Fundación USC Deportiva USC
Inicio > Actividades > Actividades > Cartafol de actividade

Cartafol de actividade

   

Rutas de sendeirismo do mes de outubro

21, 25 e 28-29 de outubro
Ao longo do mes de outubro realizaranse catro camiñadas, a primeira pola serra do Suído, a segunda pola parroquía compostelá d'A Peregrina e as outras dúas nunha fin de semana en terras d'O Bierzo.

Sábado 21. Ruta pola serra do Suído

  • Lonxitude: 16 km    
  • Desnivel: medio-forte    
  • Dificultade:  media
  • Hora de saída: ás 09:00 h., diante da piscina universitaria
  • Hora de regreso: ás 20:00 h. aproximadamente

Visitamos novamente a serra do Suído, pero desta volta por outra zona ben diferente. Iremos ata a fermosa parroquia d'A Laxe, no concello de Fornelos de Montes. Alí comenza a nosa andaina circular por esta zona da serra. O percorrido é variado, ten zonas boscosas á beira do río, zonas altas que nos permiten ver boas panorámicas e elementos etnográficos de interese como muíños e hórreos típicos da zona.

A dificultade da ruta é media aínda que ten desnivel forte nalgúns puntos. En xeral nas zonas de maior pendente o camiño é bo. En caso de haber moita auga por mor das chuvias tamén se podería incrementar a dificultade.

Goza todo o percorrido de un gran interese natural e paisaxístico.

Mércores 25. Roteiro por Compostela. A Peregrina

  • Lonxitude: 8 km
  • Desnivel: baixo
  • Dificultade: baixa-media
  • Hora de saída: ás 16:30 h., diante da piscina universitaria
  • Hora de regreso: ás 19:30 h. aproximadamente.

Desprazámonos en autobús ata a parroquia d'A Peregrina e dende alí faremos un percorrido a pé para regresar á cidade. Aproveitaremos para camiñar zonas de bosque e zonas rurais, así como algún curto tramo do río Sarela e algún parque da cidade como o miradoiro do monte de Deus. A actividade remata diante da piscina universitaria.

Sábado 28 e domingo 29. Fin de semana no Bierzo

  • Hora de saída: o sábado 28 ás 08:00 h.
  • Hora de regreso: o domingo 29 ás 21:00 h aproximadamente.

Vistaremos nesta ocasión a comarca do Bierzo, quizais nunha das mellores épocas do ano para facelo.

Estaremos aloxados no hotel El Castillo, en Ponferrada, en cuartos dobres e en réxime de media pensión, polo que hai que levar a comida para as rutas.

Faremos dúas rutas de sendeirismo: Val de Tejedas e Puentes de Malpaso.

Val de Tejedas

  • Lonxitude: 19km
  • Dificultade: Media-alta
  • Desnivel: medio-forte

É un dos vales menos coñecidos do Bierzo e quizais un dos máis impresionantes polas dimensións do seu bosque.

A ruta comeza nun alto, o que nos permite ver as dimensións do mesmo, logo vai baixando ata o río e segue polo fondo do val ata o final, onde hai unha forte subida que nos leva ao lugariño de Manjarín, situado no Camiño Francés que entra no Bierzo dende a Maragatería. Logo volvemos entrar no bosque, pola parte alta, ata a aldea de Acebo, onde nos recollerá o bus.

O bosque é unha fermosura, ten moitisima biodiversidade e unhas dimensións enormes. En xeral o camiño é cómodo, salvo algún tramo que está algo pechado pola vexetación.

Hai que cruzar o río (pequeno) en tres puntos. En caso de que chovese moito e fose perigoso cruzalo faremos unha ruta alternativa, pero no momento de preparar a ruta non presentaba o máis mínimo perigo nin complicación (o río está case seco).

O último tramo antes de chegar ao Acebo é optativo, deste xeito redúcese a ruta 5 quilómetros e baixa algo a súa dificultade.

Puentes de Malpaso

  • Lonxitude: 11 km
  • Dificultade: media
  • Desnivel: medio

A ruta de «Las Puentes de Malpaso», como lle chaman nesta zona, comeza mesmo en Molinaseca. Preparamos unha variante circular que permite gozar de variadas paisaxes: zonas altas con boas panorámicas e vales encaixados con bosques de aciñeiras.

Ten a ruta un enorme interese natural e paisaxístico, así como cultural, xa que o tramo de Malpaso é o trazado antigo do Camiño de Santiago para entrar en Molinaseca dende Manjarín.

Este tramo, aínda que é moi fermoso, a día de hoxe está case en desuso polos peregrinos.

En xeral o camiño é bo, salvo nalgún punto concreto onde o sendeiro se estreita.

Estas andainas son unha actividade organizada polo Servizo de Deportes da USC.