Fundación USC Deportiva USC
Inicio > Actividades > Actividades > Cartafol de actividade

Cartafol de actividade

   

Rutas de sendeirismo de decembro

16, 23 e 31 de decembro
A Serra do Candán, a ruta de Moreiras en Toén e a saída de fin de ano ao Alto de Santiaguiño en Padrón compoñen a oferta de sendeirismo coa que se despide o ano.

Sábado 16. Serra do Candán. Zobra.

  • Lonxitude: 17 km 
  • Desnivel: medio (forte en puntos concretos)
  • Dificultade: media
  • Hora de saída: ás 09:00, diante da piscina universitaria
  • Hora de regreso: ás 19:00 aproximadamente

Esta é a terceira vez que visitamos a parroquia de Zobra, entre o Candán e os montes do Testeiro. Anteriormente estivemos na aldea de Grobas e fixemos o ascenso ao monte Coco. Desta volta imos facer parte do sendeiro homologado PR-G188. Non o realizaremos na súa totalidade xa que algúns dos puntos polos que pasa xa os coñecemos de anteriores visitas.

A ruta comeza mesmo en Zobra e vai pouco a pouco acadando zonas altas como A Rabexa e Campo Valín que permiten ter unhas boas panorámicas da comarca. Despois vai baixando, tamén pouco a pouco, ata o río Deza e algúns afluentes. Despois saímos co camiño sinalizado para chegar novamente ata Zobra.

A ruta é unha marabilla. Ten paisaxes espectaculares, por zonas altas e montañosas, vales, ríos e bosques en moi bo estado de conservación. Tamén hai que destacar a presenza de alvarizas durante o itinerario.

Sábado 23. Ruta de Moreiras. Toén

  • Lonxitude: 19 km 
  • Desnivel: medio
  • Dificultade: media
  • Hora de saída: ás 09:00, diante da piscina universitaria
  • Hora de regreso: ás 19:00 aproximadamente.

O concello de Toén ten un sendeiro homologado: o PR-G186, coñecido como ruta de Moreiras. Este sendeiro ten unha lonxitude suficiente como para poder facelo en dúas xornadas.

Nesta ocasión faremos unha das partes do percorrido que comeza mesmo en Toén, vai ata o lugar de Moreiras e regresa a Toén. A senda ten varios aspectos de interese, entre os que destacan nesta ocasión a enorme cantidade de sobreiras que veremos durante o percorrido, cousa bastante rechamante e pouco frecuente.

A arquitectura tradicional da zona tamén é un dos puntos fortes do sendeiro, así como a riqueza paisaxística.

Domingo 31. Actividade Especial Fin de Ano. Padrón. Alto de Santiaguiño

  • Lonxitude: 8 km
  • Desnivel: medio
  • Dificultade: baixa
  • Hora de saída: ás 09:30, diante da piscina universitaria
  • Hora de regreso: ás 14:00 aproximadamente.


Unha vez máis reunímonos o derradeiro día do ano para facer unha camiñada. Nesta ocasión imos ao monte do Alto de Santiaguiño.

O itinerario é un percorrido tranquilo e relaxado, aínda que ten certo desnivel, pero os camiños en xeral son moi cómodos. E aínda que a ruta comeza e finaliza en Padrón, transcorre tamén por zonas do concello de Dodro. Goza nalgúns puntos de moi boas vistas sobre a comarca e ten zonas de bosque ben conservados que alternan con zonas de piñeirais. Sen dúbida, vai ser un bo xeito de despedir o ano.

Estas andainas son unha actividade organizada polo Servizo de Deportes da USC.

[Fotografía: Jesussimon | Asociación Cultural «O Coto»]