Fundación USC Deportiva USC
Inicio > Actividades > Actividades > Cartafol de actividade

Cartafol de actividade

   

V Concurso de Postais de Nada da Fundación USC Deportiva

Data límite de recepción de orixinais: 11 de decembro de 2017
A Fundación USC convoca o V Concurso de Postais de Nadal da Fundación USC Deportiva. A temática da postal debe unir o Nadal e o deporte. A data límite de recepción dos orixinais será o 11 de decembro de 2017. Consulta as bases » »

BASES

1. Poderán participar todos aqueles nenos e nenas nados entre os anos 2005 e 2014 (ambos incluídos).

2.Cada participante poderá presentar un só traballo. Este debe realizarse en cartolina tamaño DIN-A4 por unha soa cara e poderase utilizar calquera técnica de debuxo, pintura ou collage. Os traballos non se poderán presentar enmarcados nin suxeitos con ningún tipo de soporte.

3. A temática da postal debe unir o Nadal e o deporte.

4. Valorarase a calidade dos traballos tendo en conta a idade dos nenos e nenas, a imaxinación, a orixinalidade e a súa relación coa temática indicada.

5. Outorgarase un único premio. Este será nominal e non será transferible a outra persoa.

6. O premio consistirá nunha praza no Verán CampUSC 2018 e un vale de 100 € para canxear por material deportivo. Así mesmo, a imaxe gañadora formará parte da tarxeta de Nadal que elaborará para este ano a Fundación USC Deportiva. Na mesma figurará o nome do gañador ou gañadora.

7. O xurado poderá outorgar un accésit cuxo premio consistirá nun pequeno lote de libros.

8. Os traballos presentaranse nun sobre pechado. No exterior do sobre indicarase “V Concurso de Postais de Nadal da Fundación USC Deportiva”. No interior, acompañando á postal, incluirase un sobre pequeno pechado coa folla de inscrición que acompaña a estas bases no seu interior. Na parte posterior da postal debe indicarse a idade da persoa participante, pero nunca o seu nome.

9. As postais deberán entregarse na sede da Fundación USC Deportiva, ben de maneira presencial ou enviándoas por correo. O enderezo é: Edificio FEUGA (despacho 3), rúa Lope Gómez de Marzoa s/n, 15705 Santiago de Compostela.

10. A data límite de recepción dos orixinais será o 11 de decembro de 2017.

11. O fallo do xurado farase público o 15 de decembro de 2017 na web da Fundación USC Deportiva

12. O acto de entrega do premio comunicaráselle oportunamente por escrito ao gañador ou gañadora.

13. O xurado resérvase o dereito de declarar deserto o premio.

14. A decisión do xurado cualificador será inapelable.

15. O xurado estará composto por:

  • Un membro do padroado da Fundación USC Deportiva
  • Unha persoa experta en arte
  • Unha persoa en representación da Oficina da Igualdade de Xénero da USC
  • Unha persoa en representación da Vicerreitoría de Estudantes, Cultura e Responsabilidade Social da USC
  • Unha persoa en representación da Fundación USC Deportiva.

16. Non poderán participar neste concurso os familiares de ata segundo grao dos membros do xurado.

17. Os pais, nais ou representantes legais de todos os participantes, sexan finalmente gañadores ou non, autorizan á Fundación USC Deportiva a publicar todas as obras cedidas, sen que poidan utilizarse para ningunha outra actividade non relacionada co concurso, sen límite temporal ou xeográfico.

18. Os pais, nais ou representantes legais de todos os participantes, ceden así mesmo á Fundación USC Deportiva da mesma forma e coa mesma extensión, o dereito de transformación mediante calquera modificación na súa forma, incluíndo a autorización para a creación de obras compostas.

19. Os dereitos cedidos antes indicados poderán exercitarse sobre a totalidade ou parte da obra, sen ningún tipo de limitación.

20. As cesións anteriores enténdense realizadas a título gratuíto.

21. Os pais, nais ou representantes legais dos participantes manifestan e garantirán que as obras e a cesión que ten lugar como consecuencia da participación no concurso non infrinxen dereitos de terceiros, en particular, non infrinxen dereitos de propiedade intelectual ou industrial, dereitos sobre a propia imaxe, dereitos sobre os datos persoais, nin son contrarios á lei nin aos bos costumes; e que manterán indemne á Fundación USC Deportiva e calqueira terceiro que actúe por encargo de estes por calquera reclamación da que sexa obxecto por dita causa.

22. A Fundación USC Deportiva resérvase o dereito de non publicar calquera obra cuxo contido non estea relacionado co concurso e/ou coa temática do concurso ou calquera obra cuxa autoría se sospeite que non sexa do participante rexistrado.

23. A Fundación USC Deportiva resérvase o dereito a modificar en calquera momento as condicións do concurso, incluso a súa posible anulación antes do prazo prefixado, sempre que concorra causa xusta, comprometéndose a comunicar as novas bases, condicións do concurso ou a anulación definitiva.

24. Participar neste concurso conleva a aceptación íntegra destas bases. A Fundación USC Deportiva resérvase o dereito de non permitir a participación de calquera persoa cando estime que a mesma realiza un mal uso ou uso fraudulento deste concurso, mediante calquera procedemento técnico, informático ou doutro tipo.

25. Todos os datos persoais que faciliten os interesados e interesadas para participar neste concurso pasarán a formar parte dun ficheiro automatizado responsabilidade da Fundación USC Deportiva. Estes utilizaranse coa finalidade de xestionar a súa participación no concurso, informar doutros concursos, promocións e servizos pertencentes á Fundación USC Deportiva, atender as súas consultas, suxerencias e reclamacións, así como para fins publicitarios, e incluso vía correo electrónico.

No caso de que os participantes desexen exercer sobre os seus datos persoais os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición, poderán facelo mediante escrito dirixido a: Fundación USC Deportiva: Edificio FEUGA (despachos 2 e 3), Rúa Lope Gómez de Marzoa s/n, Santiago de Compostela, indicando a referencia “V Concurso de Postais de Nadal”. Para exercer tales dereitos, a persoa interesada, dada a súa minoría de idade, deberá facelo a través do seu representante legal que adicionalmente deberá enviar fotocopia do DNI do mesmo, así como de documentación acreditativa da súa condición de representante legal do interesado ou interesada.).