Fundación USC Deportiva USC
Inicio > Actividades > Actividades > Cartafol de actividade

Cartafol de actividade

   

III Xornada teórico-práctica de iniciación á autodefensa

23 de marzo de 2019
O modelo de aprendizaxe proposto tradicionalmente polas artes marciais incide maioritariamente na adquisición e perfeccionamento das habilidades físico-técnicas como solución a una agresión de carácter físico. Sen embargo, presta moi pouca ou ningunha atención á adquisición de habilidades sociais, emocionais e cognitivas, polo que non ofrece solucións a outro tipo de agresións, diferentes ás de carácter físico, e moito máis frecuentes no día a día.

Neste curso, organizado pola Fundación USC Deportiva e o Servizo de Deportes da USC, preténdense analizar os conflitos (non só físicos) cun enfoque máis aberto, construíndo deste xeito una visión máis ampla, completa e actual da Autodefensa.

Proporcionaranse recursos de autodefensa para dar resposta a potenciais situación de risco, aprendendo o uso de técnicas eficaces en función das capacidades de cada un e das características da agresión. Ao mesmo tempo explicaranse técnicas de xestión de conflitos baseadas noutro tipo de habilidades e competencias destinadas a evitar o enfrontamento físico.

Destinatarios

Trátase dun curso de iniciación dirixido a todas aquelas persoas maiores de 16 anos interesadas en coñecer os fundamentos teóricos e prácticos da autodefensa.

Obxectivos

  • Proporcionar recursos de autodefensa para dar resposta a potenciais situacións de risco para a nosa integridade.
  • Aprender o uso de técnicas eficaces en función das nosas capacidades e das características de cada situación.
  • Ampliar o concepto de Autodefensa, de maneira que non se considere unicamente como unha disciplina de loita coa finalidade de repeler unha agresión física, senón tamén como unha disciplina que debe contemplar o emprego de técnicas para a solución de conflitos sen chegar a un enfrontamento físico.
  • Dar a coñecer os beneficios que reporta a práctica desta disciplina, que nos proporciona saúde e benestar, tanto a nivel físico como psíquico.

Contidos

Bloque téorico:

  • Concepto de autodefensa
  • Consideracións legais
  • A agresión: causas e tipoloxía
  • O agresor ou a agresora: consideracións xerais e tipoloxía
  • O agredido ou a agredida: estado emocional e actitude mental fronte á agresión
  • Curva de hostilidade
  • Autodefensa de carácter físico e verbal

Bloque práctico:

  • Fundamentos Técnicos 1:
  • Colocación
  • Distancia e espazo
  • Posicións
  • Principios de utilización da forza
  • Fundamentos Técnicos 2:
    • Desprazamentos e esquivas
    • Defensas
    • Formas de liberarse dun agarre
    • Golpeos
  • Fundamentos Técnicos 3:
    • Luxacións
    • Inmobilizacións e controis
    • Derrubo
    • Outros recursos de autodefensa
  • Táctica e estratexia:
    • Prevención, valoración e toma de decisións
    • Coñecemento das capacidades e limitacións propias
    • Coñecemento dos factores que inflúen no grao de perigosidade da agresión (lugar, número de agresores, características do agresor, agresión física/verbal, con/sen armas, vestimenta, sos/acompañados, etc.)

Docentes

Os docentes do curso serán Óscar e Sergio Lafuente López. Ambos contan cunha dilatada traxectoria como adestradores no eido das artes marciais e posúen a titulación de Especialistas en Autodefensa expedida pola Real Federación Española de Karate, tendo ademais o grao de 4º DAN nesta disciplina. Óscar Lafuente é na actualidade o responsable da Escola de Karate e da Escola de Defensa Persoal da USC.

Data de realización

23 de marzo de 2019

Horarios

  • 9:00 a 10:00 horas: Bloque teórico I
  • 10:30 a 13:30 horas: Bloque práctico I
  • 16:00 a 17:00 horas: Bloque teórico II
  • 17:30 a 20:30 horas: Bloque teórico II

Lugar

  • Bloque teórico: Colexio Maior Rodríguez Cadarso (Praza Rodríguez Cadarso s/n, Campus Vida, Santiago de Compostela). Sala Multiusos
  • Bloque práctico: Sala de Artes Marciais do Estadio de Atletismo da USC (Avda. Novoa Santos, s/n; Santiago de Compostela)

Prezo

40 €

Número de prazas

  • Mínimo: 8
    Máximo: 20

Material necesario

Nos bloques prácticos será necesario o uso de roupa deportiva para o desenvolvemento das sesións.

