Fundación USC Deportiva USC
Inicio > Actividades > Actividades > Cartafol de actividade

Cartafol de actividade

   

Rutas de sendeirismo de setembro

23, 27 e 30 de setembro.
Unha dobre ruta polo Salnés, unha camiñada polos parques e xardíns de Compostela e un novo tramo do camiño dos Faros son as propostas de sendeirismo do mes de setembro.

Sábado 23. O Salnés. Ruta do río Chanca e ruta da Pedra e da Auga

Para comezar o curso imos visitar a zona de O Salnés. Pola mañá pararemos en Cambados a tomar o café. Despois iremos no autobús ata a parroquia de Lores, onde comeza a ruta.

O percorrido planificado une dous sendeiros homologados: o PR-G170, Ruta do río Chanca e o PR-G172 Ruta da Pedra e da Auga (que xa fixemos hai anos). En total son cerca de 14 quilómetros sen maiores dificultades, salvo algún curto tramo do sendeiro na beira do río onde haberá que prestar atención.

O percorrido goza dun bo estado de conservación, nel predominan os bosques de ribeira. Tamén son abondosos os tramos entre viñedos.

Ao rematar o tramo do Chanca chegamos ao mosteiro de Armenteira, unha xoia do noso patrimonio.

  • Lonxitude: 14 km.
  • Desnivel: baixo-medio.
  • Dificultade:  media-baixa.
    Hora de saída: ás 09:00, diante da piscina universitaria.
  • Hora de regreso: ás 18:00 aproximadamente.

Mércores 27. Roteiro por Compostela. Parques e Xardíns. Río Sar

Comeza a actividade cruzando o parque de a Alameda, de aí continúa ata o parque de Belvís e logo baixa ata o Sar, onde faremos un percorrido polo sendeiro fluvial e continuaremos polas brañas do Sar ata o parque de O Paxonal.

É un percorrido sinxelo, sen complicacións, que pasa por parques da cidade moi interesantes e zonas de certo interese natural como o río Sar.

Un xeito magnífico de pasar unha tarde agradable.

  • Lonxitude: 8 km.
  • Desnivel: baixo.
  • Dificultade: baixa.
  • Hora de saída: ás 17:00, diante da piscina universitaria.
  • Hora de regreso: ás 19:30 aproximadamente.

Sábado 30. Camiño dos Faros. De Cabo Vilán a Ponte do Porto

Continuamos o Camiño dos Faros onde rematamos o curso pasado: en cabo Vilán.

O percorrido vai pegado á costa, por zonas de cantís, ata chegar a capela da Virxe do Monte, onde podemos gozar dunhas estupendas panorámicas. Logo continúa ata chegar á localidade de Camariñas, máis adiante na parroquia de Xaviña continúa rodeando o monte da Insua ata a praia do Ariño. Dende aquí xa quedan poucos quilómetros ata Ponte do Porto.

É un percorrido cun alto interese paisaxístico e non ten maiores dificultades, agás algún tramo inicial onde hai que ir amodo

  • Lonxitude: 22 km.
  • Desnivel: baixo.
  • Dificultade: media.
  • Hora de saída: ás 09:00 h.
  • Hora de regreso: 20:00 aproximadamente.

Estas andainas son unha actividade organizada polo Servizo de Deportes da USC.