Fundación USC Deportiva USC
Inicio > Actividades > Actividades > Cartafol de actividade

Cartafol de actividade

   

Rutas de sendeirismo de xuño

3, 17 e 18, e 21 de xuño
A oferta de camiñadas de xuño inclúe unha ruta entre Goián e Vila Nova de Cerveira, unha saída de fin de semana para facer un descenso polo río Sella e achegarse a Covadonga en Asturias, e unha saída polos arredores do río Sarela para apañar as herbas de san Xoán.

Sábado 3. De Goián a Vila Nova de Cerveira

  • Lonxitude: 15 km
  • Desnivel: non ten
  • Dificultade: baixa
  • Hora de saída: ás 08:00    
  • Hora de regreso: ás 20:00 aproximadamente

Viaxamos nesta ocasión a Goián, parroquia do concello de Tomiño. Comezaremos a nosa andaina xunto á súa fortaleza, polo paseo fluvial do Miño, que nos leva ata a ponte da Amizade a cal cruzaremos para acadar a beira portuguesa do río Miño. Continuaremos polo paseo da beira do río ata as proximidades do lugar de Sobreiro, onde daremos a volta. Dende aquí continuaremos a ruta ata Vila Nova de Cerveira, onde rematamos. Non sen antes pasar pola fortaleza de Lovelhe.O percorrido é moi sinxelo, e os camiños son moi cómodos (é aconsellable levar calzado cómodo e lixeiro)A ruta ten un alto interese natural, paisaxístico e cultural. Tanto a  fortaleza de Goián ou forte de San lourenzo como tamén se coñece, e o forte de Lovelhe, construíronse no século XVII e xogaron un papel fundamental no control e a vixilancia da fronteira.Esta é unha actividade estupenda para iniciarse no sendeirismo.

Sábado 17 e domingo 18. Fin de semana en Asturias.

  • Hora de saída: ás 07:00
  • Hora de regreso: o domingo ás 21:00 aproximadamente.

Imos esta fin de semana a Asturias a facer dúas actividades ben distintas. O sábado faremos o descenso do río Sella e o domingo unha ruta de sendeirismo entre Cangas de Onís e Covadonga. Estaremos aloxados en réxime de media pensión no Albergue Turístico Casa de la Montaña, en Avín, en cuartos de 6-8 prazas. Tendes que levar a comida para a ruta do domingo.

Se houbese algún motivo alleo á organización que impedise a realización do descenso do río Sella, a actividade farase igualmente. Temos preparada outra ruta de sendeirismo a maiores, por se fose preciso

Descenso do río Sella

Faremos esta actividade en colaboración coa Escuela Asturiana de Piragüismo que achegarán as embarcacións necesarias e persoal especializado. Ao chegar poderemos cambiarnos nos vestiarios. Temos que levar bañador, camiseta, calzado que se poida mollar (chanclas non), toalla para a ducha e protector solar.

Os monitores daran as indicacións necesarias para facer a actividade. As embarcacións que usaremos son moi estables. É recomendable saber nadar, pero en caso contrario hai que notificalo aos monitores.

Cada participante levará un chaleco salvavidas e cada embarcación levara un bidón estanco con un pic-nic para cada un dos participantes, composto por un bocadillo de friame, unha peza de froita, galletas e botellín de auga, así que para ese día non é preciso que levedes a comida.

Ao rematar regresaremos en transporte á Escuela de Piragüismo, onde poderemos ducharnos e cambiarnos.

O traxecto polo río é bastante tranquilo en xeral e pódese elixir a lonxitude do mesmo dependendo dos nosos folgos entre 8, 12 ou 16 quilómetros.

Esta actividade ten un custe de 18 euros por persoa, que abonaremos alí mesmo ao chegar

Ruta de Cangas de Onís a Covadonga

  • Lonxitude: 15 km
  • Desnivel: medio (forte nalgúns puntos)
  • Dificultade: media.

Esta ruta é a última etapa do GR 105, tamén coñecido como Ruta das Peregrinacións, que comeza en Oviedo e remata en Covadonga.

É un percorrido que vai pouco a pouco cambiando de paisaxe. Comeza xunto á ponte romana de Cangas, en forte subida, ata chegar ao parque nacional dos Picos de Europa, rematando no santuario de Covadonga.

Os camiños en xeral son moi bos agás un curto tramo do descenso, onde haberá que ir amodo.

Toda a ruta ten un alto interese paisaxístico e natural.

Mércores 21. Roteiro por Compostela. Recollida de Herbas de San Xoán

  • Hora e lugar de saída: 17:00 diante da piscina universitaria.
  • Hora e lugar de remate: 19:30 aproximadamente na piscina universitaria.
  • Lonxitude: 4 ou 5 km (dependendo de se atopamos máis ou menos herbas)
  • Dificultade: moi baixa
  • Desnivel: baixo

Facemos esta actividade en colaboración co Museo de Historia Natural.

A actividade ten un custe a maiores de 4€ con tarxeta TUI USC, 5 € menores de idade, 6 € adultos alleos a USC, que se aboará ao comezo da actividade.

A actividade, guiada por persoal cualificado do museo, consistirá nun percorrido polos arredores do río Sarela e outras zonas durante o cal se irán recollendo as diferentes herbas de san Xoán.

Estas andainas son unha actividade organizada polo Servizo de Deportes da USC.