Fundación USC Deportiva USC
Inicio > Actualidade > Novas > Nova

Nova

Presentación pública do Verán CampUSC 2018 e apertura do praza de preinscrición

[26/04/2018] Hoxe, a Vicepresidenta do Padroado da Fundación USC Deportiva e Vicerreitora de Estudantes, Cultura e Responsabilidade Social da USC, Mª Dolores Álvarez; a concelleira de Igualdade do Concello de Santiago, Marta Lois González; e o xerente da Fundación, Óscar Hermida, presentaron oficialmente a edición de 2018 do Verán CampUSC, o programa de conciliación para a comunidade universitaria, que tamén aberto ao público xeral, con actividades lúdicas, recreativas e deportivas para rapaces e rapazas de 3 a 13 anos.

A convocatoria 2018 do programa Verán CampUSC desenvolverase en cinco quendas entre finais de xuño, todo o mes de xullo e a primeira semana do mes de setembro, cunha oferta de cen prazas en cada unha, das que 70 estarán reservadas á comunidade universitaria e as restantes ao público xeral.

As cinco quendas do Verán CampUSC estenderanse do 22 ao 29 de xuño; en xullo: do 2 ao 13, do 16 ao 20 e do 23 ao 31; e do 3 ao 7 de setembro. O programa desenvolverase de luns a venres en horario de 8.45 a 14.45 horas.

Como en edicións anteriores, o programa Verán CampUSC 2018 está concibido como unha actividade deportiva, cultural, socioeducativa e de lecer, desenvolvida no período de verán que permita conciliar a vida laboral e familiar, dando preferencia ao persoal da USC pero tamén aberta ao público xeral. 

O Verán CampUSC está organizado pola Fundación USC Deportiva coa colaboración, por terceiro ano consecutivo, da Concellaría de Igualdade, e conta co apoio da Oficina de Igualdade de Xénero e do Servizo de Deportes da USC.

A preinscrición xa se pode formalizar ata o 7 de maio. O 9 de maio, como data límite, publicaranse nesta web as listas provisionais de persoas admitidas en cada quenda e, logo dun período de reclamación e corrección de posibles erros, publicaranse as listas definitivas o 14 de maio.  

A programación de actividades está planificada atendendo a criterios psicopedagóxicos e de perspectiva de xénero. Nesta ocasión, dividirase en dous grandes grupos metodolóxicos: a ensinanza por proxectos en infantil e a metodoloxía comprensiva. Para os máis pequenos traballarase a través dun proxecto, unha proposta que utiliza un ambiente ou contido concreto para abordar todo o relacionado cunha mesma materia.

Por outra banda, traballarase un modelo de ensinanza polideportivo baseado na metodoloxía comprensiva baseada nos principios de cooperación, toma de decisións e a priorización da táctica sobre a técnica.

Dentro das actividades de ocio e tempo libre inclúense diferentes obradoiros con diversas técnicas e materiais (pinturas, recortables, papiroflexia, modelaxe,...), cancións, xogos cooperativos, actividades en favor da igualdade e visitas a lugares significativos da cidade ou da súa contorna, entre outras propostas.

[Totografía: Paula Martínez Graña]