Fundación USC Deportiva USC
Inicio > Actualidade > Novas > Nova

Nova

Os participantes da última quenda do Verán CampUSC mantiveron senllos encontros co reitor Antonio López e co alcalde de Santiago

[06/09/2021] Nenos e nenas da derradeira das 5 quendas do Verán CampUSC 2021 visitaron este luns o Colexio de San Xerome para manter un encontro co reitor Antonio López e coa vicerreitora de Igualdade, Cultura e Servizos, Mar Lorenzo Moledo. Os vinte nenos e nenas, distribuídos en dous grupos de dez, acompañados polo xerente da Fundación USC, Óscar Hermida, e a vicerreitora de Igualdade, Cultura e Servizos da USC, Mar Lorenzo, foron asemade recibidos polo alcalde da cidade, Xosé Sánchez Bugallo.

Na recepción municipal no Pazo de Raxoi tamén estaban presentes a concelleira de Políticas de Igualdade, Mercedes Rosón, que lles explicou o funcionamento do concello de Santiago; José Antonio Constenla, en representación do Grupo Popular; e as voceiras de Compostela Aberta, Marta Lois; e do BNG local, Goretti Sanmartín.

O verán CampUSC 2021 contou coa participación de máis de 200 nenos e nenas nacidas entre 2004 e 2017, moitos dos e das cales se inscribiron en diferentes quendas superando a barreira das 500 inscricións.

O Verán CampUSC é un campamento urbano para posibilitar a conciliación entre a vida laboral e familiar tanto da comunidade universitaria da USC coma do público xeral durante o período das vacacións escolares.

A través do seu programa de actividades, o Verán CampUSC serve de espazo de iniciación a unha gran cantidade de actividades de ocio e tempo libre, xogos e deportes, atendendo ás idades e desenvolvemento psíquico-físico das nenas e nenos. Neste programa, os rapaces e rapazas participantes desenvolven tamén, de xeito transversal, valores de disciplina, esforzo, perspectiva de xénero, integración, hixiene e respecto ás normas.

A edición 2021 mantivo unha serie de medidas implantadas xa o pasado curso para facer fronte á actual situación sanitaria. Dende a organización, coordináronse con especialistas todas as medidas de seguridade, de prevención da saúde e de hixiene que a situación require para coidar ao máximo a saúde tanto dos participantes como do persoal que dinamiza o programa. Ademais, antes do inicio do programa, as familias participantes recibiron toda a información do desenvolvemento da actividade relativa ás medidas implantadas.