Fundación USC Deportiva USC
Inicio > Actividades > Actividades > Cartafol de actividade

Cartafol de actividade

   

Rutas de sendeirismo do mes de febreiro

9, 13, 16 e 23 de febreiro
A Cañiza, Lalín, Quirora e Cervantes destinos das rutas de sendeirismo do mes de febreiro.

Sábado 9. A Cañiza. A Paradanta

  • Lonxitude: 15 km aproximadamente
  • Dificultade: media
  • Desnivel: medio
  • Hora de saída: ás 09:00, diante da piscina universitaria
  • Hora de regreso: ás 20:00  aproximadamente

Xa estivemos anteriormente na zona da Paradanta facendo o sendeiro das Fragas e Levadas dos ríos Calvo e Deva, e nos sorprendeu gratamente polas súas paisaxes.

Nesta ocasión comezamos a ruta no mesmo punto, a igrexa da Pena de Francia, facendo inicialmente parte do mesmo camiño polo val do río Calvo, e seguindo o coñecido como Camiño da Raíña que pasa polo lugariño de O Formigueiro ata o Chan dos Bidueiros. Dende aquí, seguindo un Vía Crucis en forte pendente, chegamos ao Coto da Vella, onde teremos unhas fermosas vistas da zona. Neste punto só queda facer o descenso ata o santuario da Franqueira, o cal aproveitaremos para visitar. A ruta ten unha dificultade media, só e destacable o desnivel. Tampouco sería raro atopar zonas enlamadas.

Mércores 13. Roteiro. Monumento Natural Fraga de Catasós. Lalín

  • Lonxitude: 7 km aproximadamente    
  • Desnivel: baixo
  • Dificultade: baixa
  • Hora de saída: ás 16:00, diante da piscina universitaria
  • Hora de regreso: ás 20:00 aproximadamente

A Fraga de Catasós é un pequeno e marabilloso espazo natural do concello de Lalín, que foi declarado Monumento Natural polo enorme valor dos carballos e principalmente dos castiñeiros que hai na fraga. Faremos o pequeno percorrido que hai polo interior do bosque e o completaremos percorrendo tamén a zona rural do seu arredor.

Unha ruta en xeral moi bonita e sen complicacións, aínda que pode haber lama nalgúns camiños.

Sábado 16. Ruta de Montaña. Alto do Convento. Quiroga. O Caurel

  • Lonxitude: 18 km aproximadamente
  • Dificultade: media-alta
  • Desnivel: forte
  • Hora de saída: ás 08:00, diante da piscina universitaria
  • Hora de regreso: ás 20:30  aproximadamente


Retomamos a nosa programación de rutas de montaña visitando o sur da serra do Caurel, máis concretamente o concello de Quiroga. O noso obxectivo nesta ocasión é o alto do Convento (1128 m), un cumio situado moi preto do veciño concello de Folgoso, de altitude moderada, pero que é un abraiante miradoiro natural desta zona da serra.

A actividade comeza na parroquia de A Ermida, a 350m de altitude. Os primeiros sete quilómetros son unha constante e case que permanente subida ata o mesmo cumio, con tramos de moita pendente e outros máis levadíos. No alto poderemos divisar gran parte da serra e da comarca, a chaira de Quiroga e San Clodio, o val do Lor, o Caurel... Despois comezamos o descenso ata Campodola, onde poderemos observar un dos máis interesantes elementos xeolóxicos do noso país, que foi declarado monumento natural no ano 2012 e lugar de interese xeolóxico no 2011. Aquí a paisaxe cambia drasticamente, entramos no val do río Ferreiriño, e aparece o bosque autóctono. No lugar de Campodola enlazamos co sendeiro PR-G192, o cal seguiremos ata o final da ruta no lugar de Campos de Vila.

O percorrido non ten grandes dificultades, salvo o continuo e forte desnivel a salvar tanto na subida como na baixada. Tamén no tramo do sendeiro de Campodola teremos que cruzar un rego, que en función do seu caudal pode complicarnos máis ou menos. Un pouco máis adiante hai un curto tramo que pode dar algo de vertixe.

Sábado 23. Cervantes. Ancares

  • Lonxitude: 16 km aproximadamente
  • Dificultade: media
  • Desnivel: medio
  • Hora de saída: ás 08:00, diante da piscina universitaria
  • Hora de regreso: ás 20:30  aproximadamente


Visitamos o concello de Cervantes para facer a fermosa e coñecida Ruta do Castro. É unha ruta circular, con comezo e final no mesmo Cervantes, que nos achega ao castro de Santa Mariña logo de pasar o rego de Castelo. Mais adiante, subindo, chegamos a San Pedro onde comeza a subida máis forte da ruta de hoxe, que nos leva ao alto de Bibián, a 900m de altitude. Dende aquí hai moi boas vistas de gran parte do concello. Un curto tramo por asfalto nos leva a unha curiosa capela dedicada a dous santos: san Estevo e san Antonio. Neste punto comezamos a descender ata chegar novamente a San Pedro e de aquí continuamos ata Cervantes.

O percorrido ten un alto interese natural, xa que son abondosos os bosques e cursos de auga. A zona tamén é unha boa mostra da típica paisaxe de montaña.
Pode haber lama nos camiños e tamén árbores caídas que poden molestar.

Estas andainas son unha actividade organizada polo Servizo de Deportes da USC.

[Fotografía: Caminando entre senderos]