Fundación USC Deportiva USC
Inicio > Actividades > Actividades > Cartafol de actividade

Cartafol de actividade

   

Camiño ao Gaiás

Xullo (5, 12, 19 e 26), agosto (2, 9, 16, 23 e 30) e setembro (6 e 13)
Con este programa intentaremos achegar a Cidade da Cultura a toda a sociedade compostelá e a todos aqueles visitantes que durante os meses do verán estean por Santiago. É unha boa ferramenta para fomentar e promocionar o Monte Gaiás e as actividades que alí se realizan -como Atardecer no Gaiás-, e tamén un estilo de vida saudable a través da actividade física que se realiza nos roteiros que se plantexan.

Debido ao éxito que tivo a actividade na última edición, este ano repítese o formato con roteiros diúrnos e nocturnos.

Descrición da actividade

Roteiro diúrno

O roteiro comeza diante da Oficina de Turismo de Santiago, na rúa do Vilar. De aí pásase á rúa Nova e ao chegar á altura da igrexa de Santa María de Salomé, o grupo desviarase ata a rúa da Caldereiría para acadar a facultade de Xeografía e Historia. Logo cruzaremos a rúa Virxe da Cerca para chegar ao parque de Belvís baixando pola rúa das Trompas. Tras percorrelo, e logo de coller a rúa do Olvido e a de Sar, chégase á Colexiata de Sar. Dende aquí, remontando o curso do río polo paseo fluvial, acadamos o Multiusos Fontes do Sar. Só nos queda cruzar a rúa Diego Bernal para entrar no Bosque de Galicia, cruzalo e ir ata o parque do Lago. A actividade remata na Cidade da Cultura.

Alí, se lles explicarán ás persoas asistentes os puntos máis significativos e de interese e a actuación prevista dentro do programa Atardecer no Gaiás.

  • Lonxitude: 5 km
  • Dificultade: baixa
  • Desnivel: baixo (agás a subida polo Bosque de Galicia)
  • Hora de comezo: 19:00 h.
  • Duración: 90 minutos aproximadamente

Roteiro nocturno

O Roteiro comeza no Espazo On de A Cidade da Cultura de Galicia e dende aquí baixaremos polo camiño máis cómodo e directo do Bosque de Galicia ata acadar a avenida Diego Bernal para logo, pola rúa da Ponte de Sar abaixo, chegar ata a Colexiata.  Unha vez aquí subiremos pola rúa de Sar e enlazaremos co Parque de Belvís, o cal cruzaremos ata chegar á rúa das Trompas. Pasando pola facultade de Historia, chegaremos á praza de Mazarelos, onde remata a actividade.

  • Lonxitude: 4 km
  • Dificultade: baixa
  • Desnivel: baixo-medio
  • Hora de comezo: 22:30 h.
  • Duración: 70 minutos aproximadamente

Data de realización

A actividade terá lugar os seguintes xoves dos meses de xullo, agosto e setembro:

Roteiros diúrnos:

  • Xullo: 5, 26
  • Agosto: 2, 23, 30
  • Setembro: 6, 13

Roteiros nocturnos:

  • Xullo: 12, 19
  • Agosto: 9, 16

Inscrición

Pode  inscribirse  calquera  persoa  que  o  desexe.  Os  menores  de  idade  deberán  ir acompañados   dun  titor/a que  igualmente  debe  inscribirse  para  a  realización  da actividade. A actividade non está recomendada para rapaces menores de 10 anos.

A cota máxima de persoas por itinerario será de 25 persoas. En caso de haber máis inscricións  que   prazas,  crearase  unha  lista  de  agarda.  Respectarase  a  orde  de inscrición.

A hora límite de inscrición será o mesmo día de realización da ruta ás 14:00 horas.

Como inscribirse

A inscrición nos roteiros pode realizarse  preenchendo este formulario on line. 


No caso dos  menores de idade, ademais da inscrición, deberá cubrirse esta  autorización  e enviala por correo electrónico a: info@fundacionuscdeportiva.org, ou entregala presencialmente na sede da Fundación (Edificio FEUGA, despacho 3. Rúa Lope Gómez de Marzoa s/n, Campus Vida, Santiago de Compostela).

Material necesario

  • Calzado cómodo e deportivo apropiado para realizar un roteiro tanto por zona urbana como por sendeiros.
  • Auga para hidratarse
  • Gorra
  • Protección solar

Normas de obrigado cumprimento

As persoas participantes seguirán as indicacións do guía dende que comece a actividade ata que remate.

Non pode participar na actividade ningunha persoa que non estea na lista de participantes admitidos.

Os menores de 16 anos deberán ir acompañados dun titor/a e  este será o responsable do menor durante toda a actividade.

Debemos prestar máxima atención  ao  tráfico rodado cando haxa que cruzar rúas ou estradas.