçao.

Sábado 4. Ruta de Montaña. Pico Formigueiros. O Courel

  • Lonxitude: 24 km aproximadamente.
  • Dificultade: alta (pola lonxitude e o desnivel).
  • Desnivel: forte.
  • Hora de saída: ás 07:00, diante da piscina universitaria.
  • Hora de regreso: ás 21:30  aproximadamente.

Nesta xornada de montaña imos intentar acadar o cumio máis alto da serra do Courel, o pico Formigueiros, a 1640 metros de altitude. A ruta comeza en Riocereixa, parroquia do concello de Pedrafita a pouco máis de 900 metros. Pronto comezamos a subir, rodeando toda a devesa de Riocereixo, unha das máis importantes  pero menos coñecidas de toda a comarca.

Aos catro quilómetros acadamos o cordal da serra ao pé do Faro, cumio que xa subimos no seu día. Desde aquí as vistas son impresionantes. Un dato: estando o día despexado pódese albiscar Pena Ubiña, no corazón da cordilleira cantábrica.

Unha vez no cordal hai que chegar ao Alto do Couto, punto da estrada que une o val de Seoane co de Visuña. Cruzaremos a estrada entramos na devesa da Rogueira. Ata aquí todo é un festival de paisaxe, a partires deste punto é un festival de biodiversidade: bidueiros, acivros, carballos, enciñeiras, castiñeiros, faias, teixos, abeleiras (entre outros) conforman o mellor bosque de Galicia, con moreas de fentos, flores e outras plantas aos seus pés.

Dentro da devesa faremos a ruta que nos leva ás Fontes do Cervo formada por dous mananciais que xorden da rocha formando unha pequena fervenza. Dende a fonte, un estreito e empinado camiño de algo menos de dous quilómetros nos leva ao cumio, onde poderemos volver a gozar de inmellorables vistas. Ata aquí son 15 quilómetros.

Temos que volver ao Alto do Couto, esta vez por un amplo camiño, e logo desfacer parte do camiño feito polo cordal ata chegar a un desvío onde comeza o descenso propiamente dito, rodeando a devesa de Romeor, quizais a máis pequena das tres que veremos nesta xornada, pero moi fermosa. Seguimos baixando e chegamos ao lugar de San Pedro, e seguimos por fermosas corredoiras ata acadar a estrada de Riocereixa onde rematamos e nos recolle o bus. Os camiños da ruta son en xeral amplos e en bo estado, agás o tramo da devesa de Rogueira que é camiño estreito. Aínda así pode haber lama.

A dificultade da ruta vén dada pola lonxitude e o desnivel (tanto de ascenso como de descenso).

Mércores 8. Roteiro. Ruta da Auga. Caldas de Reis

  • Lonxitude: 7 km aproximadamente.
  • Desnivel: baixo.
  • Dificultade: media
  • Hora de saída: ás 16:00 h, diante da piscina universitaria.
  • Hora de regreso: ás 21.00 h aproximadamente

Esta ruta comeza no centro de Caldas xunto ao seu pequeno xardín botánico e a marabillosa carballeira, declarados Ben de Interese Cultural.

Camiñando polo paseo fluvial do Umia chegaremos a unha zona onde son abondosos os muíños, moitos deles restaurados, entre zonas de bosque de ribeira formado por ameneiros, loureiros e salgueiros.

Máis adiante chegamos á coñecida Fábrica da Luz. Dende aquí hai que coller un curto tramo de estrada un pouco perigosa. Hai que estar atentos aos coches que circulen. Ao pouco, un fermoso camiño lévanos á ponte romana de A Baxe do século I, que foi remodelada a comezos do século XVIII.

Unha vez cruzada a ponte comezamos o regreso río abaixo pola outra beira, por algún tramo de pista asfaltada, e cruzando a vella ponte de Segade de abaixo, chegamos novamente á carballeira de Caldas.

Sábado 25. Ruta de Lecer. Ecopista de Valença a Monçao.

  • Lonxitude: 20 km aproximadamente.
  • Desnivel: non ten    Dificultade: media (pola lonxitude da ruta).
  • Hora de saída: ás 09:00 h, diante da piscina universitaria.
  • Hora de regreso: ás 19:30 h aproximadamente.

En cursos anteriores xa percorremos outros tramos da Ecopista do Minho. Nesta ocasión comezaremos na fortaleza de Valença do Minho, onde faremos unha pequena parada para tomar o café.

A ecopista transcorre por un antigo trazado de tren, actualmente asfaltado ou cementado. Nalgúns tramos, sobre todo na primeira parte do percorrido, sairémonos da ecopista para poder camiñar sobre terra e achegarnos todo o posible ao río, que nos proporcionará unhas vistas marabillosas.

Toda a ruta transcorre entre campos de cultivo, viñedos e, cara a segunda metade do camiño, por zonas arboradas con menos vistas ao Miño. Pasaremos tamén xunto a antigas estacións de tren, como a de Friestas, e por algunha aldea. A máis interesante é a de Lapela, onde nos achegaremos a ver a súa Torre.

Unha vez en Monçao, no caso de ir ben de tempo, haberá en torno a unha hora de tempo libre para visitar a vila.

A ruta apenas ten desnivel, pero a dificultade vén dada polo número de quilómetros, case 20 km. Recoméndase non levar un calzado demasiado ríxido. De todas formas, nos tramos de terra, podería haber algo de barro no caso de chover os días anteriores.

 

 

Estas andainas son unha actividade organizada polo Servizo de Deportes da USC.