Fundación USC Deportiva USC
Inicio > Actividades > Actividades > Cartafol de actividade

Cartafol de actividade

   

Rutas de sendeirismo de decembro

8, 22 e 31 de decembro.
Nogueira de Ramuín, Cuntis e Compostela acollen as tres últimas rutas de sendeirismo de 2018.

Sábado 8. Camiño da Amargura. Luíntra

  • Lonxitude: 17 km aproximadamente
  • Dificultade: media
  • Desnivel: medio
  • Hora de saída: ás 09:00, diante da piscina universitaria
  • Hora de regreso: ás 20:00 aproximadamente

Regresamos ao concello de Nogueira de Ramuín a facer un novo percorrido. Quizáis a ruta da Amargura sexa o máis bonito dos que levamos feito neste concello. É un percorrido circular que comeza e remata en Luíntra, capital do concello. Entre corredoiras, fermosos bosques e zonas altas con marabillosas vistas, nos leva ata o lugariño de Biduedo. Dende ahí imos a Paradela, xusto enriba do río Sil. O tramo dende aquí ata o mosteiro de San Estevo é un abraiante bosque autóctono. Ao chegar ao mosteiro comeza o regreso a Luíntra, pasando tamén por zonas ben fermosas como o regato de San Miguel.

A ruta non ten maiores dificultades, pero tampouco é doada. Hai que ter en conta a lama que poida haber nas corredoiras e  o desnivel acumulado, xa que as subidas e baixadas son constantes. (Haberá opción de evitar os 4 últimos quilómetros, e, deste xeito suavizar un pouco a ruta).

Goza o percorrido dun alto interesa paisaxístico e natural e son abondosos os puntos de interese: o conxunto de mámoas da Moura, o mosteiro de San Estevo, o castro das Trapas (ou Penedos do Castro).

Sábado 22. Monte de Cádavo. Cuntis

  • Lonxitude: 13 km aproximadamente.
  • Desnivel: medio.
  • Dificultade: media.
  • Hora de saída: ás 09:00, diante da piscina universitaria
  • Hora de regreso: ás 19:00 aproximadamente

O percorrido deste día transcorre case na súa totalidade polo concello de Cuntis, na parroquia de Cequeril . Comeza o percorrido na igrexa de, Santa María. Dende aquí, por unha ampla pista vaise subindo polo monte Cádavo. Ao pouco atopamos unha zona con petróglifos moi interesantes. O ascenso continúa ata chegar ao alto de Rolán. Aquí, se hai visibilidade, xa poderemos gozar dunhas vistas moi boas.

Haberá opción, se o tempo o permite e hai folgos suficientes, de acadar o punto máis alto do monte. Para iso temos que subir e baixar 100 metros de desnivel e percorrer 3 quilómetros a maiores. En calquera caso este tramo será optativo. Logo o camiño baixa por pistas e algún sendeiro ata chegar ao lugariño de Vilar de Mato. Unha vez aquí, temos que baixar á beira do río Umia para chegar á ponte do Ramo. Este treito e moi fermoso xa que hai bosques de ribeira moi ben conservados e muíños restaurados. Dende a ponte só nos queda facer un quilómetro de ascenso moi levadío ata Cequeril, onde remata o itinerario.

A ruta non ten maiores dificultades, pero en puntos concretos haberá que prestar atención en caso de haber lama e no río hai algún pequeno tramo onde o camiño está desfeito.

Luns 31. Actividade Especial Fin de Ano. Monte Pedroso

  • Lonxitude: 7 km aproximadamente.
  • Desnivel: baixo-medio.
  • Dificultade: baixa.
  • Hora de saída: ás 10:00, diante da piscina universitaria.
  • Hora de regreso: ás 14:00 aproximadamente


Un ano máis nos xuntaremos para facer a xa tradicional ruta de Fin de Ano. Nesta ocasión saímos camiñando dende Santiago xa que o noso obxectivo é o cumio do Pedroso.

A actividade comeza cruzando a carballeira de San Lourenzo ata o río Sarela. Faremos un treito do río para logo subir a Bar de Abaixo. Unha vez aquí entraremos na Selva Negra para, pouco a pouco, subir ata o cumio do monte e deste xeito poder ver as vistas da cidade.

O regreso o faremos pola Granxa do Xesto e as Casas Novas ata o Sarela novamente. Dende ahi retornaremos ao campus pola capela do Carme.

Ás 12:00 da mañá celebraremos as badaladas, polo que si queredes podedes levar algo de turrón ou algunha vianda que se vos ocorra.

Estas andainas son unha actividade organizada polo Servizo de Deportes da USC.

[Foto: Trota Montes.Wikilock]