Fundación USC Deportiva USC
Inicio > Actividades > Actividades > Cartafol de actividade

Cartafol de actividade

   

Rutas de sendeirismo do mes de maio

10, 13, e 20 e 21 de maio
A illa de Cortegada, na ría de Arousa, unha camiñada entre Oia e A Guarda, e unha fin de semana para percorrer o Parque Natural do Montesinho en Vinhais (Portugal) compoñen a programación de sendeirismo do mes de maio.

Mércores 10. Roteiro. Visita á Illa de Cortegada

  • Lonxitude: 2,5 km
  • Desnivel: non ten
  • Dificultade: moi baixa
  • Hora e lugar de saída: ás 16:00 en punto diante da piscina universitaria.    
  • Hora e lugar de regreso: ás 21:00 aproximadamente, na piscina universitaria

Faremos o traslado en bus ata o porto de Carril, onde se organizará o transporte á illa de Cortegada en embarcacións neumáticas semirríxidas. Unha vez alí, faremos un percorrido interpretativo pola illa dirixido por un guía intérprete.

Ao rematar regresaremos nas embarcacións ao porto de Carril, e de aí en autobús a Santiago.

O custe da visita guiada é de 12 €/persoa, se o número de sendeiristas está entre 16 e 25, ou de 10 €/persoa, se son máis de 25 asistentes.

Sábado 13. Ruta de Oia ata A Guarda

  • Lonxitude: 18 km
  • Desnivel: medio - alto (sobre todo de baixada)
  • Dificultade: media.
  • Hora de saída: ás 08:00    
  • Hora de regreso: ás 20:00 aproximadamente.

Comezamos a actividade no Alto do Castro no concello de Oia. A ruta vai seguino o cordal montañoso que, en paralelo á liña de costa, vai ata a localidade d'A Guarda todo o rato entre os 400 e 500 m de altitude e a menos de 2 quilómetros do mar.

As vistas son fermosas durante todo o percorrido e alternan as zonas de piñeiros coas de monte baixo. En xeral os camiños son cómodos e bos aínda que hai algún tramo máis incómodo e esvaradío.

Sábado 20 e domingo 21 Parque Natural do Montesinho. Vinhais

  • Hora de saída: sábado 20 ás 08:00 h.
  • Hora de regreso: o domingo ás 20:30 aproximadamente.

Visitamos o parque natural do Montesinho, situado no norte de Portugal, preto de A Mezquita. Goza toda a zona dun interesante valor ambiental e paisaxístico. Máis información sobre este espazo protexido pode consultarse nesta web.

Estaremos aloxados en Vinhais, no hotel Vinhais, e a cena farémola no restaurante Vasco de Gama, moi preto do hotel. A cea ten un custe de 20 euros que ten que pagar cada un alí. O menú consistirá en entrantes típicos da zona, carne grelhada e postres.

O sábado faremos a ruta antes de instalarnos no hotel, polo que é preciso ir xa preparados para camiñar e coa mochila feita.

Sábado 20. De Cádavos a Moimenta e o Trilho da Calçada

  • Lonxitude: 15 km
  • Desnivel: medio
  • Dificultade: media

Comezaremos camiñando en Cádavos no concello de A Mezquita, aínda dentro de Galicia ata o Penedo dos Tres Reinos, situado entre os tres antigos reinos de Portugal, Castela e Galicia. Unha vez aquí pasaremos “a raia” ata a localidade portuguesa de Moimenta, onde faremos un dos itinerarios de sendeirismo do parque natural: o trilho da Calçada.

Domingo 21. Ribeira de Ladroes

  • Lonxitude: 11 km
  • Desnivel: baixo-medio
  • Dificultade: baixa-media

Pola mañá teremos tempo para visitar a vila de Vinhais, así como o centro de recepción de visitantes do parque natural ou o museo do Fumeiro.

Logo faremos o itinerario de Ribeira de Ladroes, que comeza no lugar de Río de Fornos, moi preto de Vinhais. É un fermoso e relaxante percorrido entre zonas de bosques e agrícolas. O Ladroes é un afluente do río Tuela.

Estas andainas son unha actividade organizada polo Servizo de Deportes da USC.