Fundación USC Deportiva USC
Inicio > Actividades > Actividades > Cartafol de actividade

Cartafol de actividade

   

Sendeirismo do mes de novembro

11, 18, 22 e 25 de novembro
Novembro ofrécenos catro camiñadas de interese: a ruta do Farricoque (Luíntra), unha actividade de montaña coa subida ao Capeloso, unha saída micolóxica polos arredores de Compostela e unha nova etapa do Camiño dos Faros para achegarnos a Muxía.

Sábado 11. Luíntra. Ruta do Farricoque

  • Lonxitude: 17 km
  • Desnivel: medio (forte en puntos concretos)
  • Dificultade:  media
  • Hora de saída: ás 09:00, diante da piscina universitaria
  • Hora de regreso: ás 20:00 aproximadamente

Regresamos ao concello de Nogueira de Ramuín para facer un percorrido coñecido como a ruta do Farricoque. En realidade non imos facer este percorrido  completo e o adaptamos un pouco ás nosas necesidades. A ruta comeza en Luíntra, capital do concello e transcorre por corredoiras, entre carballeiras e bosques en moi bo estado de conservación. Tamén cruza zonas altas que permiten ter unhas estupendas panorámicas do Miño e seus arredores, así como outras zonas montañosas. Atravesa algúns pequenos pobos e aldeas como Liñares, Nogueira e Moura (san Xoán): aquí deixamos a ruta do Farricoque e nos achegamos a un fermoso miradoiro sobre o Sil. Un pouco máis adiante xa nos recolle o bus.

O percorrido conta cun alto interese natural e paisaxístico. Os camiños en xeral son bos aínda que en caso de haber lama, pode aumentar a dificultade.
A ruta do Farricoque, así como a do Contrabando e outros itinerarios do concello son deseñados e sinalizados pola asociación Móvete por Nogueira.

Sábado 18. Subida ao Capeloso. Actividade de montaña

  • Lonxitude: 18 km
  • Desnivel: alto, e forte nalgúns puntos
  • Dificultade: media-alta
  • Hora de saída: ás 08:00, diante da piscina universitaria
  • Hora de regreso: ás 20:30 aproximadamente.


Esta é a nosa primeira actividade montañeira do curso, dentro da programación prevista para este tipo de actividades.

No Capeloso xa estivemos anteriormente, acadamos o seu cumio dende Zanfoga, parroquia do concello de Pedrafita do Cebreiro. Nesta ocasión o ascenso o faremos dende Las Herrerías, lugariño do concello de Vega de Valcarce, en pleno camiño de Santiago.

O percorrido é unha auténtica marabilla pola paisaxe da que goza e o seu interese natural. As dificultades veñen dadas principalmente polo desnivel de subida(forte nalgúns puntos) aínda que os camiños son bos, salvo o último medio quilómetro antes do cumio. Aquí temos que subir por unha zona de pedras e un tramo entre a vexetación (non é preciso apoiar as mans, pero si que hai que ter un pouco de equilibrio).

O Capeloso é un cumio modesto de case 1.600 m de altitude, pero o feito de subilo dende Las Herrerías fai que a sensación de cumio sexa maior e probablemente máis satisfactoria. O descenso é máis levadío, principalmente por pistas entre amplas zonas de bosque.

A actividade de ascenso ao Capeloso polo seu desnivel a consideramos unha actividade de montaña. É preciso ter unha boa condición física e estar acostumado a facer rutas de sendeirismo con soltura, así como ter certa capacidade de esforzo. Non é unha actividade apta para xente con pouca experiencia.

Mércores 22. Roteiro por Compostela. Roteiro Micolóxico.

  • Hora de saída: ás 16:00 h.
  • Hora de regreso: ás 18:00 aproximadamente.

Facemos esta actividade en colaboración co Museo de Historia Natural da USC. O percorrido o iniciamos diante da piscina universitaria e iremos polo río Sarela, Selva Negra e lombas do Pedroso para recoller os cogomelos. Logo, ao rematar,  faremos unha posta en común para identificar as diferentes especies, o seu valor gastronómico e a súa toxicidade.

Sábado 25. Camiño dos Faros. De Ponte do Porto a Muxía.

  • Lonxitude: 17 km
  • Desnivel: medio
  • Dificultade: media
  • Hora de saída: ás 09:00, diante da piscina universitaria.
  • Hora de regreso: ás 20:00 aproximadamente.

Seguimos facendo este marabilloso percorrido pola Costa da Morte. A ruta ten un alto interese natural, paisaxístico e cultural.

Nesta ocasión faremos o tramo entre Ponte do Porto (onde rematamos a vez anterior) e Muxía. É un percorrido moi fermoso, que comeza polo paseo fluvial de Ponte do Porto, pero ao pouco entra no concello de Vimianzo no lugar de Cereixo. Aquí temos uns interesantes elementos culturais, como son as Torres de Cereixo, a igrexa de Santiago e algún muíño. Hai que destacar tamén o fermoso e enorme carballo situado xusto diante da igrexa. A ruta segue pola beira da parte máis estreita da ría, tamén coñecida como Río do Porto.
Pronto chegamos á praia de Area Grande (xa dentro do concello de Muxía).

Como poderemos observar, esta é unha zona de abondosa actividade marisqueira, moi importante para a economía da comarca. O percorrido, como ven sendo habitual vai pegado á costa e pasa por outras praias como a de Leis, praia do Lago, Merexo e lugariños como Merexo, Os Muíños e Chorente onde poderemos ver mostras de arquitectura tradicional.

A ruta remata en Muxía e se queredes acercarémonos ao seu santuario. Ao regreso faremos unha breve parada en San Xulián de Moraime, situado a escasos 3 quilómetros de Muxía e declarado BIC en 1972.

Estas andainas son unha actividade organizada polo Servizo de Deportes da USC.