Fundación USC Deportiva USC
Inicio > Actualidade > Novas > Nova

Nova

Nova edición do Verán CampUSC. Preinscrición aberta até o 9 de maio.

[30/04/2019] A vicerreitora de Comunicación, Cultura e Servizos, Mar Lorenzo; a concelleira de Igualdade, Marta Lois González; e o xerente da Fundación USC Deportiva, Óscar Hermida Otero presentaron hoxe Verán CampUSC 2019, o programa de conciliación estival da Universidade que achegará actividades deportivas, culturais, socioeducativas e de lecer a rapaces e rapazas de 3 a 13 anos. A preinscrición no Verán CampUSC xa abriu e pecharase o vindeiro 9 de maio.

O horario do Verán CampUSC 2019 abrangue de 8.45 a 14.45 horas en 5 quendas: do 24 ao 28 de xuño; en xullo, do 1 ao 12, do 15 ao 19 e do 22 ao 31; e en setembro entre os días 2 e 10. O programa desenvolverase nas instalacións deportivas da USC e noutras segundo necesidades específicas das actividades. Ofértanse 100 prazas en cada quenda, das que 70 están reservadas para membros da comunidade universitaria e persoal da Fundación USC Deportiva.

As persoas interesadas deberán cubrir este cuestionario de preinscrición on line. O 14 de maio publicaranse as listas provisionais de persoas admitidas en cada quenda e o día 20, logo de atender eventuais reclamacións, faranse públicas as listaxes de admisión definitivas.

Un programa completo


No Verán CampUSC achegaranse aos participantes as bases de gran cantidade de xogos e deportes atendendo ás diferentes idades e desenvolvemento psíquico-físico.

Na presentación aos medios da edición do Verán CampUSC os seus reponsables e promotores salientaron que práctica de actividades físico-deportivas resulta beneficiosa, non só no plano da saúde, senón tamén como vía para «inculcar dun xeito lúdico os valores de disciplina, esforzo, perspectiva de xénero, dedicación e respecto ás normas que, sen dúbida, resultarán de utilidade para a vida cotiá».

Entre outras actividades, os rapaces e rapazas realizarán deportes de raqueta e de loita, psicomotricidade, deportes colectivos, sendeirismo, acrosport, xogos predeportivos e populares. No ámbito do ocio e tempo libre inclúense diferentes obradoiros con diversas técnicas e materiais (modelaxe, pintura, recortables ou papiroflexia), cancións, xogos cooperativos...) ademais de actividades en favor da igualdade e visitas a lugares significativos da cidade e a súa contorna.

Verán CampUSC é un programa organizado pola Fundación USC Deportiva coa colaboración da Oficina de Igualdade de Xénero e o Servizo de Deportes da USC e mais a Concellaría de Igualdade de Santiago.