Fundación USC Deportiva USC
Inicio > Actividades > Actividades > Cartafol de actividade

Cartafol de actividade

   

Rutas de sendeirismo do mes de marzo e actividade especial de Semana Santa

10 e 21 de marzo, e 29, 30, 31 de marzo e 1 de abril.
As rutas de sendeirismo de marzo incluén unha ruta pola serra do Xistral, un roteiro interpretativo polo río Sarela e a actividade especial de Semana Santa en Cabezón de la Sal (Cantabria).

Sábado 10. Serra do Xistral. Subida ao Cadramón

  • Lonxitude: 17 km aproximadamente
  • Desnivel: medio-alto
  • Dificultade:  media-alta
  • Hora de saída: ás 09:00, diante da piscina universitaria
  • Hora de regreso: ás 20:00 aproximadamente

Regresamos á serra do Xistral unha vez máis. Nesta ocasión visitaremos a súa vertente máis oriental e acadaremos o cumio do Cadramón, a maior altitude da serra con 1058m. A ruta é circular e comeza na ponte sobre o río Furna. Aquí sae unha pista que pouco a pouco vai subindo ata enlazar cun sendeiro que nos leva a o pé do cumio, a 920 m.

O derradeiro tramo do ascenso será optativo, facendo un treito de ida e volta de case dous quilómetros pola empinada pero cómoda ladeira oeste do Cadramón. Logo continuamos camiñando todo o rato polo alto, entre 900 e 100m de altitude pola única zona da serra libre de muíños de vento ata chegar ao alto de Onsolar, onde comezamos o descenso. Os últimos 4 quilómetros de descenso tamén son optativos, xa que o autobús pode vir a recollernos.

A ruta goza dun altísimo interese paisaxístico xa que a altura dos seus montes permite ter unhas panorámicas abraiantes de gran parte da provincia de Lugo. Así mesmo tamén é destacable o interese natural. As turbeiras de cobertor, únicas na Península, son o seu máximo expoñente.

O desnivel da ruta é salientable aínda que case todo se fai por terreo moi cómodo (pistas e camiños moi bos).

En caso de optar por non facer o tramo último de ascenso ao Cadramón e tampouco o tramo final de baixada da ruta a dificultade redúcese sensiblemente.

Mércores 21. Roteiro interpretativo polo río Sarela.

  • Dificultade: baixa
  • Desnivel. Baixo
  • Hora de saída: ás 17:00, diante da piscina universitaria.
  • Hora de regreso: ás 19:00 aproximadamente

Con motivo do "Día Internacional dos Bosques de 2018" (21 de marzo), que este ano ten coma fío conductor "bosques por unhas cidades sostibles", realizaremos un percorrido interpretativo polas beiras do Río Sarela, un dos pulmóns de Compostela. Neste roteiro poderemos ver un bo exemplo de Bosque de Ribeira, un hábitat protexido pola UE, así coma unha serie de parques e xardíns onde atoparemos numerosas especies arbóreas ornamentais.

Esta actividade estará guiada e dirixida por persoal do Museo de Historia Natural.

Actividade de Semana Santa. Cabezón de la Sal. Parques Naturais de Cantabria. 29 de marzo a 1 de abril.

  • Datas: do 29 de marzo ao 1 de abril
  • Lugar: Cabezón de la Sal. Cantabria
  • Saída: día 29, xoves, ás 08:00, diante da piscina universitaria
  • Regreso: día 1, domingo,  ás 21:00 aprox.
  • Aloxamento: Estaremos aloxados en Cabezón de la Sal, na Hostería el Cruce, en réxime de media pensión. Cearemos e almorzaremos todos xuntos no hostal. As habitacións son dobres e todas teñen baño.  A distribución dos aloxamentos farase seguindo criterios organizativos.

Sen dúbida algunha Cantabria é un dos mellores sitios do norte peninsular para facer rutas de sendeirismo. A súa xeografía, os seus valores naturais, así como os culturais e etnográficos fan que sexa un paraíso dos amantes da natureza.
Temos previsto  visitar o parque natural de Oyambre, o monumento natural das Secuoias do Monte Cabezón e o parque natural de Saja. Tamén visitaremos vilas como San Vicente de la Barquera e Comillas

Faremos rutas por paisaxes variadas e diferentes puntos.  As rutas serán en xeral de dificultade media, aínda así, hai que ter un bo estado de forma e estar habituado á práctica do sendeirismo.

Todas as rutas que faremos zonas teñen un alto interese natural e paisaxístico.

Estas andainas son unha actividade organizada polo Servizo de Deportes da USC.

Secuoias do Monte Cabezón [Fotografía: La Riguera de Ginio]