Fundación USC Deportiva USC
Inicio > Actividades > Actividades > Cartafol de actividade

Cartafol de actividade

   

II Curso de iniciación á meditación e o «mindfulness»

PRAZAS CUBERTAS.
Este seminario está enfocado a todas aquelas persoas que queiran achegarse ao mundo da Meditación e do Mindfulness. Os contidos serán principalmente de carácter práctico e resaltarán os beneficios que comportan as técnicas de relaxación e a meditación, como a redución significativa do estrés, a mellora da capacidade de concentración e atención, así como da respiratoria, o fortalecemento das relacións tanto persoais como familiares e sociais ou a sensación de benestar físico e psicolóxico, axudando na recuperación de distintas doenzas.

Tratarase de dar resposta ás seguintes cuestións:

  • Que é o Mindfulness?
  • Que novidades presenta con respecto á meditación clásica?
  • Que beneficios reporta esta técnica da atención plena?
  • Canto tempo é nesesario practicala? Require de cualidades ou destrezas específicas?
  • Como podemos poñer en práctica o Mindfulness na nosa vida diaria?
  • En que se basea o éxito do Mindfulness?
  • Por que se aconsella facer Mindfulness?

Obxectivos do Mindfulness para a saúde e redución do estrés

  • Aprender ferramentas e habilidades que mellorarán a capacidade de manexar o estrés e as condicións de saúde relacionadas co estrés.
  • Responder eficazmente a situacións estresantes da vida (traballo, carreira, relacións familiares, enfermidade ou determinadas condicións médicas).
  • Aumentar a enerxía e a productividade.
  • Incrementar a concentración, o foco atencional.
  • Aumentar a relaxación física e mental.
  • Mellorar a comunicación e as relacións interpersonais.
  • Reducir a preocupación polo futuro ou as obsesións co pasado, permitindo unha avaliación máis clara do que está a suceder no presente.

Contidos

  • Por que meditamos? Meditación do mencer.
  • Meditación ou mindfulness? Adentrándonos nas palabras.
  • Atención plena. Camiñata meditativa.
  • Aproximación ás distintas tradicións da Meditación: a Meditación Ch’an-Zen e a Meditación Vipassana.
  • Qi Gong para principiantes. Meditación en pé.
  • Mindfulness no día a día. Meditación e respiración.
  • Posturas de relaxación e meditación.
  • Conciencia corporal e da respiración.
  • Respiración sentado/a con alongamentos. Asanas de ioga para principiantes.
  • A meditación e o mindfulness como terapias antiestrés. Mindful Eating.
  • Ensinar meditación aos máis pequenos. Meditando na familia ou na escola.

Profesor: Amancio Rial Bouza

Amancio Rial Bouza leva máis de doce anos impartindo ensinanzas de Tai chi, Kung fu, técnicas de meditación e danza no Club Deportivo da Universidade de Santiago e actualmente na Fundación USC Deportiva. Asemade, realizou seminarios e charlas sobre meditación e movemento nas facultades de Filosofía e Medicina da Universidade de Santiago de Compostela. Dirixiu durante anos as actividades de ioga-pilates, masaxe e acupuntura na empresa Dinahosting S.L., onde asesoraba aos traballadores en coidados da saúde. Experto en artes marciais chinesas, é membro fundador da Asociación Cultural Carauta para o estudo e práctica da meditación e o movemento. Ten viaxado por Asia e traballado con varios Mestres no campo das artes marciais e das distintas técnicas de meditación e relaxación. Así mesmo é o Presidente da Asociación galega para a investigación e a práctica da Meditación e as artes marciais chinesas (MAM.CHI), e presidente da asociación sen ánimo de lucro Asociación Wài Chi- Compostela.

Data e horario de realización

  • Sábado 3 de xuño de 2017
  • De 10:00 a 14:00 e de 15:30 a 18:30 horas.

Lugar

  • Aula de Ensaios da Residencia Universitaria Monte da Condesa. Campus Vida, s/n (Santiago de Compostela)

Prezo

  • 47 € (sen comida)
  • 52,70 € (con comida incluida no Restaurante Monte da Condesa)

Prazas

As 12 prazas dispoñibles para realizar o curso están xa cubertas.

O curso contará cun máximo de 12 prazas e un mínimo de 6. En caso de non acadarse o mínimo establecido procederase á anulación do curso e á devolución das taxas aboadas.

Inscrición

Pode inscribirse calquera persoa maior de 16 anos que o desexe xa que non é necesaria experiencia previa. As prazas iranse cubrindo por rigorosa orde de inscrición.

O prazo de inscrición comezará no momento da publicación do curso na páxina web da Fundación USC Deportiva. No caso de que o día 31 de maio non se teña chegado ao mínimo de participantes procederase á anulación do curso. De ter chegado ao mínimo de persoas inscritas nesa data pero haber aínda prazas libres, continuará aberto o prazo de inscrición.

A inscrición considerarase feita unha vez cuberto este formulario e unha vez que se teña  recibido na Fundación o xustificante do pagamento do curso (no caso de optar polo pagamento on line non é preciso enviar este xustificante).

Forma de pagamento

Existen dúas formas de facer o pagamento:

  1. On line
  2. Facendo un ingreso ou transferencia nalgún dos seguintes números de conta e facéndonos chegar o xustificante escaneado, correo postal ou traéndoo presencialmente á sede da Fundación.
  • Caixa Rural Galega: ES82 3070 0035 2660 6938 4920
  • Abanca:  ES07 2080 0388 2730 4000 0932
  •  Correo electrónico: contacto@fundacionuscdeportiva.org
  • Enderezo: Edificio FEUGA. Despachos 2 e 3. Rúa Lope Gómez de Marzoa s/n. 15705 Santiago de Compostela

Material necesario

As persoas participantes na actividade deben levar roupa e calzado deportivo, unha pequena manta e auga.

Renuncia á praza e devolución dos ingresos

As cantidades pagadas só serán devoltas cando non se poida utilizar o servizo por causa de forza maior non imputable ao interesado. Estas causas deberán ser debidamente xustificadas na solicitude de devolución que se formule, debendo achegar a esta os documentos xustificativos que en cada caso correspondan. Fóra destes casos, non se efectuarán devolucións das cantidades pagadas.

Protección e seguridade dos datos

Informamos que os datos persoais que se faciliten serán incorporados a un ficheiro titularidade da Fundación USC Deportiva, ao abeiro do disposto na Lei Orgánica 15/1999 de Protección de Datos de Carácter Persoal, e co fin de xestionar as actividades e difusión dos eventos organizados pola Fundación, sabendo que se poderán exercer os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición, mediante unha petición escrita dirixida á Fundación USC Deportiva, Edificio FEUGA (Despachos 2 e 3), Rúa Lope Gómez de Marzoa s/n. 15705 Santiago de Compostela.

A inscrición na actividade supón a aceptación e o compromiso destas normas.