Fundación USC Deportiva USC
Inicio > Actividades > Actividades > Cartafol de actividade

Cartafol de actividade

   

Rutas de sendeirismo do mes de abril

7, 18, 21 e 28 de abril
Completa oferta de camiñadas para o mes de abril con saídas aos Ancares, O Caurel, Vilaboa e Vila Nova da Cerveira-Valença.

Sábado 7. As Nogais. Serra Longa.

  • Lonxitude: 15 km aproximadamente
  • Desnivel: medio
  • Dificultade:  media
  • Hora de saída: ás 09:00, diante da piscina universitaria
  • Hora de regreso: ás 20:00 aproximadamente

A ruta comeza no centro da vila e vai por unha pista que pouco a pouco chega ata a parroquia de Doncos e segue pola denominada Serra Longa ata chegar a Pedrafita do Cebreiro. É un percorrido lineal que vai por cómodos camiños. Case toda a ruta é un continuo ascenso aínda que se fai moi ben, xa que a pendente non é moi forte. Só no último quilómetro e medio faise unha baixada para chegar a Pedrafita, que é o sitio onde nos recollerá o autobús. Gran parte do percorrido vai dentro do LIC Ancares-Caurel xa que conta con interesantes valores naturais, e tamén paisaxísticos.

Mércores 18. Roteiro polas Salinas de Ulló

  • Lonxitude: 8 km aproximadamente
  • Dificultade: baixa
  • Desnivel: non ten
  • Hora de saída: ás 16:00, diante da piscina universitaria.
  • Hora de regreso: ás  20:30  aproximadamente.

Imos visitar un espazo natural pouco coñecido dentro do concello de Vilaboa, na provincia de Pontevedra. É un percorrido moi cómodo polo litoral no que visitaremos as antigas salinas de Ulló. Os antecedentes destas Salinas se remontan ao reinado de Felipe IV, a finais do século XVII. As salinas foron explotadas polo colexio dos Jesuítas. Hoxe conforman un lugar de alto interese natural e paisaxístico. O percorrido vai case todo o tempo pola beira da enseada de Rande ou de San Simón a cal está declarada como zona de especial conservación dentro da Rede Natura.

Sábado 21. O Caurel, ascenso a O Faro. (Actividade de montaña)

  • Lonxitude: 20 km aproximadamente
  • Desnivel: alto
  • Dificultade:  media-alta
  • Hora de saída: ás 08:00, diante da piscina universitaria
  • Hora de regreso: ás 21:00 aproximadamente.

Continuamos a nosa programación de rutas de montaña deste curso que iniciamos o pasado mes de novembro coa subida a O Capeloso. Nesta ocasión imos ao concello de Pedrafita do Cebreiro para intentar acadar o cumio de O Faro, segundo cumio máis alto do Caurel, a 1615m de altitude. A ruta comeza preto de Zanfoga, na ponte sobre o río Lor, e vai por zonas boscosas e altas ata chegar preto de Fonteformosa e o seu faial, un dos poucos que hai en Galicia.Logo seguimos camiñando ata pasar á provincia de León e baixar ata o lugar de Busmayor, moi coñecido tamén por ter esta zona bosques en moi bo estado de conservación, onde destaca tamén o seu faial. Pasaremos moi preto del, e incluso entraremos algo no bosque para gozar dos seus regos e as súas fervenzas, xusto antes de encarar a dura subida a O Faro (situado entre Galicia e León). Unha vez no cumio só nos queda baixar ata o lugar de Riocereixa, e de aí ata a ponte sobre o rego de Santín, onde nos recollerá o bus. Esta actividade de ascenso a O Faro, polo seu desnivel e lonxitude, a consideramos unha actividade de montaña. Aínda que os camiños en xeral son bos, é preciso ter unha boa condición física e estar acostumado a facer rutas de sendeirismo con soltura, así como ter certa capacidade de esforzo. Non é unha actividade apta para xente con pouca experiencia

Sábado 28. Ruta de Lecer. Ecopista entre Vila Nova de Cerveira e Valença

  • Lonxitude: 16 km aproximadamente
  • Desnivel: non ten
  • Dificultade:  baixa
  • Hora de saída: ás 09:00, diante da piscina universitaria
  • Hora de regreso: ás 20:00 aproximadamente.

Comezamos a nosa programación de Rutas de Lecer viaxando ao norte de Portugal. As rutas de Lecer son actividades en xeral máis levadías, relaxadas e de baixa dificultade, perfectas para pasar unha xornada tranquila ou iniciarse na actividade de sendeirismo. A Ecopista é un itinerario que vai case todo o tempo á beira do río Miño unindo as localidades de Caminha e Monçao. Nesta ocasión faremos o tramo entre Vila Nova de Cerveira e Valença. Ao chegar a Vila Nova de Cerveira haberá tempo (uns 45 minutos) para visitar a vila antes de comezar a camiñar. O percorrido non ten dificultades e goza dun alto interese natural e paisaxístico. Dadas as características do firme na ruta non é necesario levar botas para facela. É aconsellable levar calzado deportivo que non sexa bota de sendeirismo dura. Teremos ocasión de visitar o forte de Lovelhe ao saír de Vila Nova, construído no século XVII, e que xogou un papel moi importante no control e vixiancia da fronteira. Ao rematar tamén haberá tempo (1 hora aproximadamente) para visitar Valença e a súa Fortaleza.

 

Estas andainas son unha actividade organizada polo Servizo de Deportes da USC.