Fundación USC Deportiva USC
Inicio > Actividades > Actividades > Cartafol de actividade

Cartafol de actividade

   

Rutas de sendeirismo en setembro

22, 26 e 29 de setembro
A Senda Verde de Carnota, un roteiro polo Sar e o tramo da ruta dos faros desde Touriñán a Rostro compoñen a oferta de sendeirismo do mes de setembro.

Sábado 22. Ruta de Lecer. Senda Verde de Carnota

  • Lonxitude: 14 km aproximadamente.
  • Desnivel: baixo-medio.
  • Dificultade: baixa.
  • Hora de saída: ás 09:00 h., diante da piscina universitaria.
  • Hora de regreso: ás 20:30 h. aproximadamente.

Comezamos o curso cunha ruta de Lecer. As rutas de Lecer son actividades de sendeirismo con nulas ou escasas dificultades,  en xeral máis levadías, relaxadas e de baixa dificultade, perfectas para pasar unha xornada tranquila ou iniciarse na actividade de sendeirismo. A ruta de hoxe nos leva a Carnota e faremos un dos itinerarios sinalizados cos que conta o concello: A Senda Verde.O percorrido é sinxelo e vai por unha ampla pista dende as cercanias de Louredo ata Lariño. A paisaxe é espectacular durante case todo o percorrido xa que é un estupendo miradoiro sobre toda a zona de Carnota, Caldebarcos, a súa praia, as dunas, a marisma… E tamén sobre Lariño e o seu faro. Durante o percorrido veremos os petróglifos de Filladuiro, que conforman unha das máis coñecidas estacións de petróglifos de todo o concello.

Ao rematar a ruta iremos en bus ata o lugar de Mallou e dende alí subiremos ao Castro de Mallou, un dos mellores exemplos castrexos da comarca. Este paseo é de 2km ida e volta, e ten suaves pendentes de subida e baixada.
Logo da visita a Mallou pararemos en Lira, para ver o seu hórreo.

En Lira hai praia, en caso de haber tempo e de que as condicións meteorolóxicas acompañasen podedes aproveitar e darvos un baño si queredes, sempre baixo a vosa responsabilidade e con sentidiño, xa que non haberá servizo de socorrismo.

Mércores 26. Roteiro polo río Sar

  • Lonxitude: 7 km aproximadamente.
  • Dificultade: baixa.
  • Desnivel: baixo.
  • Hora de saída: ás 17:00 h., diante da Colexiata de Santa María do Sar.
  • Hora de regreso: ás 19:30 h. aproximadamente.

Comezamos a nosa programación de Roteiros cun estupendo percorrido polo paseo do río Sar. Comezando na Colexiata seguiremos o curso do río pasando por diferentes zonas de interese e gozando da marabillosa vexetación de ribeira do Sar. A actividade remata no campus Sur, diante da piscina universitaria.

Sábado 29. O Camiño dos Faros. De Touriñán a Rostro.

  • Lonxitude: 17 km aproximadamente.
  • Desnivel: medio.
  • Dificultade: media.
  • Hora de saída: ás 09:00 h., diante da piscina universitaria
  • Hora de regreso: ás 20:30 h. aproximadamente.

O curso pasado rematamos as nosas actividades do Camiño dos Faros no faro de Toruiñán, así que este será o punto onde demos comezo de novo estas andainas. A ruta de hoxe nos leva ata Rostro. É unha ruta con poucas dificultades aínda que na súa segunda parte hai un par de puntos nos que teremos que andar con coidado e prestar atención. Todo o percorrido goza dun alto interese natural e paisaxístico. Dende Touriñán, seguindo a costa en dirección sur, chegamos ao lugariño de Talón, a un quilómetro escaso da praia de Nemiña a cal rodearemos ata chegar a fermosa aldea de Lires.

O camiño segue pasando polas calas de Area Grande e Area Pequena, punta Besugueira, O petón Bermello e a Mexadoira ata chegar á praia de Rostro, onde remata a actividade.

 

Estas andainas son unha actividade organizada polo Servizo de Deportes da USC.

Cabo Touriñan [Fotografía: Turismo de Galicia]