Fundación USC Deportiva USC
Inicio > Actualidade > Novas > Nova

Nova

Rematou o Verán CampUSC 2017 con récord de participación

[14/09/2017] Concluíu a edición de 2017 do Verán CampUSC cun novo récord de asistencia. 207 nenos e nenas participaron nas cinco quendas que se iniciaron o 26 de xuño e remataron, despois dunha paréntese no mes de agosto, o pasado día 8 de setembro. Desta volta, exitosamente, ocupáronse o 95% das prazas e en tres das cinco quendas cubríronse todas as prazas dispoñibles.

A edición de 2017 incorporou como novidades unha visita ao Aquapark de Cerceda e unha colaboración con Kids & Us para facer representacións teatrais e obradoiros científicos e de cociña en inglés. Fixéronse asemade saídas á área recreativa de Chaián e ás piscinas Fontes do Sar, ademais de encontros coas autoridades académicas no Reitorado e con representantes municipais no Pazo de Raxoi.

Como en edicións anteriores o Verán CampUSC contou coa colaboración do Club Triatlón Arcade Inforhouse e da Asociación Compostela Esgrima, e repetiuse outra volta a actividade de Estalmat para o desenvolvemento do talento matemático.

O Verán CampUSC está organizado pola Fundación USC Deportiva a solicitude da Vicerreitoría de Estudantes, Cultura e Responsabilidade Social da USC. Nesta edición, e por segundo ano consecutivo, o programa recibiu o apoio do Concello de Santiago de Compostela a través da Concellería de Igualdade; así mesmo, coma en anos anteriores, colaboraron a Oficina de Igualdade de Xénero e o Servizo de Deportes da USC, a Deputación da Coruña, Monbús e Cabreiroá.