Fundación USC Deportiva USC
Inicio > Actividades > Actividades > Cartafol de actividade

Cartafol de actividade

   

Rutas de sendeirismo de maio e actividade especial de primavera

9, 12, 17-20 e 26 de maio.
Gorentosa oferta de camiñadas a que achega o mes de maio con roteiros pola cidade da Coruña, a serra da Queixa e O Grobe e mais unha actividade especial de primavera por terras de Babia e a cordilleira Cantábrica.

Mércores 9. Roteiro en A Coruña. Torre de Hércules

  • Hora de saída: 15:45 h. (Piscina universitaria)
  • Hora de regreso: 21:00 h., aproximadamente.
  • Lonxitude: 7 km. aprox.
  • Desnivel: baixo.
  • Dificultade: baixa.

Viaxamos ata A Coruña para facer un roteiro por un dos espazos naturais más importantes da cidade: a zona da Torre de Hércules e Punta Herminia.

Aproveitaremos para visitar a Torre. O custe da visita non vai incluído no prezo da actividade e terá que pagar cada un alí o que lle corresponda. En caso de ser mais de 20, o prezo é de 1,5 euros. De non ser así, son 3 euros.*

_____

* Descontos para colectivos (1,5 euros):
  • Menores de 14 anos, titulares de Carné Xoven e maiores de 65 anos.
  • Titulares do Carne Internacional de Estudante (ISIC) o Carne Internacional de Profesor (ITIC).
  • Persoas en situación legal de desemprego, con presentación de documento acreditativo (España y EU).
  • Membros de familia numerosa, con presentación de documento acreditativo.

Sábado 12. Serra de Queixa. Ruta de Montaña.

  • Hora de saída: ás 08:00 h., diante da Piscina Universitaria.
  • Hora de regreso:  ás 21:30 h., aproximadamente
  • Lonxitude: 23 km aproximadamente.
  • Desnivel: medio-alto.
  • Dificultade: media-alta.

Esta é a nosa segunda ruta montañeira desta primavera. Imos ata Chandrexa de Queixa para facer un percorrido por unha das serras máis senlleiras do Macizo Central Ourensán: a serra de Queixa.

A ruta é de ida e volta polo mesmo camiño. Dada a súa lonxitude, o desnivel e as características do terreo a consideramos unha ruta de montaña.

Comeza na parroquia de Chandrexa e vai por corredoiras típicas ata Forcadas, un lugariño situado nun fermoso val. Aquí comeza a subida propiamente dita ao alto da serra.

No tramo intermedio da subida a ruta vai por un sendeiriño feito polo gando, en forte pendente e, a medida que vai chegando ao alto, o camiño mellora substancialmente.

Logo de 5 quilómetros de subida chegamos á Mallada do Frade, a 1.700 m de altitude. Dende aquí nos achegaremos un pouco máis ao sur, para poder ver as impresionantes vistas sobre a serra.

O regreso é polo mesmo camiño.

A ruta ten un alto interese paisaxístico e natural.

17 ao 20 de maio. Actividade especial de primavera. Babia. Cordilleira Cantábrica. (León)

  • Saída: día 17, xoves, ás 08:00 h., diante da Piscina Universitaria
  • Regreso: día 20, domingo, ás 21:00 h., aproximadamente.
  • Aloxamento: Estaremos aloxados en Villablino, no albergue Francisco Giner de Los Rios en réxime de media pensión. Hai que levar a comida para as rutas. As habitacións son dobres e todas teñen baño.  A distribución dos aloxamentos farase seguindo criterios organizativos.

Babia atópase no norte da provincia de León, facendo fronteira con Asturias e a comarca de Somiedo. Abrangue os concellos de Cabrillanes e San Emiliano. Babia ofrece unhas das paisaxes máis marabillosas da cordilleira Cantábrica. A simbiose entre os seus cómodos e amables vales e as súas montañas, moitas das cales superan os 2.000 m, fai que sexa unha zona perfecta para a práctica das actividades de sendeirismo e montaña e, sen dúbida ningunha, a primavera é das mellores épocas do ano para visitala.

Faremos rutas por paisaxes variadas e diferentes puntos. As camiñadas serán, en xeral, de dificultade media, aínda así hai que ter un bo estado de forma e estar afeito á práctica do sendeirismo.

Todas as actividades que faremos teñen un alto interese natural e paisaxístico.

As rutas previstas son:

  • Arredores de La Cueta e Peña Chana.
  • Lagoa de Las Verdes.
  • Arredores de Peña Ubiña.
  • Lago Chao desde Rio lago

O aloxamento é en Villablino, pero os desprazamentos ata os sitios onde comezan as rutas son curtos, sobre media hora aproximadamente.

Sábado 26. O Grove. Ruta de Lecer.

  • Hora de saída: ás 09:00 h., diante da Piscina Universitaria
  • Hora de regreso: ás 21:00 h., aproximadamente.
  • Lonxitude: 12 km, aproximadamente.
  • Desnivel: baixo.
  • Dificultade: baixa-media.

Esta ruta percorre o litoral oeste da península do Grove partido do Museo da Salazón, en punta Moreiras, e rematando en San Vicente do Grove.

Durante todo o percorrido, practicamente chairo, pasaremos por numerosas praias, como Area das Pipas, Area Grande ou Canelas e zonas de diverso interese natural ou cultural, como a lagoa de Bodeiro ou a necrópole do Adro Vello.

Nun punto da ruta desviarémonos cara ao interior para cambiar a perspectiva da paisaxe e adentrarnos en zonas rurais e gozar das vistas da illa de Ons dende unha zona algo máis elevada.

Os camiños, en xeral, son cómodos, aínda que algúns tramos son areosos e farán o noso camiñar algo pesado.

Antes de comezar a camiñar faremos unha visita guiada dunha hora de duración, aproximadamente, ao Museo da Salazón. Esta visita ten un custo de 2€ por persoa e non está incluída na inscrición. Cada persoa deberá abonalo no momento.

Practicamente toda a ruta transcorre por espazos protexidos pola Rede Natura 2000.

 

Estas andainas son unha actividade organizada polo Servizo de Deportes da USC.