Fundación USC Deportiva USC
Inicio > Actividades > Actividades > Cartafol de actividade

Cartafol de actividade

   

Camiño ao Gaiás 2017

6, 13, 20 e 27 de xullo; 3, 10, 17, 24 e 31 de agosto; 7 e 14 de setembro.
Despois de varias edicións desta actividade de verán, nesta ocasión introducirase unha novidade con respecto a anos anteriores, e é que haberá roteiros tanto diurnos coma nocturnos, coa intención de motivar a aqueles composteláns que xa fixeron o programa de Camiño ao Gaiás e que se animen a repetir.

Con este programa intentaremos achegar a Cidade da Cultura a toda a sociedade compostelá e a todos aqueles visitantes que durante os meses do verán estean por Santiago. É unha boa ferramenta para fomentar e promocionar o Monte Gaiás e as actividades que alí se realizan como Atardecer no Gaiás, e tamén un estilo de vida saudable a través da actividade física que se realiza nos roteiros que se plantexan.

Descrición da actividade

Diúrno

O Roteiro comeza diante da Oficina de Turismo de Santiago, na rúa do Vilar, de aí pásase á rúa Nova e ao chegar á altura da igrexa de Santa María de Salomé, o grupo desviarase ata a rúa da Caldereiría para acadar a facultade de Xeografía e Historia. Logo cruzaremos a rúa Virxe da Cerca para chegar ao parque de Belvís baixando pola rúa das Trompas. Tras percorrelo, e logo de coller a rúa do Olvido e a de Sar, chégase á Colexiata de Sar. Dende aquí, remontando o curso do río polo paseo fluvial, acadamos o Multiusos do Sar. Só nos queda cruzar a rúa Diego Bernal para entrar no Bosque de Galicia, cruzalo e ir ata o parque do Lago. A actividade remata na Praza Central da Cidade da Cultura.

Alí explicaránlle ás persoas asistentes os puntos máis significativos e de interese para elas e a actuación dentro do programa Atardecer no Gaiás.

  • Lonxitude: 5 km.
  • Dificultade: baixa
  • Desnivel: baixo (agás a subida polo Bosque de Galicia)
  • Hora de comezo: 19:00 h.
  • Duración: 90 minutos aproximadamente

Nocturno

O Roteiro comeza no Espazo On de A Cidade da Cultura de Galicia e dende aquí baixamos polo camiño máis cómodo e directo do Bosque de Galicia ata acadar a avenida Diego Bernal para logo, pola rúa da Ponte de Sar abaixo, chegar ata a Colexiata. Dende aquí, subimos pola rúa de Sar, a rúa do Castrón Douro, e a rúa de Patio de Madres ata chegar á rúa da Fonte de San Antonio, para percorrela e chegar á praza de Galicia onde remata a actividade.

  • Lonxitude: 3 km.
  • Dificultade: baixa
  • Desnivel: baixo-medio
  • Hora de comezo: 22:30 h.
  • Duración: 50 minutos aproximadamente

Datas

A actividade terá lugar os seguintes xoves dos meses de xullo, agosto e setembro:

Roteiros diúrnos

  • Xullo: 13, 27
  • Agosto: 3, 17, 31
  • Setembro: 7, 14

Os roteiros diúrnos poden combinarse coa programación dalgúns dos concertos de Atardecer no Gaiás 2017:

  • 13 de xullo: DJ e Proxección
  • 3 de agosto: DJ e Proxección
  • 17 de agosto: DJ e Proxección

Roteiros nocturnos

  • Xullo: 6, 20
  • Agosto: 10, 24

Os roteiros nocturnos poden combinarse coa programación dalgúns dos concertos de Atardecer no Gaiás 2017:

  • 6 de xullo: Malandrómeda
  • 20 de xullo: Bareto.
  • 10 de agosto: Boyanka Kostova
  • 24 de agosto: Kikagaku Moyo

Inscrición

Pode inscribirse calquera persoa que o desexe. Os menores de idade deberán ir acompañados dun titor/a que igualmente debe inscribirse para a realización da actividade. A actividade non está recomendada para rapaces menores de 10 anos.

A cota máxima de persoas por itinerario será de 25 persoas. En caso de haber máis inscricións que prazas, crearase unha lista de agarda. Respectarase a orde de inscrición.

A hora límite de inscrición será o mesmo día de realización da ruta ás 14:00 horas.

Como inscribirse

A inscrición nos roteiros pode realizarse preenchendo este formulario on line

No caso dos menores de idade, ademais da inscrición, deberá cubrirse esta autorización e enviala por correo electrónico a:

  • info@fundacionuscdeportiva.org
  • ou entregala presencialmente na sede da Fundación (Edificio FEUGA, despacho 3. Rúa Lope Gómez de Marzoa s/n, Campus Vida, Santiago de Compostela).

Material necesario

  • Calzado cómodo e deportivo apropiado para realizar un roteiro tanto por zona urbana como por sendeiros.
  • Auga para hidratarse
  • Gorra
  • Protección solar

Normas de obrigado cumprimento

As persoas participantes seguirán as indicacións dos guías dende que comece a actividade ata que remate.

Non pode participar na actividade ningunha persoa que non estea na lista de participantes admitidos.

Os menores de idade deberán ir acompañados dun titor/a e este será o responsable do menor durante toda a actividade.

Debemos prestar máxima atención ao tráfico rodado cando haxa que cruzar rúas ou estradas.