Fundación USC Deportiva USC
Inicio > Actividades > Actividades > Cartafol de actividade

Cartafol de actividade

   

Rutas de sendeirismo de outubro

6, 20 e 24 de outubro
Camiñada por Ares e Mugardos, nova etapa do camiños dos Faros entre Rostro e Fisterra e un roteiro polas beiras do Ulla compoñen a primeira axenda de sendeirismo no outono

Sábado 6. Ruta de Sendeirismo. De Mugardos a Ares

  • Lonxitude: 19 km aproximadamente
  • Desnivel: baixo-medio
  • Dificultade: media
  • Hora de saída: ás 09:00, diante da piscina universitaria
  • Hora de regreso: ás 20:00 aproximadamente


Desprazámonos á Real Vila de Mugardos para facer un percorrido costeiro que nos levará ata a vila de Ares. A actividade comeza no porto de Mugardos e vai polo paseo marítimo primeiro e por estrada despois, rodeando a enseada do Baño, ata o castelo da Palma, xusto enfronte ao castelo de San Felipe. Logo o camiño continúa ata Chanteiro, unha fermosa praia situada entre punta Segaño e punta Coitelada. Aquí a beleza da paisaxe aumenta por momentos ata o lugar de O Outeiro. A ruta continúa en dirección sur, un pouco cara o interior, ata Maiobre, onde volve a haber unhas fermosas vistas da ría ata chegar a Ares.

O percorrido non ten serias dificultades. Quizais o máis salientable sexa a súa lonxitude. Predominan os camiños bos, alternando con curtos tramos de sendeiros. Tamén hai inevitables tramos de pista asfaltada, sobre todo ao comezo e no medio do itinerario.

Sábado 20. Ruta de Sendeirismo. Camiño dos Faros. De Rostro a Fisterra

  • Lonxitude: 16 km aproximadamente
  • Desnivel: medio
  • Dificultade: media
  • Hora de saída: ás 09:00, diante da piscina universitaria
  • Hora de regreso: ás 20:00 aproximadamente


A nosa derradeira etapa do Camiño dos Faros da comezo onde rematou a anterior, na praia de Rostro, a cal temos que cruzar de punta a punta. A ruta segue por Castromiñán, Denle e Punta Arnela ata o monte Veladoiro. Este está situado no cabo da Nave, a 234m de altitude e goza dunhas vistas fermosísimas. Un pouco máis adiante, unha forte baixada nos deixa na praia do Mar de Fora. Pasando polo lugariño de A Insua acadamos o último treito da ruta, que remata no faro de Fisterra, lugar único e máxico da nosa xeografía. O percorrido goza dun alto interese paisaxístico e natural.

Mércores 24. Roteiro polo río Ulla. Pontevea

  • Lonxitude: 8 km aproximadamente
  • Dificultade: baixa
  • Desnivel: baixo
  • Hora de saída: ás 16:30, diante da piscina universitaria
  • Hora de regreso: ás 20:00  aproximadamente


O Roteiro de hoxe comeza en Pontevea, unha emblemática ponte medieval do século XV que permite cruzar o río Ulla e, deste xeito, unir os concellos de Teo e A Estrada.

O río Ulla, por onde transcorre o percorrido, é un dos máis interesantes ríos galegos pola súa riqueza natural, a calidade das súas augas e a conservación dos seus bosques de ribeira.

A ruta vai primeiro pola beira do río pertencente ao concello de Teo, camiñando río abaixo ata a ponte colgante do Xirimbao, a cal cruzaremos para regresar pola beira do concello de A Estrada.

A ponte colgante do Xirimbao é unha das mais longas que cruzan os ríos galegos. Dadas as súas características non é aconsellable para xente con problemas de vértixe.

 

Estas andainas son unha actividade organizada polo Servizo de Deportes da USC.