Inscrición

Pode inscribirse calquera persoa maior de 16 anos que o desexe. As prazas iranse cubrindo por rigorosa orde de inscrición.

O prazo de inscrición comezará no momento da publicación do curso na páxina web da Fundación USC Deportiva.

No caso de que o día 20 de marzo non se teña chegado ao mínimo de participantes procederase á anulación do curso. De ter chegado ao mínimo de persoas inscritas nesa data pero haber aínda prazas libres, continuará aberto o prazo de inscrición.

A inscrición considerarase feita unha vez cuberto o formulario on line e unha vez que se teña  recibido na Fundación o xustificante do pagamento do curso (no caso de optar polo pagamento on line a través da nosa páxina web non é preciso enviar este xustificante).

É obrigatorio enviar tamén por correo electrónico a info@fundacionuscdeportiva.org esta cláusula informativa cuberta e asinada.

Forma de pagamento

Existen dúas formas de facer o pagamento:

  • On line
  • Facendo un ingreso ou transferencia nalgún dos seguintes números de conta e facéndonos chegar o xustificante escaneado ou traéndoo presencialmente á sede da Fundación.
  • Caixa Rural Galega: ES82 3070 0035 2660 6938 4920
  • Abanca: ES07 2080 0388 2730 4000 0932
  • Correo electrónico: info@fundacionuscdeportiva.org
  • Enderezo: Edificio FEUGA (despacho 3). Rúa Lope Gómez de Marzoa s/n, 15705 Santiago de Compostela

Renuncia á praza e devolución dos ingresos

As cantidades pagadas só serán devolvidas cando non se poida utilizar o servizo por causa de forza maior non imputable ao interesado. Estas causas deberán ser debidamente xustificadas na solicitude de devolución que se formule, debendo achegar a esta os documentos xustificativos que en cada caso correspondan. Fóra destes casos, non se efectuarán devolucións das cantidades pagadas.

Información en cumprimento da normativa de protección de datos personais

Os seus datos persoais serán usados para a nosa relación e poder prestarlle os nosos servizos. Ditos datos son necesarios para poder relacionarnos con vostede, o que nos permite o uso da súa información persoal dentro da legalidade. Así mesmo, tamén poden ser usados para outras actividades, como enviarlle publicidade ou promocionar as nosas actividades.

Só o persoal da nosa entidade que estea debidamente autorizado poderá ter coñecemento da información que lle pedimos. Así mesmo, poderán ter coñecemento da súa información aquelas entidades que precisen ter acceso á mesma para que poidamos prestarlle os nosos servizos. Igualmente, terán coñecemento da súa información aquelas entidades públicas ou privadas ás cales esteamos obrigados a facilitar os seus datos persoais con motivo de cumprimento dalgunha lei.

Conservaremos os seus datos durante a nosa relación e mentres nos obriguen as leis. Unha vez finalizados os prazos legais aplicables, procederemos a eliminalos de forma segura.

En calquera momento pode dirixirse a nós para saber que información temos sobre vostede, rectificala si fose incorrecta e eliminala unha vez finalizada a nosa relación, no caso de que sexa legalmente posible. Tamén ten dereito a solicitar o traspaso da súa información a outra entidade. Para solicitar algún destes dereitos, deberá realizar unha solicitude escrita ao noso enderezo, xunto coa fotocopia do seu DNI, para poder identificarlle: FUNDACIÓN USC DEPORTIVA, LOPE GÓMEZ DE MARZOA S/N, EDIF. FEUGA, 15705 SANTIAGO DE COMPOSTELA.

No caso de que entenda que os seus dereitos foron desatendidos pola nosa entidade, pode formular unha reclamación na Axencia Española de Protección de Datos (www.agpd.es).

A inscrición na actividade supón a aceptación e o compromiso destas normas.