Fundación USC Deportiva USC
Inicio > Actividades > Actividades > Cartafol de actividade

Cartafol de actividade

   

Rutas de sendeirismo do mes de febreiro

17, 21 e 24 de febreiro
O alto da Farria, en Xunqueira de Ambia; o monte Pedroso, en Compostela; e a bacia do río Seixo, en Cerdedo, son os engaiolantes destinos das camiñadas do mes de febreiro.

Sábado 17. Xunqueira de Ambía. Alto da Farria

  • Lonxitude: 12 km aproximadamente 
  • Desnivel: medio
  • Dificultade:  media
  • Hora de saída: ás 09:00, diante da piscina universitaria
  • Hora de regreso: ás 19:30 aproximadamente

O ano pasado por estas datas fomos a Xunqueira a facer o sendeiro de Pelamios e moitos nos quedamos abraiados coa beleza da paisaxe e o bo estado de conservación do medio natural. Ese mesmo día decidimos que tíñamos que regresar a Xunqueira. Nesta ocasión imos facer un percorrido non sinalizado que pasa por zonas moi variadas do concello.

Ao comezo, a senda lévanos á beira do Arnoia, logo vai subindo pouco a pouco ata o castro da Acea, e segue ascendendo ata acadar o alto da Cruz e a Farria, a máis de 800 m de altitude. Neste alto iniciaremos o regreso descendendo ata Xunqueira.

Hai que prestarlle atención tamén aos lugariños polos que pasamos: A Acea, O Covelo, Farría, Quintela… En todos eles podemos ver interesantes mostras de arquitectura tradicional.

A ruta é unha fermosura e son abondosos os bosques ben conservados e as fermosas corredoiras entre carballos e castiñeiros, algúns deles dun porte considerable. As vistas dende o alto da Farria son moi boas, xa que se pode contemplar gran parte da provincia: Montederramo, Allariz, a chaira de A Limia…

O itinerario non presenta maiores dificultades, salvo algún punto moi concreto do ascenso e descenso da Farria, onde a pendente e un pouco forte e o chan un pouco esvaradío, pero son tramos moi curtos. A auga e a lama, en caso de habelas, tamén pode complicar un pouco a ruta.

Antes de comezar a ruta faremos unha visita á Colexiata de Santa María a Real, que xa visitamos anteriormente, pero sempre paga a pena ver un monumento destas características.

Mércores 21. Roteiro por Compostela. Monte Pedroso

  • Lonxitude: 8 km aproximadamente 
  • Desnivel: medio
  • Dificultade: baixa
  • Hora de saída: ás 17:00, diante da piscina universitaria
  • Hora de regreso: ás 19:30 aproximadamente

O noso primeiro roteiro deste ano lévanos ao Pedroso. Imos facer un percorrido circular pasando pola carballeira de San Lourenzo, cruzando o río Sarela e a Selva Negra ata o mirador sur do Pedroso. Dende aquí poderemos gozar dunhas estupendas vistas. Logo continuaremos ata o cumio do monte onde as vistas sobre a cidade e os arredores son mellores aínda. O regreso farémolo polo parque da Granxa do Xesto e o de Galeras.

É un percorrido ben bonito, con escasas dificultades, salvo o desnivel a salvar. Poderemos gozar de diferentes paisaxes así como diferentes puntos de interese natural.

Sábado 24. Ruta do río Seixo. Cerdedo.

  • Lonxitude: 14 km aproximadamente.
  • Desnivel: medio.
  • Dificultade: media.
  • Hora de saída: ás 09:00, diante da piscina universitaria
  • Hora de regreso: ás 19:00 aproximadamente.

Sen dúbida algunha a ruta do río Seixo no concello de Cerdedo-Cotobade vai ser unha das sorpresas deste curso.

É un itinerario fermosísimo, que percorre todo o val do río Seixo. A ruta comeza mesmo en Cerdedo, e ao pouco comeza a ascender polo monte. Unha vez no alto, a media ladeira da serra, poderemos gozar dunhas vistas marabillosas de todo o val.

A paisaxe é moi fermosa e variada, xa que se pode contemplar o val do Seixo en toda a súa extensión  O camiños nos leva ata a aldea de Cavadosa, onde poderemos ver as fervenzas do río. Aquí iniciamos o regreso, que vai á beira do río, entre fantásticos bosques moi ben conservados.

Durante este treito poderemos ver varios muíños antigos, así como pequenas pontes centenarias. Pouco antes de rematar, cruzaremos a ponte de San Antón, de orixe románica.

A ruta non ten moitas dificultades, salvo a subida do comezo, pero en xeral faise ben e o camiño é bastante bo. En caso de haber auga ou lama, pode aumentar algo a dificultade da ruta.

Estas andainas son unha actividade organizada polo Servizo de Deportes da USC.

Sendeiro do río Seixo en Cerdedo [Fotografía: @masrutasymenosrutinas]