Fundación USC Deportiva USC
Inicio > Actividades > Actividades > Cartafol de actividade

Cartafol de actividade

   

Rutas de sendeirismo do mes de xaneiro

19, 26 e 28 de xaneiro
Tres rutas engaiolantes para comezar o ano polos arredores de Corrubedo, as fragas de Trabada na Mariña Lucense e a Ribeira Sacra.

Sábado 19. Arredores de Corrubedo

  • Lonxitude: 18 km aproximadamente
  • Dificultade: media
  • Desnivel: baixo-medio
  • Hora de saída: ás 09:00, diante da piscina universitaria
  • Hora de regreso: ás 19:30  aproximadamente


Comezamos o ano cun fermosísimo percorrido costeiro pola zona de Corrubedo e o seu parque natural.

A ruta comeza no mesmo pobo de Corrubedo. Camiñaremos polas súas rúas, pasando pola igrexa de Santa María. Ao saír do pobo iremos pegadiños á costa ata o faro, onde con un pouco de sorte poderemos observar a bravura do mar. O itinerario segue ata a praia das Barreiras, as puntas do Corgo e da Laxe Brava, e a praia de Espiñeirido, xa no concello de Porto do Son. Neste punto separámonos da costa para achegarnos á capela de San Bieito e seguiremos en forte pendente, por unha pista asfaltada, ata o alto de Tahume a 240m sobre o nivel do mar. As vistas dende aquí son abraiantes: podemos ver o parque natural na súa totalidade, a costa de Porto do Son, monte Louro, o Barbanza…

Logo temos que baixar, entre zonas de plantacións forestais ata Olveira. Aquí entramos xa no parque natural, facendo o Camiño do Vento, un dos percorridos habilitados no parque. Este nos leva, rodeando a gran duna móbil, ata a praia de Ladeira, xa moi preto de Corrubedo onde remataremos a nosa actividade. A ruta en xeral non é difícil, pero hai que ter en conta que temos que cruzar algún pequeno coído e zonas de area. Ten pouco desnivel, pero a subida ao Tahume é forte, aínda que breve (2 quilómetros). Pode haber lama nalgúns puntos.

Sábado 26. As Fragas de Trabada. Ruta do Vento

  • Lonxitude: 13 km aproximadamente.
  • Desnivel: medio.
  • Dificultade: media.
  • Hora de saída: ás 09:00, diante da piscina universitaria.
  • Hora de regreso: ás 20:00 aproximadamente.

Non sería esaxerado dicir que esta ruta pode ser unha auténtica sorpresa para os que a fagan. A Mariña lucense sofre dende hai tempo severo proceso de eucaliptización, pero o concello de Trabada agocha un valiosísimo tesouro nas ladeiras da serra da Cadeira: as Fragas de Trabada. Bosques autóctonos moi ben conservados, cunha valiosa biodiversidade.

A ruta, sinalizada polo concello, comeza no alto da serra, no Chao do Couso, e vai polo alto entre zonas de pastos e bosques de piñeiros rodeando o Chao Grande, o punto máis alto. Ao pouco o sendeiro comeza a descender e pasa á ladeira norte da serra. Entramos na fraga de Cabanela, unha das xoias desta ruta. Máis adiante o camiño sae da fraga e vai ata o alto de Pau Pico, onde temos unha vista moi boa de toda a montaña. Logo continuamos ata a seguinte fraga, a de Viladepena, a cal tamén cruzaremos. O último quilómetro, con forte desnivel, nos leva novamente ao Chao do Couso. A ruta forma parte da rede de sendeiros homologados. Os camiños son bos o non teñen dificultades, salvo pola lama que podamos atopar.

Luns 28. Especial Santo Tomás de Aquino. Fervenza de Augacaída e castro de Marce.

  • Lonxitude: 10 km aproximadamente.
  • Dificultade: media.
  • Desnivel: medio.
  • Hora de saída: ás 09:00, diante da piscina universitaria
  • Hora de regreso: ás 19:30  aproximadamente

No curso 2014-2015 fixemos o PR-G162, un sendeiro que percorre a Ribeira Sacra do Miño, e xa daquela pasamos por estas terras. De feito xa visitamos o castro de Marce. Ese mesmo día vimos durante a ruta unha sinalización que indicaba: fervenza de Augacaída. Desbotamos a idea de visitala, xa que o acceso á mesma era complexo e perigoso. A día de hoxe o camiño acondicionouse e o acceso é máis doado. Incluso hai pasarelas de madeira nos puntos máis esixentes do terreo.

O percorrido comeza en As Areas, un pequeno lugariño do concello de Pantón. En descenso nos leva ata Marce, onde poderemos ver os restos da Torre de Marce, fortaleza que tivo a súa importancia na idade media, a curiosa Torre do Reloxo, construída polos emigrantes a mediados do século XX, e con un pouco de sorte veremos tamén a pequena capela de San Marcos a cal ten un interesante retablo.Seguimos descendendo ata chegar ao desvío á fervenza. A baixada ata a mesma está acondicionada. É un descenso curto, pero intenso en canto a desnivel, e aínda que hai pasarelas e chanzos hai que ir con coidado. Logo de ver a fervenza ascenderemos para ir ata o castro de Marce, probablemente un dos sitios máis fermosos da Ribeira Sacra. Despois voltaremos a Marce e ao punto de partida, onde nos recolle o bus.

A ruta aínda que non é difícil ten tramos nos que hai que prestar atención e poden estar esvaradíos en caso de que chova os días anteriores

Pola tarde acercarémonos a Arxeríz, no próximo concello de O Saviñao, para ver o seu Ecomuseo. Unha visita moi interesante sen dúbida algunha. Ten un custe de 2 € por persoa, que non está incluído no prezo da actividade. O pago farase no mesmo museo.

Estas andainas son unha actividade organizada polo Servizo de Deportes da USC.