Fundación USC Deportiva USC
Inicio > Actualidade > Novas > Nova

Nova

Tenis: o Club USC, campión galego de 2ª Feminina Junior por equipos

[05/12/2017] Nas pistas de resina sintética do Sporting Club Casino da Coruña o equipo junior femenino do Club USC proclamouse campión galego da segunda categoría tras vencer ao equipo anfritrión.

A fase final desta  competición (anteriormente xogouse a fase de grupos durante os meses de setembro e outubro) desenvolveuse polo sistema de concentración e  acolleu ademais do Club organizador, o Sporting Club Casino Coruña, ao Club USC, ao Club Tenis Punta Salera de Puebla e ao Club Zona Indoor da Coruña.

Na semifinal correspondeulle xogar ao Club USC contra o equipo de Zona Indoor. Os triunfos de Ainhoa Ríos sobre María Placer (6-0, 6-3) e de Patricia Viadel sobre Paula Salazar (6-4, 6-1) e a derrota de María Díaz ante Alba Camino (6-4, 6-3) poñían por diante por 2-1 na eliminatoria ao Club USC. O partido de dobres resultaba decisivo e ainda que Alba Camino e Helena Allende derrotaban a Ainhoa Ríos e María Diaz por 6-4, 6-3 poñendo o empate a dous na eliminatoria, e tamén o empate a sets, esta decidiuse pola diferencia de xogos, só un xogo máis a favor do Club USC que se clasificaba para a final.

Na outra semifinal o club organizador, Sporting Club Casino da Coruña, impoñíase ao Club Tenis Punta Salera por un global de 3 a 1.

A final foi unha eliminatoria nos que os tres partidos de individuais se tiveron que resolver no terceiro set. O USC gañou os de Patricia Viadel, que xogou a final lesionada no pulso (lesión que se produciu na semifinal ante Zona Indoor) ante Beatriz Cañete, no que foi o mellor partido da competición, por 6-4, 4-6, 6-3; e María Díaz que, nun partido agónico, superou a Marianne Voysey por 3-6, 6-3, 7-5. O punto do Casino Coruña foi o acadado por Victoría Guillén ante Ainhoa Ríos por 1-6, 6-1, 6-3 no que Ainhoa deixou escapar unha vantaxe de 3-1 no set decisivo.

Así houbo que xogar outra volta o doble decisivo e desta vez a parella santiaguesa formada por Ainhoa Ríos e Patricia Viadel impoñianse á parella coruñesa formada por Victoria Guillén e Beatriz Cañete por 6-4, 6-2, o que significou o 3-1 definitivo da final e o campionato galego da categoría para o Club USC .

O Xuíz Árbitro da competición foi Lis Iglesias designado pola Federación Galega de Tenis.